A DELEGACIÓN DA XUNTA EN PONTEVEDRA DESEMBARCA NA ESTRADA PARA CELEBRAR UNHA NOVA COMISIÓN TERRITORIAL DE COORDINACIÓN

  • A reunión contou coa gran maioría dos directores territoriais da Delegación da Xunta en Pontevedra
  • O delegado territorial salientou, tras presidir o encontro de traballo cos directores territoriais, que estas reunións itinerantes permiten achegar aínda máis a labor da delegación aos 47 concellos da área territorial de Pontevedra
  • A comisión aproveitou para repasar algúns dos investimentos autonómicos dos que se beneficiaron os veciños e veciñas da Estrada, así como as principais partidas presentes nos orzamentos autonómicos do ano 2025 para este concello

A Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra celebrou esta mañá unha Comisión Territorial de Coordinación itinerante no concello da Estrada. Estas reunións que teñen como obxectivo facilitar a coordinación entre as distintas direccións territoriais e a propia delegación, percorren os distintos concellos da área territorial de Pontevedra co fin de achegar aínda máis o labor do executivo autonómico a todo o territorio e aos cidadáns.

O delegado territorial, Agustín Reguera, presidiu este encontro de traballo, de periodicidade mensual que contou coa participación dos directores territoriais das distintas consellerías.

“A política de proximidade é unha das principais bases da nosa xestión e por iso queremos continuar a achegala aos 47 concellos da delegación territorial de Pontevedra ”, explicou o delegado, tras ser recibido polo alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao.

Na Comisión Territorial, ademais de tratar os temas de actualidade de todos os concellos da área, tamén se aproveitou para facer un repaso dos investimentos recentes ou en marcha e das distintas achegas e programas do executivo autonómico no concello anfitrión.

Así, a falta de contar cos datos reais do presente 2024, xa que moitas das partidas se formalizan habitualmente a no último trimestre do ano, o delegado destacou os máis de 12 millóns de euros que a Xunta investiu no concello da Estrada durante o pasado 2023.

Neste sentido, destaca a obra de ampliación do IES Antón Losada Diéguez que contou cun orzamento de máis de 3 millóns de euros. Tamén o investimento do Fondo de Cooperación Local (un  millóns de euros) e a execución dun módulo cuberto multideporte, que tivo un custo de máis de un millón de euros.

Salientable tamén os máis de 2,2 millóns que a consellería de Política Social investiu neste concello a través de varias partidas destinadas a mellorar a a calidade de vida e oportunidades de centos de veciños e veciñas.

O delegado tamén aproveitou o emprazamento para destacar os grandes investimentos que contemplan os orzamentos da Xunta no concello da Estrada. Neste sentido, lembrou a achega de 1,75 millóns para o novo edificio xudicial, así como a reforma do CEIP Pérez Viondi, que conta cun orzamento de 1 millón de euros. Tamén a Autovía AG-59 que terá un enorme impacto neste concello e que conta cun orzamento de máis de 23 millóns de euros.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.