Co milleiro de entradas esgotadas, o Concello rende merecida homenaxe
aos veciños que acumulan máis experiencias e vivencias nesta xornada
de confraternidade.
Francisca Torres Vázquez, da Estrada e de 96 anos, e Manuel Tallón
Ríos, de Toedo e con 94, recibiron un agarimo especial como os
participantes de maior idade nesta festa.
A Estrada viviu este domingo unha Festa do Maior de
récord. Co milleiro de entradas esgotadas días atrás, a celebración foi a máis concorrida
da historia desta festa, permitindo ao Concello render unha homenaxe aos veciños que
acumulan máis experiencias e vivencias neste municipio.
“Hoxe é día de recoñecer e celebrar pero, sobre todo, de compartir. Queremos festexar
con todos e todas vós a vida, a experiencia e o exemplo que representades todos e cada
un de vós para a sociedade estradense”, dixo o alcalde estradense, Gonzalo Louzao
Dono. O rexedor foi o encargado de dar a benvida aos asistentes no nome de toda a
corporación municipal. “A vós, ao voso traballo e ao voso esforzo, debemos que A
Estrada sexa un municipio marabilloso para vivir. Para min, o mellor”, sinalou.
As portas do pavillón polideportivo no que se celebrou a Festa do Maior abriron ás 12.30
horas para que os participantes puideran irse acomodando, a tempo para asistir á
primeira actuación da xornada, da man da agrupación de música e baile tradicional
Tequexetéldere. Arredor das 14.00 horas o amplo equipo despregado por Valenciaga
Catering comenzou a servir o almorzo, consistente en entrantes, polbo, carne ao
caldeiro e sobremesa.
Foi no momento do café cando o alcalde volveu tomar a palabra para dar paso a un dos
momentos emotivos desta xornada. “Antes de presentar ao home e á muller que
acumulan aquí máis anos de experiencia e de vivencias, quero volver a darvos as grazas
por facer que a Festa do Maior da Estrada superara este ano todas as súas marcas”,
apuntou o mandatario. “Non houbo nunca unha festa que reunira tanta xente experta
nestes anos. Somos hoxe un milleiro de persoas compartindo esta homenaxe aos
veciños que sodes unha parte fundamental da nosa sociedade”, aplaudiu.
“Dende neno sempre me gustou conversar cos maiores. Sempre me chamou a atención
o que tiñan para contarme, para ensinarme e para guiarme. Coido que detrás dos anos
hai historias, sacrificios, alegrías e tamén moitas ensinanzas que nos deixades como
legado”, compartiu o alcalde.
Xa sen máis, presentou aos dous homenaxeados con máis experiencia de entre os
participantes: Francisca Torres Vázquez, veciña da Estrada de 96 anos, e Manuel Tallón
Ríos, da parroquia de Toedo e de 94 anos. Os dous recibiron un pequeno presente
conmemorativo e o aplauso de todos os asistentes.
Despois deste recoñecemento, la orquestra Os Satélites encargouse de animar a festa.
Dende as 17.00 horas todos os interesados puideron sumarse á celebración para gozar
da música e do baile.
GALERÍA:


























































