David Vázquez e Raquel Miguens foron os mellores deportistas do
ano, mentres que Samuel Tato e Iziar Barcala acadaron este
distintivo na categoría sub 18.
O Club Tenis RC foi o mellor club estradense e o Club Tenis de
Mesa Top Spin o mellor club de base.
O galardón ao mellor equipo foi para o cadete masculino do CNS e
Miguel Sánchez, técnico do Club Tenis RC, proclamouse como
mellor adestrador, mentres que o loitador Joel Castro foi o
deportista revelación.
As mencións honoríficas foron para Toño Rivas, Uxía Rodríguez e a
parella de baile integrada por Aixa Otero e Adrián Gañete, e o
doutor Juan José Cota foi recoñecido pola súa traxectoria.
O Concello da Estrada celebrou esta
noite a súa V Gala do Deporte recoñecendo o papel desempeñado polos
deportistas e clubs locais durante este ano.
David Vázquez foi galardoado co premio ao mellor deportista masculino.
Vázquez foi campión galego de rallyes copilotando a Víctor Senra, sumando
deste xeito o seu sexto campionato aos xa acadados nos anos 2016, xunto a
Alberto Meira, e no 2017, 2018, 2019, 2020 e 2023, todos eles con Víctor
Senra. Ademais, grazas á súa vitoria este ano iguala a Estrella Castrillón como
o copiloto máis galardoado no campionato autonómico.
Na categoría de mellor deportista feminina a premiada foi a xogadora de
bádminton Raquel Miguens, quen neste 2023 se proclamou campioa de
España senior 2023 na modalidade individual feminino logo de superar unha
operación meses antes.
O mellor deportista masculino sub 18 deste ano foi Samuel Tato, do Club
Judo Base, quendurante o 2023 sumou os seguintes recoñecementos; campión
Galego Cadete -60Kg; subcampión de España cadete -60 Kg. Tamén
participou no Campionato de España Junior (Sub -21), na Fase Final como
integrante da seleccion galega Junior, representou a España na European
Cadet Cup Coímbra 2023 e foi terceiro clasificado Campionato de España
Junior (Sub -21) Sector Oeste, sendo cadete.
Pola súa parte, Iziar Barcala, xogadora do Club Bádminton A Estrada, foi a
mellor deportista feminina sub 18. Barcala proclamouse durante este 2023
como campioa de España sub 17, campioa galega sub 19 en individual e
dobres mixto, subcampioa nacional sub 17 co combinado galego no
Campionato de España de Seleccions autonómicas. Tamén participou coa
selección española no Campionato de Europa Sub 17 e chegou aos cuartos de
final no torneo internacional de Bélxica. A data de 14 de novembro lideraba a
clasificación nacional sub 17.
Joel Castro, de Loita A Cambadela, foi proclamado como deportista
revelación. O loitador participou no campionato galego celebrado en
Pontevedra, onde resultou terceiro clasificado en loita libre masculina (48kg) e
campión en 45 kg. Mesmo premio que acadou no Campionato de España
sub17 celebrado en Carmona, Sevilla. Do mesmo xeito, acabou en cuarto
posto coa selección española no campionato internacional de promesas sub17,
celebrado no mes de abril en La Nucía, Alicante. Finalmente tamén rematou en
segunda posición no Torneo Nacional “Villa de Madrid” sub15, na modalidade
de 48 kg.
O mellor club do deporte estradense no 2023 foi o Club Tenis RC, quen neste
2023 acadou os seguintes resultados nas súas diferentes categorías:
Absoluto Masculino A: Subcampión Primeira División e Ascenso a
División de Prata
Absoluto Masculino B: Subcampión Segunda División e Ascenso a
Primeira División
Absoluto Masculino C: Ascenso a Segunda División
Absoluto Feminino A: Terceiro en División de Prata e permanencia
Júnior Masculino: Subcampión galego Primeira División
Júnior Feminino: 5 clasificado galego (división de honra)
Cadete Masculino: Subcampión galego Primeira división
Cadete Feminino: Terceira de Galicia (división de honra)
Infantil Masculino: Subcampión Terceira División
Alevín Feminino: Subcampión Segunda División
Benxamín Masculino: Subcampión Terceira División
Na modalidade do mellor club de base, o Club Tenis de Mesa Top Spin
fíxose co galardón grazas ás súas 30 licenzas e á súa participación en diversas
competicións, tanto nacionais como internacionais, acadando vitorias como as
de Álvaro de la Torre no Torneo Internacional XIV concello de Oroso ou no
Torneo Valongo, en Portugal. Estes bos resultados compleméntanse con
diversos podios noutras competicións. Nos derradeiros anos o club avanzou no
seu proxecto de base competindo en categorías senior con deportistas
formados na súa canteira.
O CNS cadete masculino foi recoñecido como o mellor equipo de 2023.
Entre os méritos para recibir dito galardón figuran a cuarta posición de España
na súa categoría e o bo papel desempeñado polos seus deportistas; Nicolas
Baños; Andrés Carballeda; Iker Gómez; e Leonel Marín, medalla de ouro e
campións de España en relevo 4×25 remolque de manequín.
Pola súa parte, o Campionato Galego de Ximnasio de Trampolín foi elixido
como o evento deportivo do ano. A cita, celebrada no mes de maio reuniu en
torno ao Manuel Coto Ferreiro a máis de 200 deportistas para participar nunha
das probas máis sinaladas nesta disciplina. O evento destacou pola súa
vistosidade e pola presenza de ximnastas participantes no campionato do
mundo celebrado na cidade inglesa de Birmingham.
Miguel Sánchez, técnico do Club Tenis RC, proclamouse como mellor
adestrador grazas aos fantásticos resultados obtidos pola entidade ao longo
deste ano.
A distinción á entidade con maior apoio ao deporte foi para Habita
Inmobiliaria/ Helvetia Seguros, patrocinador principal do A Estrada Futsal e
da Sociedade Cabalar Estradense así como eventos deportivos puntuais e
deportistas como o piloto estradense de motos Javi Campos quen tomará parte
no Dakar.
Logo da entrega de premios tivo lugar as mencións honoríficas, estruturadas
en un recoñemento para unha figura representativa do pasado que nesta
edición foron parar a Toño Rivas, xogador histórico do Estradense e fiel
seareiro do conxunto vermello e todo o deporte estradense, do presente, para
Uxía Rodríguez Nebra, primeira galega en formar parte dun paddock de Moto3
co equipo Angelus MTA Team, e do futuro, para a parella de baile deportivo
conformada por Aixa Otero e Adrián Gañete.
Finalmente, o premio á traxectoria recaeu no doutor Juan José Cota,
estradense de nacemento na actualidade desenvolve a súa actividade do Real
Club Celta de Vigo, onde é responsable dos servizos médicos. No seu currículo
sobresaen as Eurocopas de 2008 e de 2012 e o Mundial de Sudáfrica 2010 coa
selección española de fútbol.







































