O edil de Reto Demográfico debulla a moción que levará á comisión a
vindeira semana, con medidas como a creación dun Censo Municipal de
Vivenda Baleira ou dunha plataforma dixital que funcione como portal
público de vivenda dispoñible para alugar.
Establecerase unha bonificación do 50% no IBI para vivendas
rexistradas como baleiras que se destinen ao arrendamento por un
período mínimo de tres anos.
Inclúe apoio á reforma de vivendas baleiras e subvencións para
rehabilitar inmobles antigos ou abandonados.
«Abramos as portas das nosas vivendas para abrir as
portas no noso futuro». É un dos principais lemas da proposta que, en materia de
fomento do alugueiro de vivenda, lanzou hoxe o goberno da Estrada. O titular de Reto
Demográfico, Manuel Magariños, foi o encargado de detallar este mediodía a moción
que o grupo municipal do Partido Popular levará á comisión informativa convocada para
a vindeira semana. A creación dun censo municipal de vivendas baleiras e dunha
plataforma dixital, que funcionará como portal público de vivenda dispoñible, son dous
dos piares nos que se sustenta, xunto con outras medidas como a bonificación do IBI
para inmobles en alugueiro ou o apoio ás reformas.
Magariños empregou datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) para facer unha
radiografía da situación inmobiliaria. Indicou que A Estrada conta con 12.477 vivendas,
das cales 3.313 permanecen desocupadas. “Este dato pon de manifesto un uso
ineficiente dos recursos inmobiliarios existentes nun contexto onde o acceso á vivenda
se converte nunha barreira para a fixación de poboación nova”, destacou o concelleiro.
O edil continuou sinalando que o prezo medio do alugueiro na Estrada sitúase entre os
400 e 500 euros, «o que representa unha opción relativamente accesible en
comparación con outras áreas urbanas». Porén, «a escaseza na oferta de vivendas
dispoñibles en alugueiro limita as oportunidades para familias novas, traballadores e
outros colectivos que desexan establecerse no municipio», incidiu.
Ante esta situación, dende o goberno que preside Gonzalo Louzao proponse a
implementación dun conxunto de medidas destinadas a incentivar o alugueiro de
vivenda na Estrada a prezos accesibles. Para comenzar coa aplicación destas medidas, a
proposta defendida dende este departamento municipal inclúe a creación dun Censo
Municipal de Vivendas Baleiras, co obxectivo de identificar e poñer en valor os inmobles
desocupados que poidan ser susceptibles de destinarse ao arrendamento. Para isto,
crearase un Rexistro de Vivendas Baleiras, no que os propietarios interesados deberán
dar de alta -de xeito completamente voluntario- as súas vivendas. Una vez incorporados,
os inmobles serían avaliados e clasificados segundo o tempo que levan baleiros e o seu
estado de conservación, aos efectos de priorizar actuacións e establecer liñas de axuda
ou bonificacións adaptadas a cada caso.
Manuel Magariños remarcou que este censo será tamén base para o acceso a
beneficios fiscais e programas municipais de vivenda, polo que estar inscrito nel será
requisito «imprescindible para optar a calquera bonificación ou medida de apoio por
parte do Concello».
Requisitos
Para figurar neste censo de vivenda baleira será preciso acreditar a condición de
desocupación do inmoble. Terán esta consideración as vivendas que non estivesen
ocupadas nos tres últimos anos; que non figuren como altas no servizo de subministro
de auga ou teñan un consumo ínfimo; vivendas manifestamente inhabitadas ou inscritas
no rexistro de vivenda baleira da Xunta.
O edil de Reto Demográfico detallou que, como complemento a este censo o Concello da
Estrada integrará na súa páxina web una plataforma dixital que funcionará a xeito de
portal público de vivendas dispoñibles para o alugueiro neste municipio. Así, poderá
centralizarse toda a información e facilitarase un contacto directo entre propietarios e
persoas que buscan alugar unha vivenda. O concelleiro aclarou que só os propietarios
dados de alta no referido rexistro municipal poderían incorporar os seus inmobles a este
portal.
Bonificacións no IBI
Outro dos puntos destacados da medida que debullou hoxe Manuel Magariños é a
pretensión do goberno local de establecer unha bonificación do 50% do Imposto de
Bens Inmobles (IBI) para as vivendas que, estando inscritas no censo municipal de
vivendas baleiras, se destinen ao alugueiro como residencia habitual por un período
mínimo de tres anos. O concelleiro fixo fincapé en que este requisito «garante unha
estabilidade importante para os inquilinos e permite ás familias asentarse na
comunidade con perspectivas a longo prazo». A maiores, explicou que a proposta
municipal inclúe que o importe do arrendamento non pode superar o 30% da renda da
unidade familiar ou de convivencia que se converta en inquilina.
Por outra banda, Magariños Maceiras sinalou que a proposta que o goberno levará a
comisión inclúe tamén, entre outras cuestións, a creación dun servizo municipal que
conecte a propietarios e posibles inquilinos, ofrecendo asemade asesoramento técnico
e legal para facilitar a posta en alugueiro das vivendas. Esta mediación municipal iría
tamén da man de campañas de sensibilización e información para animar aos
propietarios de vivendas baleiras a participar no programa.
Outra das cuestións que o partido no goberno municipal quixo incluír na moción que
presentará aos demais grupos na comisión de Reto Demográfico está vencellada coas
entidades financeiras. Co obxectivo de eliminar barreiras no acceso á vivenda e
fomentar a posta e valor do parque de vivendas baleiras, o Concello impulsará a sinatura
de convenios de colaboración coas entidades con presenza física no municipio
orientados a facilitar os créditos en condicións máis vantaxosas para inquilinos e
propietarios.
Rehabilitación
Finalmente, tamén a administración municipal habilitaría liñas de subvención para a
rehabilitación de vivendas antigas con máis de 50 anos de antigüidade que estean
incluídas no Censo Municipal de Vivendas Baleiras, así como axudas para a recuperación
de vivendas abandonadas no ámbito rural cunha antigüidade superior a 75 anos.
Manuel Magariños aproveitou a presentación para trasladar que o goberno local busca
unha vía de traballo conxunta coas demais forzas políticas da corporación nesta medida,
convidándoos a aportar propostas complementarias ou melloras. “Só dende o diálogo, a
cooperación e a visión compartida seremos quen de converter este reto en
oportunidade de garantir que A Estrada medre”