A súa foi a obra escollida entre as 19 que se concorreron á presente
edición do certame.
O xurado destaca a súa capacidade “para nos mergullar nunha
poderosa historia de amor e desamor entre dous autores que se atopan
na escrita e se afastan na vida”.
Está escrita con gran profusión de citas literarias que dialogan coa
historia de amor que sostén a novela e cunha “admirable contención
expresiva”.
A escritora e profesora Iria Collazo Castro proclamouse
este mediodía gañadora do Premio Manuel García Barros, que convoca o Concello da
Estrada, coa súa novela “A espera”, unha peza literaria de amor e desamor que será
publicada por Editorial Galaxia no mes de xuño, coincidindo co acto de entrega do
prestixioso galardón que leva o nome de Ken Keirades.
O xurado do XXXVIII Manuel García Barros estivo formado por Ánxela Rodríguez
Rodríguez, Laura Paz Fentanes, Marcos Sánchez Calveiro, Armando Requeixo Cuba e
Carlos Loureiro Rodríguez, exercendo este último como secretario. O equipo encargouse
de valorar as 19 novelas que se presentaron a esta edición e adoptaron a súa resolución
por unanimidade, recoñecendo que a peza que resultou ser da autoría de Iria Collazo
(natural de Barro pero afincada en Moaña) tivo unha digna competidora na terna final.
A obra gañadora foi presentada baixo o lema “A espera. Dúas historias de amor”. O
xurado salientou “a súa capacidade para nos mergullar nunha poderosa historia de amor
e desamor entre dous autores que se atopan na escrita e se afastan na vida”.
Sinalan tamén que está narrada “coa forza dos sentimentos encontrados”. “As pulsións
emotivas lévannos da man por un carrusel de ledicias, tristuras, encontros e
desencontros que debuxan un complexo mundo de relacións interpersoais nas que
ninguén sae indemne”, sosteñen.
Escrita con gran profusión de citas literarias, que dialogan coa historia de amor que
sostén a novela, esta narración “destaca polo fino esmerilado dos períodos, a admirable
contención expresiva e o esmaltado de prosa poética que cicela esas páxinas,
conducíndonos nunha espiral de emocións ata un final climático que pecha a novela
luminosamente”.
Coñecido o fallo, a concelleira de Cultura, Lucía Seoane, foi a encargada de chamar a Iria
Collazo para comunicarlle a concesión do premio, que acolleu con profunda sorpresa e
ledicia.
O Concello da Estrada entregará o Premio Manuel García Barros nun acto público e
aberto que se celebrará mediados do vindeiro mes de xuño. Nese intre, Editorial Galaxia
terá xa publicada a novela gañadora. Ademais da publicación da peza, o galardón ten
asociado un premio económico de 9.000 euros.
“A espera” sucede na nómina de obras premiadas co García Barros a “Punto de Araña”,
de Nera Pallares, unha novela moi ben recibida polo público e que xa foi traducida ao
castelán e ao catalán.







































