A Estrada presenta o seu V Plan de Igualdade con 76 medidas transversais a prol da igualdade de xénero

 O plan foi presentado esta mañá pola responsable do CIM, Marga
de la Calle e pola axente de Igualdade, Lara Fuentes, nun acto no
que participaron o alcalde, José López Campos e a edil, Amalia
Goldar.
 O documento está composto por 5 obxectivos xerais, 12 obxectivos
específicos e 76 medidas deseñadas para corrixir ou compensar as
situacións de desigualdade e discriminacións existentes.

O Concello da Estrada presentou hoxe o seu
V Plan Municipal de Igualdade e de Prevención da Violencia de Xénero. Este
plan está promovido polo Concello e o Centro de Información ás Mulleres da
Estrada, financiado a cargo dos fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia
de Xénero do Ministerio de Igualdade e elaborado por APAIOGA (Asociación
Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega).
O plan, enmarcado no Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero, foi
presentado esta mañá pola responsable do CIM, Marga de la Calle e pola
axente de Igualdade, Lara Fuentes, nun acto no que tamén asistiron o alcalde,
José López Campos e aconcelleira, Amalia Goldar.
Trátase dun documento guía para os vindeiros cinco anos, froito do
compromiso do Concello da Estrada coa igualdade e que conta cuns
obxectivos claros e unhas medidas deseñadas para reforzar, coordinar e
intensificar a promoción da igualdade entre mulleres e homes e a loita contra a
violencia de xénero no ámbito municipal.
Nel distingue cinco áreas prioritarias de acción; abordaxe integral da violencia
de xénero; educación en igualdade; participación social; apoderamento e
benestar; emprego, conciliación e corresponsabilidade e transversalidade de
xénero na administración local.
En total, o plan está composto por 5 obxectivos xerais, 12 obxectivos
específicos e 76 medidas deseñadas para corrixir ou compensar as situacións
de desigualdade e discriminacións existentes.

 

Neste novo plan, ponse énfase na sensibilización á sociedade sobre as
distintas formas de violencia contra as mulleres con medidas como a
presentada esta semana, o protocolo de actuación ante agresións sexuais en
espazos de ocio, así como o reforzo da interderivación e o impulso da Mesa
Local de coordinación contra a violencia de xénero, entre outras.
No eido da educación en igualdade, destacan as medidas destinadas á
sensibilización, formación e implicación de toda a comunidade educativa con
obradoiros nos que abordar as ciberviolencias, as novas masculinidades, a
diversidade afectivo-sexual etc. Tamén, se deseñaron medidas para ampliar a
sensibilización a toda a sociedade a través de actividades lúdicas, culturais,
redes sociais etc.
No eido de participación social, apoderamento e benestar, recóllense medidas
orientadas á mellora do benestar da poboación e ao apoderamento das
mulleres. Algunhas medidas deste eido teñen que ver, por exemplo, co
mantemento e creación de novas colaboracións con entidades especializadas
en diversidade funcional, migración, diversidade afectivo-sexual etc para
garantir unha correcta atención ás necesidades de todas as persoas.
Tamén, medidas que buscan promover a presenza e recoñecemento
equilibrado de mulleres e homes nas distintas esferas de participación e
decisión e a visibilización das mulleres da Estrada nos diferentes ámbitos.
Na area de emprego, conciliación e corresponsabilidade; as medidas están
orientadas a potenciar a incorporación e permanencia das mulleres no mercado
laboral, a promover a responsabilidade social do empresariado local en materia
de igualdade e a fomentar a corresponsabilidade e a conciliación.
Por último, no quinto eido, búscase un modelo de gobernanza que incorpore a
transversalidade de xénero en todos os procesos da organización municipal;
que incentive a formación en igualdade, que promova a presenza equilibrada
de mulleres e homes e que coide a linguaxe e imaxes utilizadas.
Este documento estará dispoñible ao longo da vindeira semana na páxina web
municipal e quedará a disposición de toda a poboación estradense.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.