“Entomoloxía para misioneiros”, de Fernando Castro Paredes próclamase gañadora do XXXV premio de novela «Manuel García Barros»

A novela “Entomoloxía para misioneiros”, do
tapiego Fernando Castro Paredes foi galardoada hoxe co prestixioso premio
literario ‘Manuel García Barrios (Ken Keirades)’.
O xurado, integrado por Iria Collazo López, Patricia Arias Chachero, presente a
través de videconferencia, Marcos Sánchez Calveiro, Armando Requeixo Cuba
e Carlos Loureiro Rodríguez, reuniuse esta mañá na sala de xuntas do
Concello da Estrada para deliberar cal sería a peza vencedora na trixésimo
quinta edición do certame.
Unha vez valoradas as 22 obras presentadas, a decisión do tribunal foi
concederlle o premio por maioría á novela de Castro Paredes, da cal
destacaron “a ambición estética dunha narración que conxuga a fórmula do
relato de aventuras cunha historia de procuras interiores na que se torna
esencial o contraste dos mundos de Occidente e Oriente”.
Tamén se puxo en valor a arquitectura “moi elaborada que inclúe epístolas,
informes e outras modulacións do discurso, Entomoloxía para misioneiros
ábrese á reflexión sobre grandes cuestións como a oposición fe/ciencia, a
problemática da identidade ou a realidade da (in)comunicación entre outros
asuntos palpitantes, que fan desta novela un artefacto literario de xenuína e
poderosa voz”, destacou o xurado.
O edil de Cultura, Juan Constenla, destacou “a calidade de todas as propostas
presentadas na presente edición, e puxo en valor a realización dun certame
que supón un fantástico escaparate para moitos escritores e escritoras ao
mesmo tempo que mantén vixente a figura dun dos grandes literatos
estradenses como é Manuel García Barros”.


Polivalencia artística e un nutrido palmarés
Fernando Castro Paredes naceu en Tapia de Casariego (Asturias) en 1975.
Exerce coma profesor de ensino secundario. Traballa no eido do teatro escolar
e afeccionado, sendo un dos coordinadores da agrupación escolar Tuéjele
Teatro, do IES Fernando Blanco de Cee, e membro do grupo Farándula
Velutina, cos que desenvolve actividades por toda a xeografía galega. Cultiva
todos os xéneros literarios, especialmente o teatro. Como dramaturgo,
formouse nos talleres do Centro Latinoamericano de Creación e Investigación
Teatral e recibiu recoñecementos como o Premio Rafael Dieste, o Premio
Álvaro Cunqueiro e o Premio Roberto Vidal Bolaño, entre outros.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.