O CONCELLO INICIA O ENCHIDO DO VASO GRANDE DAS PISCINASMUNICIPAIS DESPOIS DE LOCALIZAR E REPARAR UNHA FUGA

 As comprobacións realizadas tras a reparación confirmaron que a fuga
estaba localizada exclusivamente nunha condución soterrada.
 A piscina recuperará a normalidade tan pronto como a auga acade os
parámetros sanitarios requiridos para o baño.
 A inspección realizada verificou o perfecto estado do vaso, que non
presenta fisuras nin danos estruturais.
 Óscar Durán destaca que a recente sectorización da rede permitiu
detectar a incidencia de maneira inmediata e evitar unha perda
prolongada dun recurso especialmente valioso.

O Concello da Estrada iniciou esta mañá o enchido do
vaso grande das piscinas municipais, despois de teren comprobando que a reparación
realizada onte permitiu solucionar a fuga de auga que foi detectada este martes na Zona
Deportiva, concretamente no perímetro das piscinas municipais.
Unha vez substituída, xa na tarde do martes, a tubaxe danada, os servizos municipais
efectuaron hoxe as comprobacións necesarias para verificar o correcto funcionamento
da instalación, descartando a existencia de novos puntos de fuga. Así mesmo, puido
volver a confirmarse que o vaso da piscina non presenta fisuras nin ningún tipo de dano
estrutural, localizándose a incidencia exclusivamente na condución afectada.
Confirmado o resultado satisfactorio destas probas, procedeuse a iniciar o enchido da
piscina. Tan pronto como se teña completado este proceso, previsiblemente a última
hora de hoxe, aplicarase o tratamento correspondente da auga e realizaranse as
analíticas e controis establecidos pola normativa sanitaria.
Cando a auga reúna todos os parámetros esixidos para garantir un baño seguro, o vaso
grande volverá abrir ao público e o complexo recuperará o seu funcionamento habitual.
Ata entón, as piscinas municipais conservarán o acceso gratuíto que se acordou ofrecer
aos usuarios que desexaran empregar as piscinas mediana e pequena, que operan con
completa normalidade.
De feito, o Concello emprendeu o reintegro das cantidades vencelladas a algúns abonos
de acceso a consecuencia destes días de inusual funacionamento, recomendando aos

seus titulares que os retiren cando o complexo recupere a normalidade no seu
funcionamento.
O concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán, quixo agradecer a comprensión
amosada polas persoas usuarias durante estes días e puxo en valor a rapidez coa que se
puido actuar para resolver a incidencia.
«As instalacións e as redes de abastecemento, como calquera outra infraestrutura,
poden sufrir incidencias puntuais ao longo da súa vida útil. O importante é contar cos
medios necesarios para detectalas con rapidez, localizar a súa orixe e reparalas no
menor tempo posible. Iso foi precisamente o que aconteceu neste caso», sinalou o edil.
Nesta liña, Durán destacou que a recente sectorización da rede municipal de
abastecemento resultou determinante para reducir ao mínimo os tempos de resposta.
«Hai pouco tempo que se fixo a sectorización da Zona Deportiva e esta incidencia
permitiu comprobar xa na práctica a utilidade dese traballo. O sistema detectou desde
primeira hora un consumo anómalo de auga, o que nos posibilitou iniciar
inmediatamente a localización da fuga e evitar que a perda se prolongase durante máis
tempo”, sinalou o concelleiro.
Nun contexto de elevadas temperaturas e de crecente preocupación pola xestión
responsable da auga (con concellos que xa están activando situacións de prealerta pola
seca) “contar con ferramentas que permitan actuar con esta rapidez supón un
importante avance para a eficiencia da rede municipal», concluíu Óscar Durán.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.