O CONCELLO DA ESTRADA PENALIZARÁ Á EMPRESA ADXUDICATARIADO SERVIZO DO ALMORZO DURANTE A FESTA DO MAIOR

 Os departamentos de Secretaría e Intervención estudan como repercutir
o incumprimento por parte da firma que gañou o concurso público
 O “contrato suculento” elevou este ano o número de empresas
presentadas. “Non podemos vetar a ningunha candidata por ser de
fóra”, sinala o goberno
 “Ninguén pode dubidar de que o Concello da Estrada é o primeiro
interesado en que esta comida a sirva unha empresa local. Facer
cinismo político está moi ben, pero eu como alcalde non podo dirixir os
contratos”, di Louzao
 Recoñecen que a adxudicataria non incorreu en baixa temeraria e que a
súa oferta tiña unha diferenza de 50 céntimos por menú con respecto á
seguinte licitante, da Estrada

“Normalmente, cando se acaba unha comida, dáselle un
aplauso ao cociñeiros. Hoxe, o aplauso é para todos vós”. Micrófono en man, o alcalde da
Estrada, Gonzalo Louzao Dono, non quixo este sábado esquivar as pertinentes explicacións
durante a celebración da Festa do Maior, despois de que o segundo prato do menú non chegase
ao seu debido tempo para preto de 50 das máis de 700 persoas congregadas no anexo do
pavillón Coto Ferreiro. O xefe do executivo local esixiu in situ respostas por parte de xerente da
empresa que gañou o concurso aberto convocado, consonte á lei de contratación pública, e a
primeira hora desta mañá mantivo unha reunión cos departamentos municipais de Secretaría e
Intervención. Ao remate, anunciou que o Concello penalizará á adxudicataria.
“Estamos depurando responsabilidades en base ao contrato, analizando as penalizacións que se
lle poden establecer á empresa por incumprimento do contrato, tanto pola cantidade de comida
servida como porque houbo persoas, preto de 50, ás que non lle serviron o segundo prato e
houbo que ir buscar comida fóra, algo que é completamente intolerable”, dixo o mandatario.
“Os contratos están para cumprilos”, engadiu.
Louzao Dono non pasou por alto as críticas vertidas polo grupo municipal do PSOE. En todo caso,
non quixo entrar a rebater as palabras do seu portavoz, Luís López, e limitouse a facer fincapé en
que “evidentemente, ninguén pode dubidar de que o Concello da Estrada é o primeiro
interesado en que esta comida a sirva unha empresa local”. “Facer cinismo político está moi ben cando interesa, pero eu como alcalde non teño a capacidade de dirixir o contratos. A
contratación pública vai á plataforma xeral do Estado. Cando sae mal está moi ben sinalar co
dedo ao alcalde pero, por sorte, as empresas da Estrada traballan moito e ben fóra da Estrada. Se
os demais municipios non permitiran o acceso a estas empresas que traballan de luxo e levan o
nome da Estrada polo mundo adiante, só traballarían un día ao ano co contrato deste Concello.
Polo tanto, non era posible vetar a ningunha empresa por ser de fóra”, remarcou o rexedor.
Louzao recoñeceu que o deste ano foi un “contrato suculento” que atraeu a máis empresas das
habituais no proceso de licitación. Asumiu que a firma que resultou adxudicataria non incorreu
en baixa temeraria e gañou o concurso cunha diferenza de só 50 céntimos por menú con
respecto á seguinte licitante, que resultou ser unha empresa estradense.
“O problema foi que non se cumpriu. Eu estou triste, non polo que diga o señor López Bueno
dende o PSOE, senón porque hai 700 persoas que, coma o concello, tiñan unha expectativa nesta
comida que non se cumpriu”, sinalou o alcalde. Avanzou de seguido que os departamentos de
Secretaría e Intervención están analizando como “aplicar todo o peso que se poida para
penalizar á empresa”. “Poremos as trabas, pero non podemos devolver a cantidade e a calidade
da festa que pretendía ser unha homenaxe para os nosos maiores”, dixo.
“Reflexión” para o PSOE
Finalmente, Louzao Dono fixo alusión ao conflito xerado “dirixidamente por parte do PSOE”, ao
que lle pediu “unha reflexión”. O rexedor local cuestionou aos socialistas non ter revisado
noticias como as referidas ao contrato aberto que tamén tivo que facer no seu día o Concello de
Lugo para a celebración do San Froilán. Lembrou que o procedemento rematou cunha empresa
de Madrid como adxudicataria, “co conflito que se xerou para as empresas de alí ou cos
comentarios de que no San Froilán, tal como di o señor López Bueno, se sirve polbo de Madrid”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.