PAZO DE OCA, SENDEIRISMO E GASTRONOMÍA, ENTRE OS RECURSOSCON MÁIS DEMANDA NAS OFICINAS DE TURISMO DA ESTRADA

 O servizo de información recibe aos visitantes da tempada estival no
punto da Casa das Letras e ao pé do alcumado ‘Versalles Galego’.
 Entre aqueles que xa escolleron A Estrada combínanse ao 50% os
turistas aloxados no municipio e os que están de paso.
 A gran maioría dos turistas chega procedente doutras comunidades
autónomas, caso de Andalucía, Madrid, País Vasco ou Cataluña.

Pazo de Oca, rutas para a práctica de sendeirismo e
gastronomía ocupan os postos altos da lista de recursos que máis demanda están tendo
no primeiro mes da tempada alta de verán entre os usuarios que se achegan ás oficinas
de turismo abertas no Concello da Estrada. Un destes puntos de información turística
está localizado na Casa das Letras, moi próximo ao consistorio, e outro ao pé do
alcumado como Versalles Galego.
Dende estas dependencias agárdase ver sensiblemente incrementada estes días a
afluencia de visitantes, contando coa ponte do 25 de xullo e o arranque do mes de
agosto, no que o número de turistas acostuma a elevarse. Entre aqueles que xa
escolleron A Estrada para gozar dalgúns dos seus días de vacacións, combínanse ao 50%
os turistas que están aloxados no municipio -moitos deles en establecementos de
turismo rural- e aqueles que están de paso.
Ata o de agora, o denominador común entre os usuarios destes puntos informativos é a
súa procedencia de fóra da comunidade galega, con presenza de turistas chegados de
rexións como Andalucía, Madrid, Cataluña ou País Vasco. No tocante ao rango de idade,
vai principalmente dos 40 aos 75 anos, sendo o máis habitual os turistas que chegan ata
estas terras en grupos de amigos ou familias sen nenos pequenos.
Como queda avanzado, o Pazo de Oca é unha das xoias indiscutibles entre os recursos
turísticos locais. Algúns visitantes chegan coa idea de descubrir o seu interior -aberto
dende hai anos tamén á realización de percorridos- e outros fano atraídos pola sona dos
seus amplos e impoñentes xardíns.
Tamén Sabucedo, aínda pasada a fin de semana na que se celebra a Rapa das Bestas,
chama moito a atención. Aqueles que se achegan ata esta parroquia da Estrada teñen a

opción de coñecer o curro do Campo do Medio e o curro vello, a carón da igrexa
parroquial, gozando tamén de propostas como a Ruta dos Muíños de Vesacarballa ou, xa
para camiñantes máis entregados, a que leva aos petróglifos.
Os atractivos naturais son tamén unha referencia obrigada para os visitantes. Moitos
queren combinalos cun pouco de actividade física, de xeito que empregan as oficinas de
turismo locais para interesarse pola práctica do sendeirismo na contorna.
E non podía faltar a gastronomía. Entre as consultas que se canalizan nestes puntos
informativos está tamén a de onde comer salmón, prato protagonista da cociña
estradense, ou polbo á feira.
De igual xeito, ata este servizo tamén se achegan particulares da Estrada que buscan
material divulgativo sobre os encantos turísticos do municipio para poder ofrecerllo aos
seus clientes e visitas.
As dúas oficinas de turismo do Concello estradense están funcionando con arranxo ao
seguinte horario: os luns é día de peche; de mates a venres funcionan de 10.30 a 14.00 e
de 16.00 a 19.00; os sábados de 10.30 a 14.00 e de 16.00 a 19.30 e os domingos de 10.30
a 13.30 horas.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.