O goberno incorporou este ano nos orzamentos unha partida de 100.000
euros para subvencionar a instalación ou renovación de fosas sépticas.
As bases detallaranse nunha xornada informativa fixada para as 19.00
horas do venres, no MOME.
As axudas tramitaranse por orde de entrada e chegan aos 1.000 euros
por vivenda.
O Concello da Estrada convoca a todas as persoas
interesadas a asistir este venres, ás 19.00 horas e no MOME, a unha xornada informativa
na que se detallarán as bases que regulan as novas axudas para fosas sépticas e sistemas
individuais de saneamento, unha convocatoria que se incluíu nas contas municipais
deste 2026 e que busca favorecer os saneamentos no amplo termo rural estradense.
Son axudas destinas as titulares de vivendas no rural que carecen de rede de
saneamento municipal. Estas achegas buscan promover os microsaneamentos nas
parroquias, é dicir, a instalación ou renovación das fosas sépticas. O Concello reserva a
este fin unha partida de 100.000 euros, podendo chegar a axuda por vivenda aos 1.000
euros.
A idea é que a partires da semana que vén xa se poidan solicitar estas subvencións, que
se irán distribuíndo en función do orde de rexistro das solicitudes. Por iso, coa intención
de dar a coñecer todos os datos e prazos, o Concello anima a asistir a este encontro para
resolver todas as dúbidas que poidan xurdir. As axudas concederanse ata esgotar o
crédito dispoñible.
No momento de apostar por esta nova liña de subvencións, dende o goberno local
seguiuse o criterio técnico que estima que estas fosas homologadas pola Xunta de
Galicia constitúe a mellor fórmula para depuración das augas sucias. Deste xeito,
depuraríase en cada parcela a totalidade dos residuos de vivenda e, ao non haber
concentración, reduciríanse os riscos de contaminación.
A partida de 100.000 euros habilitada para esta primeira convocatoria permitirá xerar
unha cantidade importante de subvencións directas para cubrir unha significativa parte
da instalación destas fosas sépticas homologadas. Ademais, estas subvencións
municipais serán compatibles con outras axudas, públicas ou privadas, para o mesmo
fin, sempre e cando o importe total non supere o custo da actuación.






































