LOUZAO RECIBE AO PRESIDENTE DO CENTRO CULTURAL DO PARTIDODA ESTRADA EN BOS AIRES, QUE AFRONTA A RECOMPILACIÓN EDIXITALIZACIÓN DOS SEUS FONDOS

 Foi fundado oficialmente o 23 de outubro de 1943, pero tamén foi
resultado da fusión de dúas institucións precedentes: a Federación
Agraria Estradense e a Unión Estradense.
 Sinala que se está atopando moita información, entre ela unha revista
de 1941 dedicada á muller estradense co rostro de Virxinia Pereira na
portada ou libros de actas de 1918.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, recibiu esta
mañá na Alcaldía ao presidente do Centro Cultural do Partido da Estrada en Bos Aires, o
tamén presidente da Federación de Sociedades Españolas de Arxentina José Manuel
Besteiro. No encontro Besteiro confirmoulle ao rexedor estradense que o centro, moi
vencellado á historia da Estrada, está realizando un importante proxecto de
recompilación e dixitalización dos seus fondos.
“O Centro da Estrada foi fundado oficialmente o 23 de outubro de 1943, pero foi o
resultado da fusión de dúas institucións precedentes: a Federación Agraria Estradense e
a Unión Estradense”, lembrou. “Estamos atopando moita información; pedíndolle aos
socios, sobre todo aos maiores, que nos aporten documentación, revistas…”, continuou
Besteiro. O presidente do centro estradense en Bos Aires tivo ocasión de amosarlle ao
alcalde a portada dunha publicación na que se recollía unha homenaxe á Muller
Estradense, do ano 1941, co rostro en portada de Virxinia Pereira, a estradense que
casou con Castelao e á que neste 2026 o Concello da Estrada lle dedica o Ano Cultural.
“Atopamos tamén o segundo libro de actas da Federación Agraria Estradense do ano
1918. Con cal, cando completemos este proceso seremos unha institución centenaria”,
compartiu tamén José Manuel Besteiro. “Manter esas raíces, potencialas, é moi
importante, non só emocionalmente senón tamén a nivel identitario; saber de onde
vimos e ter un centro que está vixente, con moita proxección e moito futuro”, engadiu.
O alcalde estradense puxo tamén o acento na importancia que o Centro do Partido da
Estrada en Bos Aires ten tamén para o Concello da Estrada, moi consciente “desas raíces
que pasan por debaixo do Atlántico e nos conectan”. Como alcalde e como estradense,
recalcou que foi para el moi emotivo visitar estas dependencias, a última vez o mes de

novembro, durante a conmemoración do 82º aniversario. Sinalou tamén que A Estrada
quixo recoñecer, coa entrega do Salmón de Ouro, a máxima distinción local, o peso desta
sociedade para o municipio e para o sentimento “estradensista”.
Segunda presidencia estradense
Noutra orde de cousas, durante a recepción José Manuel Besteiro sinalou que el non é
o primeiro presidente estradense da Federación de Sociedades Españolas en Arxentina.
“Tería que ser un orgullo para A Estrada saber que esta federación, que reúne a máis de
136 institucións de todas as autonomías de España, tivo xa dous presidentes
estradenses, sendo a única autonomía que tivo dous presidentes dunha mesma
comarca”, considerou. Antes de que el mesmo asumise este cargo ocupou este posto o
estradense José María Vila Alén, hoxe presidente do Centro Galicia.
Besteiro aproveitou a ocasión para “invitar aos estradenses a que cando vaian por
Arxentina pasen polo centro”. “Serán todos moi ben recibidos porque para un
estradense non hai nada mellor que outro estradense.Realmente o sentimos así”,
concluíu.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.