A Pastelería Mimela, o programaDígocho Eu e o obradoiro de gaitasGarcía de Riobó son os vencedores dos XXXII Premios San Martiño

 

 

O Concello da Estrada recoñece na
trixésimo segunda edición dos premios San Martiño de Normalización
Lingüística á panadería Mimela, ao programa Dígocho Eu e ao obradoiro de
gaitas García de Riobó.
O padroado, constituído polo edil de Cultura, Juan Constenla, Iván Sanmartín
Eirín, María Sanmartín Ruzo, José Parada Caramés, Henrique Vázquez Pernas
e Xosé Lueiro Lemos acordou por unanimidade a concesión destes galardóns á
promoción da lingua, en tres modalidades distintas.
O premio á difusión da lingua na comarca de Tabeirós- Terra de Montes
foi outorgado á Pastelería Mimela pola súa defensa do idioma na Estrada e
comarca, o negocio xestionado por Antonio Sanmartín Chao, é unha empresa
comprometida, dende que abriu as súas portas no ano 1985, co uso do galego,
tanto na súa proxección publicitaria coma na normalización da terminoloxía
pasteleira. Paralelamente, é unha empresa significada no uso de produtos
naturais , cun proceso de produción artesanal e ecoloxicamente sostible.
Un compromiso que se proxecta cara á compra de produtos locais e de materia
prima cultivada en países respectuosos co medio ambiente e cos dereitos
laborais das persoas que interveñen na cadea de subministro.
Pola súa parte, o programa da TVG Dígocho Eu, comandado por Esther
Estévez e o seu equipo, recibiu o galardón á normalización no ámbito
galego por achegarlle á mocidade as pautas normativas do galego, e por
facelo dun xeito dinámico e entretido, converténdose nun estímulo para a
participación lingüística da xente nova e de toda a comunidade educativa
galega.

Un traballo que realizan a través das novas tecnoloxías e as redes sociais,
rachando con moitos dos prexuízos que en materia lingüística e cultural se lle
teñen imputado á nosa lingua e que vén sementando na mocidade, desde que
se inaugurou no ano 2020.
Finalmente, o premio á normalización a toda unha vida recae no obradoiro
de gaitas García de Riobó, o cal recoñece o traballo dunha estirpe de
artesáns da gaita que remonta a súa orixe a finais do século XVIII cando
Joaquín García Rey o puxo en marcha. Despois de 50 anos promovendo a
lingua e amúsica tradicional galega, coa xubilación de Joaquín Espiño, o
obradoiro García de Riobó pecha as portas para sempre.
Moitos dos instrumentos saídos deste taller chegaron a mans dos principais
gaiteiros do país e espalláronse pola Galicia emigrante, convertendo esta
marca artesá nunha grande transmisora de cultura e de saber musical galego.
O acto de entrega de premios terá lugar o hoxe 15 de novembro a partir
das 20:30 horas no Teatro Principal da Estrada.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.