A sala de xuntas do Concello da Estrada
acolleu esta mañá a entrega do Premio de Álbum Ilustrado ‘Alberte Quiñoi’ á
autora Laura Cid Rascado pola súa obra ‘Maruchi e o gancho’, que foi
presentada no mesmo acto.
Acompañando á escritora e ilustradora estiveron o concelleiro de Cultura, Juan
Manuel Constenla, e o director de produción da Editorial Galaxia, Xesús
Domínguez.
Cid Rascado inspirouse nunha familiar súa, Maruchi, para realizar esta peza,
na que conxuga á perfección tenrura, humor e perspicacia, como destacou o
xurado do Premio de Álbum Ilustrado ‘Alberte Quiñoi’ á hora de ditaminar o
veredicto final. O galardón foi convocado, por terceiro ano consecutivo, polo
Concello da Estrada en colaboración coa Secretaría Xeral de Política
Lingüística e da Editorial Galaxia.
A peza, que se atopa á venda nas librarías desde o pasado mes de xuño, conta
a particular historia de Maruchi e a súa paixón por tecer. Naceu, tal e como
describiu a autora na presentación, coma unha “casualidade”: o seu amor polo
arte levouna a realizar ilustracións de animais que conteñen as características
das persoas nas que se inspira. Así pintou por primeira vez á protagonista,
unha galiña.
No acto, Constenla agradeceu a participación de todas as persoas neste
concurso, que naceu, afirmou, co obxectivo de “incentivar a creatividade dos
novos e novas autores e que sirva, ademais, de escaparate para dar a coñecer
o seu traballo ao público”. Ademais, reivindicou o “compromiso do Concello da
Estrada coa cultura, con máis de cinco premios literarios convocados ano tras
ano” e que son unha oportunidade para as novas promesas.
Finalizou a intervención dándolle os parabéns á “gran protagonista” da
xornada, Laura, pola súa marabillosa obra e animou a todos os pequenos e
pequenas a lela.
Pola súa parte, Xesús Domínguez quixo agradecer o labor desenvolto e o
“compromiso coa cultura” que hai desde o departamento de Cultura do
Concello da Estrada.