A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA APOIA A DECLARACIÓNDO CAMIÑO DE TAVERNEIRO COMO VÍA CULTURAL

A deputada de Turismo, Nava Castro, enxalza a proposta conxunta dos seis
concellos da provincia por onde pasa a ruta para obter esta distinción:
“Sumando accións como o impulso deste novo itinerario seguimos a

posicionarnos como destino de referencia”

A deputada provincial de Turismo, Nava Castro, referendou hoxe nun acto no
Palacete das Mendoza o apoio da Deputación de Pontevedra á proposta conxunta
dos concellos de Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Salvaterra, Pazos de Borbén,
Ponteareas e Ponte Caldelas para solicitar á Xunta de Galicia a declaración do
Camiño de Taverneiro como Vía Cultural. Con esta iniciativa, os municipios polos que
discorre este novo itinerario estreado o pasado ano buscan impulsar a promoción e
divulgación dunha ruta que, como subliñou Castro, “ofrece un patrimonio cultural,
relixioso e cultural moi amplo ao longo dos seus 130 quilómetros”. Neste acto, a
deputada e tamén alcaldesa de Ponteareas estivo acompañada de Jorge Cubela,
alcalde de Cerdedo-Cotobade e deputado provincial de Cooperación, así como de
Marta Valcárcel, alcaldesa de Salvaterra de Miño; Xosé Luciano Otero, alcalde de
Pazos de Borbén; Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas e Juan Manuel Constenla,
tenente de alcalde da Estrada.
Na súa intervención, Nava Castro destacou a importancia desta iniciativa, “que une a
seis concellos desta provincia en torno á cultura, ao patrimonio e tamén á proxección
turística que vai supoñer xa contar con este novo camiño cara Compostela”. “Traballar
unidos, sumando sinerxías, é sempre garantía de éxito –indicou-. E hoxe estamos a
dar xuntos estes primeiros pasos para que este novo roteiro, cuxo trazado é froito de
moita investigación e documentación, se coñeza, se divulgue e amose ás persoas que
o camiñen o gran atractivo que ten a nosa provincia no seu interior”. “Pontevedra é
desfrutar! –engadiu-. Por iso suxerimos esta nova alternativa. Sabemos que temos
unha oferta paisaxística, gastronómica, cultural e patrimonial moi difícil de igualar. E
sumando accións como o impulso deste novo itinerario seguimos a posicionarnos
como destino de referencia en torno aos Camiños a Santiago”.
A deputada provincial remarcou que “este viario cumpre á perfección todas as
condicións para obter a declaración como Vía Cultural”, destacando a presenza de 30
igrexas, 14 petos de ánimas, numerosos cruceiros e una ampla lista de contornas
culturais e naturais ao longo do seu percorrido. Neste senso, Castro amosou o
compromiso da institución “coa terra, coa cultura, as tradicións e a nosa identidade” e
incidiu en que para a Administración provincial “é unha obriga seguir a impulsar todas

aquelas accións que nos poñen en valor, nos promocionan e sitúan no mundo” como
a nova proposta do Camiño de Taverneiro, lembrando que desde Turismo Rías
Baixas estase a traballar para divulgar e dar a coñecer todos e cada un dos camiños
xacobeos que transcorren pola provincia.
O Concello de Salvaterra xa aprobou a proposta para dirixirse á Dirección Xeral de
Patrimonio Cultural a fin de que incoe o expediente para a declaración de Vía Cultural
e esta mesma tarde Ponteareas levará este asunto ao seu pleno, de xeito que a idea
é que a próxima semana estean aprobadas as propostas polas corporacións dos seis
concellos. Este é o primeiro paso para as conversas coa Xunta, nas que se quere
implicar tamén aos investigadores que recuperaron a ruta. Ademais, Nava Castro
emprazou aos representantes municipais a unha presentación conxunta do Camiño
de Taverneiro na próxima edición da feira Fitur en Madrid.
Durante o acto, amosouse a guía que Carlos da Barreira e Luis Ferro elaboraron
sobre esta nova ruta. “Camiño de Taverneiro. Guía do Peregrino” ofrece en 185
páxinas a cor toda a información detallada sobre a ruta, distancias, lugares para
durmir e datos sobre o patrimonio natural e cultural, así como datos etnográficos para
as persoas que se decidan a facer esta ruta, que debe o seu nome a Ignacio
Taverneiro, un peregrino veciño de Ponte Caldelas, que faleceu en 1784 na Estrada
despois de realizar o percorrido. Neste senso, a deputada provincial salientou o arduo
traballo de investigación promovido por ambos autores para recuperar esta ruta:
“Estamos a ver, grazas ao traballo de moitos colectivos e moitos investigadores e
expertos, que existen outras vías, descoñecidas ata tempos recentes e que, como
esta, tamén foron utilizadas e hai que impulsar, promocionar e dar a coñecer”,
apuntou.
O camiño conta con 5 etapas entre Salvaterra e Compostela, cun total de 130
quilómetros e nos últimos dous anos foi percorrido por máis de 200 persoas, tanto a
pé como a cabalo e en bicicleta. A primeira destas etapas, de 24 km, arranca en
Salvaterra e transcorre ata Padróns (Ponteareas), á que segue unha segunda de 26
km desde este lugar a Ponte Caldelas. A partir deste punto continúa nunha terceira
etapa de 25 km ata Pedre (Cerdedo-Cotobade), a cuarta (24km) entre Pedre e A
Estrada e por último, desde este concello sae a quinta etapa, de 31km cara a
Santiago.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.