Se soben os alugueiros, é moi probábel tamén que o noso concello perda poboación. O PP está empeñado en baixar A Estrada de categoría
Cando o PP aprobou a suba do IBI dixemos que ía ter repercusión nos alugueiros, tanto no residencial como nos locais comerciais, e o tempo, novamente dános a razón.
Hoxe mesmo un medio de comunicación local informa da suba dos alugueiros de vivendas, algo que sen dúbida terá outro efecto colateral: a perda de poboación. Neste sentido, a baixada de habitantes no noso concello pende dun fío moi fino; segundo os datos do INE e do IGE de 2022, o noso concello ten 20.106 habitantes, unha marxe moi estreita, que se afinará aínda máis coa subida do IBI xa aprobada polo PP e a correspondente subida dos alugueiros.
O goberno do PP está empeñado en baixar de categoría o noso concello. As súas decisións políticas dos últimos anos apuntan nesa dirección e non semella que o goberno de López vaia rectificar. Como dixemos baixar dos 20.000 habitantes terá consecuencias nos ingresos, na xestión de servizos, mais tamén na percepción de fondos europeos.