O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, presentou, esta mañá, as
propostas que se levarán a cabo no Teatro Principal entre os meses
de setembro e xaneiro.
O Teatro Principal da Estrada
converterase, neste último trimestre do ano, no escenario de máis dunha
vintena de actividades culturais de diferentes disciplinas e para todas as
idades. A través do programa A Estrada Escena, a Concellería de Cultura
levará a cabo 22 propostas como representacións teatrais, concertos,
parladoiros, etc. O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, explicou, esta mañá,
a oferta cultural, incidindo en que se apostou por "diferentes xéneros e
formatos para chegar á meirante parte da veciñanza, ofrecendo actividades de
calidade e asequibles".
No apartado de música e danza, destacan algunhas das citas anuais e que o
concelleiro definiu como "obrigadas". En concreto, Constenla enumerou o XVI
Encontro Folk Lume na Lareira (12 de novembro, ás 18.00 horas), o concerto
de Santa Cecilia a cargo da Banda Municipal da Estrada (sábado, 25 de
novembro, ás 20.30 horas) e os recitais de Nadal e Fin de Ano por parte do
alumnado do obradoiro de música moderna Carlos Barruso (22 de decembro
ás 21.00 horas e 23 de decembro ás 20.30 horas, respectivamente), entre
outras propostas. En canto á danza, destacará a visita da compañía Greta Marí
(3 de novembro, ás 21.00 horas).
Na disciplina de teatro haberá actuacións para público infantil e familiar e
tamén para adultos. Entre as posibilidades despuntan o espectáculo Son no
Berce da compañía A Cova das Letras (14 de outubro, ás 12.30 horas). A
maiores, Náufragos Teatro chegará ao municipio con Hugo o día 2 de
decembro, ás 12.30 horas. A época de Nadal traerá consigo a representación
de funcións propias da época como, por exemplo, Cuento de Navidad por parte
do grupo Cía La Bicicleta (2 de xaneiro, ás 17.30 e ás 19.30 horas). Os máis
maiores terán tamén ocasión de gozar de Deadpan Karaoke, o novo
espectáculo da compañía Ibuprofeno Teatro (30 de setembro, ás 20.30 horas).
A isto hai que sumar, así mesmo, a visita de dous dos grandes expoñentes da
comedia: Leo Bassi (6 de outubro, ás 21.00 horas) e de Rafael Álvarez (27 de
outubro, ás 21.00 horas).
Como avanzou o concelleiro, a muller será a gran protagonista
no mes de novembro, con representacións teatrais como a obra Santa Inés (10
de novembro, ás 21.00 horas) ou As alumnas (17 de novembro, ás 21.00
horas).
O programa verase completado, así mesmo, polos parladoiros a cargo do actor
e director, Quico Cadaval, (2 de novembro, ás 20.30 horas) e da escritora,
Yolanda Castaño, (23 de novembro, ás 20.30 horas).
Todas as actividades se poderán consultar na páxina web e na app do Concello
da Estrada.