Guimarei xa ten todo preparado para celebrar as súas festas en honra á
Virxe das Dores, que reunirán nesta parroquia estradense a centos de
persoas durante o fin semana do 13 ao 15 de setembro e que conta coa
colaboración do Concello.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e Alejandro García, Diego
Rodríguez e Juan Gestoso por parte da comisión de festas de Guimarei,
presentaron onte o Festival Música na Terra de Guimarei, que chega xa á
súa cuarta edición e que dará o pistoletazo de saída a un fin de semana
de festexos na parroquia estradense.
O alcalde augurou un gran éxito para o festival porque «presenta dous
ingredientes marabillosos, ten moita música», apuntou Louzao, cos
músicos «de máis sona», e tamén ten «gastronomía», e a «música
tradicional marida moi ben con degustación popular», subliñou, que será
a base de produto de vacún. Os integrantes da comisión foron os
encargados de desgranar a programación desta festa, que comezará a
partir das 22.00 horas e na que actuarán Ailá, Faíscas da Pontraga e
Tanto Nos Ten. Ademais, como novidade haberá unha degustación popular de
vaca á brasa de balde. «Só haberá que pagar a bebida e o pan», indicaron.
A festa continúa o sábado cunha misa ás 13.00 horas e sesión vermú con
De Cotío, grupo tradicional estradense, e pola noite unha verveba cos
dúos Punto Zero e Prisma. A festa rematará o domingo 15 coa misa das
Dores ás 13.00 horas e coa sesión vermú, que contará coa actuación da
Banda Municipal da Estrada.
Haberá novena desde o xoves 5 de setembro ás 20.00 horas, ata o propio
día da festa.
IV FESTIVAL FOLK MÚSICA DA TERRA
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.