FIN DE CURSO PARA OS ALUMNOS ESTRADENSES DE ARTETERAPIA

 A esta actividade gratuíta asisten unha quincena de persoas con
discapacidade intelectual.
 Son tres sesións por semana, de tres horas de duración cada unha.

A concelleira de Benestar Social, Amalia Goldar,
participou na tarde do mércores nas actividades de fin de curso dos alumnos de
Arteterapia, unha iniciativa na que participan unha quincena de veciños da Estrada con
discapacidade intelectual e na que se empregan as artes plásticas para mellorar saúde e
benestar.
Estes obradoiros teñen un carácter totalmente gratuíto para os participantes e
desenvólvense ao longo de todo o ano, cunha única paréntese no mes de agosto. O
alumnado acode tres días á semana, a razón de tres horas por xornada (de 16.00 a
19.00). Co respaldo de Asociación Galega das Artes, empregan a expresión pictórica
sobre múltiples soportes.
As persoas asistentes levan para as súas casas todos os traballos realizados. “É unha
actividade que funciona moi ben e na que os asistentes se senten moi cómodos, tanto
que cando remata o curso xa temos peticións de que volva comezar”, apuntou Goldar.
Indicou a concelleira que estas aulas retornarán xa no mes de setembro. Este mércores
todos os asistentes tiveron ocasión de amosarlle os seus traballos máis recentes e tamén
de compartir unha merenda.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.