O CONCELLO DA ESTRADA COMPLETA A SÚA APOSTA POLASINSTALACIÓNS DEPORTIVAS CARDIOPROTEXIDAS

 Adquire un DESA para o Campo de Nogueira, en Vea, recentemente
reformado.
 As cinco unidades agora dispoñibles cobren varias instalacións
municipais.

O Concello da Estrada vén de completar a súa aposta por
unhas instalacións deportivas municipais cardioprotexidas, despois de que esta mañá se
instalase un Desfibrilador Externo Semiautomático (DESA) no campo de fútbol de Nogueira
en Vea, recentemente reformado. Deste xeito, todas as dependencias de carácter deportivo
xestionadas polo Concello quedarían cubertas pola dispoñibilidade dun dispositivo portátil
pensado para seren empregado por persoas sen formación médica ante situacións de
emerxencia, podendo converterse nun elemento salvavidas.
A Estrada Deporte colocou cinco destes dispositivos de xeito estratéxico. A unidade do
Pavillón Coto Ferreiro cubriría estas mesmas instalacións, as piscinas municipais e o pavillón
número 3 da Fundación de Exposicións, onde se realizan clases de loita e artes marciais. O
DESA do Manuel Regueiro cubriría este campo de fútbol, as pistas de tenis e o centro A
Estrada Pádel. O novo campo de fútbol tería tamén o seu propio equipo, que se empregaría
asimesmo, se fose preciso, nas pistas de atletismo. Os campos de Vea e Callobre posúen
cadanseu desfibrilador semiautomático.
A maiores, o departamento municipal de Deportes, que coordina o edil Ismael Pena,
apostou por incorporar unha sinalización común para identificar o emprazamento de todas
estas unidades. Ademais da habitual nestes casos, colocáronse paneis visibles de distintas
perspectivas e nos que se facilitan os números de Emerxencias A Estrada e o 112, afondando
no primeiro consello para calquera que se vexa na situación de ter que recorrer a un DESA:
avisar da situación aos profesionais dos equipos de emerxencia. Cómpre lembrar que todos
os modelos incorporados ás instalacións deportivas municipais son semiguiados para
facilitar o seu uso de urxencia por parte de persoas sen coñecementos sanitarios.
A última unidade adquirida polo Concello para dotar ao Campo de Nogueira supuxo un
desembolso de 1.500 euros. Dende o goberno local enténdese que este gasto está máis que

xustificado para incrementar a seguridade nas instalacións deportivas estradenses,
calculando que un millar de persoas, entre adultos e nenos, practican deporte cada día en
dependencias de titularidade municipal.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.