O CONCELLO PECHA UNHA AMPLA PROGRAMACIÓN CULTURAL BAIXOA CARPA DE GRAN FORMATO QUE REPITE ENTRE O SALMÓN E A SIDRA

 Coa previsión de que incremente a súa dimensión, quedará instalada na
Praza da Constitución entre o 15 de maio e o 7 de xuño, con catro fins
de semana completos de actividades.
 Louzao: “A nosa intención é que funcione como un auténtico
catalizador da actividade cultural a pé de rúa, converténdose nun punto
de encontro da cidadanía e nun contedor cultural dinámico que permita
achegar a programación a todos os veciños e veciñas”

O Concello da Estrada volverá apostar este ano pola
instalación dunha carpa de gran formato na Praza da Constitución, aos pés do
consistorio, como elemento centralizador e catalizador dunha ampla programación
cultural e festiva que incluirá dúas das citas máis importantes do calendario estradense:
a Festa do Salmón e a Feira da Sidra.
O alcalde, Gonzalo Louzao, confirmou hoxe que a administración local ten xa pechada
toda a programación que se desenvolverá neste espazo, que quedará montado o
vindeiro 15 de maio e que se manterá nesta gran praza ata o 7 de xuño. Aínda sen querer
entrar en detalles, o rexedor avanzou que esta carpa condensará unha proposta lúdica
e cultural “ampla, variada e pensada para estradenses de todas as idades”.
“A nosa intención é que esta carpa funcione como un auténtico catalizador da actividade
cultural a pé de rúa, converténdose nun punto de encontro da cidadanía e nun contedor
cultural dinámico que permita achegar a programación a todos os veciños e veciñas”,
sinalou o rexedor estradense.
Louzao Dono avanzou tamén que, “tendo en conta o éxito da montaxe do ano pasado,
este ano tentamos incorporar novidades”. Dixo o alcalde que será unha carpa de maior
dimensión, que ofreza aínda máis cabida para as actividades programadas. Sinalou que
arestora estanse pechando os últimos detalles para coñecer o seu formato e dimensións
exactas, valorando tamén sobre o terreo o encaixe que se lle podería ofrecer na Praza
da Constitución, atendendo ás esixencias e necesidades de cada tipo de evento.


Entre as citas máis destacadas que terán lugar neste recinto inclúense dúas das
celebracións máis agardadas do calendario festivo na Estrada. A primeira delas será a
Festa do Salmón, que este ano coincide coa celebración do Día das Letras Galegas. Será
o domingo 17 de maio, se ben a gran carpa na que se desenvolver acollerá actividades
previas o venres 15 e o sábado 16. Outro dos grandes eventos será a Feira da Sidra,
prevista para o 6 de xuño. As dúas celebracións atoparán na carpa un espazo idóneo
para reforzar a súa proxección e participación.
Gran acollida
“Repetimos esta aposta porque o ano pasado o seu éxito foi rotundo, tanto pola
resposta da cidadanía como pola capacidade de ofrecer unha programación moi ampla
durante moitos días cun investimento contido”, sinalou o alcalde. Gonzalo Louzao
incidiu en que a instalación desta carpa coincide coa chegada do bo tempo, favorecendo
a presenza nas rúas. “Falamos dun espazo que funciona como punto de encontro na rúa,
que crea ambiente e que contribúe a facer vila”, puntualizou.
O rexedor incidiu ademais en que “non é só unha infraestrutura, senón un verdadeiro
contedor cultural no que caben propostas de estilos moi diferentes e pensadas para
todas as idades”. Puxo o acento en que serán cadro fins de semana repletos de
diferentes propostas. “Temos xa toda a programación pechada, cun calendario moi
completo que combina actividades familiares, musicais e de lecer para distintos
públicos”, sinalou.
Con esta iniciativa, o goberno local apostou pola dinamización cultural a través dun
cambio no modelo que se empregaba ata o de agora para celebracións como a Festa do
Salmón ou a Feira da Sidra, con montaxes que se instalaban e retiraban para cada unha
destas citas e que remataban supoñendo un investimento menos rendible en termos
económicos e sociais. A nova fórmula avoga por poñeren en valor eventos que forman
parte da identidade da Estrada, apostando por un modelo de programación estable,
diverso e aberto á cidadanía.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.