A cita será este domingo, 24 de setembro, ás 19.00 horas na praza
do Concello.
Xuntar 500 voces enriba dun escenario
non é tarefa fácil, pero iso será o que A Estrada vivirá este domingo, 24 de
setembro, da man da XVII Romaría Coral. A cita, cuxa presentación tivo lugar
hoxe, está organizada pola Federación Coral Galega (Fecoga) en colaboración
do Concello e a Consellería de Cultura da Xunta. Na mesma interviñeron o edil
de Cultura, Juan Constenla, o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo
Lorenzo, o presidente de Fecoga, Antonio Rey, e o presidente da Coral
Polifónica de berres, Manuel Villar.
O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, sinalou o “orgullo que supón para o
Concello acoller o evento coral máis importante de toda Galicia”. O edil
explicou que a cita contará con representación das agrupacións da Estrada.
Así, tomarán parte máis dunha vintena corais de toda Galicia e, entre elas, está
prevista a actuación da Coral Polifónica Estrandense e da Coral Polifónica de
Berres, así como da Banda de Música Municipal da Estrada. Na mesma liña, o
director xeral de Cultura subliñou a importancia deste tipo de eventos para pór
en valor “unha parte importante da nosa cultura popular”.
O concerto arrincará o domingo, día 24, ás 19.00 horas na praza do Concello.
No mesmo tomarán parte 21 corais procedentes de toda a xeografía galega. En
total, interpretaranse oito pezas a capela e outros tres temas nos que os
cantantes estarán acompañados pola Banda de Música da Estrada.