Gonzalo Louzao regresa ao que foi o seu instituto e sométese ás
preguntas do alumnado no espazo radiofónico co que Radio Líder, en
colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua, promove o uso do galego.
O rexedor recoñeceu que foi nestas aulas onde medrou a súa vocación
pola política.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, regresou esta
mañá ás aulas do que foi o seu instituto, o IES Manuel García Barros. O alumnado escolleu ao
rexedor como protagonista da entrevista principal do programa “Fala que Fala”, un espazo
co que a emisora Radio Líder, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua, leva a radio
en directo aos centros de ensino para fomentar o uso do galego entre o alumnado de 1º
e 2º da ESO. No programa participou tamén o secretario xeral da Lingua, Valentín García.
Moi relaxado e recoñecendo a súa satisfacción ao atoparse nun instituto no que foi moi
feliz, Louzao Dono compartiu cos alumnos que foi no García Barros onde medrou nel o
gusto pola política. Lembrou que foi aquí delegado da clase e, despois, presidente da
xunta de delegados. Aínda que coas dúbidas lóxicas ao remate do Bacharelato, sinalou
que non tardou en encamiñarse cara o estudo de Ciencias Políticas e da Administración
na Universidade de Santiago de Compostela (USC), estudos que completou con un
mestrado en Marketing e Comunicación Política.
O alcalde explicou que pasou polas aulas do IES Manuel García Barros entre os anos 2006
e 2012. Os alumnos quixeron saber cal foi a súa materia de estudo preferida e el non lles
ocultou que o seu gusto polas letras lle fixo preferir sempre Lingua Galega. “Pero aínda
lembro con agarimo exercicios de Lingua Castelá, como a análise da frase Bocadillo de
calamares caliente”, lembrou rindo o mandatario, dirixindo estas palabras á que foi a
súa profesora, Maile Leis, tamén presente na sala.
Os rapaces reflexionaron sobre a importancia da figura dun alcalde como xestor dos
recursos necesarios para tentar mellorar a vida dos seus veciños e preguntaron a Louzao
Dono se, cando está a piques de cumprirse o seu primeiro ano na Alcaldía da Estrada, se
sinte feliz como xefe do executivo local. O rexedor asegurou que, tras o período
necesario de adaptación tras pasar de seren edil de Urbanismo e Medio Rural a coller o
bastón de mando, está contento no cargo que ocupa, aínda que é moi consciente da
responsabilidade e do esforzo que require polo ben común.
Aproveitando o micro aberto, Gonzalo Louzao animou aos estudantes a desfrutar ao
máximo dos seus anos no instituto e a estreitar lazos de amizade que, dixo, de seguro se
prolongarán no futuro. Atendendo á promoción da lingua galega que fai o programa, o
mandatario recoñeceu que o galego é o idioma que emprega no seu día a día como
alcalde e na súa vida persoal, avogando pola importancia de que o alumnado o utilice e o
valore como lingua de seu.
Houbo tamén tempo para as recomendacións de libros e series en galego. Saíron nomes
como o do libro “Uxa” ou a serie “A luz que non podes ver”. Pola súa banda, o
mandatario deixou a súa propia, “tirando para a casa”: “A noite do Oso”, premio Manuel
García Barros. O alumno Marcos Sesar puxo o broche a este bloque do programa:
“Consume en galego!”, animou enérxico.
O programa “Fala que Fala” busca tamén poñer en valor o traballo realizado polos
departamentos de lingua galega nos centros educativos, ao tempo que achega aos
estudantes a figuras destacadas da súa contorna, reforzando así a conexión coa súa
realidade máis próxima.