A intervención foi xestionada polo Concello da Estrada e será
financiada na súa totalidade pola Consellería de Cultura.
Realizada polo célebre escultor no ano 1956, constitúe un referente da
paisaxe urbana da vila.
A actuación prevista responde á necesidade de corrixir o deterioro
provocado pola exposición continuada aos axentes atmosféricos e á
contaminación ambiental.
O estudo previo detectou acumulación de sucidade, colonización
biolóxica, manchas derivadas dos fumes de combustión, erosión
superficial e pequenas fisuras.
Os traballos de rehabilitación da estatua da Inmaculada
Concepción, obra do célebre escultor Francisco Asorey, arrancan na Estrada coa
instalación dos andamios necesarios para acometer unha intervención integral de
conservación e restauración desta prezada obra. A chegada da estrutura auxiliar está
prevista para esta mesma mañá. En todo caso, marcará o comezo dunha actuación moi
demandada para garantir a preservación dunha destacada peza artística do patrimonio
local.
A intervención foi xestionada polo Concello da Estrada e será financiada na súa
totalidade pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, dentro
do compromiso compartido coa conservación do patrimonio cultural galego. A empresa
encargada de executar as obras será Artegal Restauraciones S.L.
A escultura da Inmaculada, realizada por Francisco Asorey en 1956, constitúe un
referente da paisaxe urbana da vila. Executada en mármore de Alicante e situada sobre
un pedestal de granito na Praza da Inmaculada duns seis metros de alto,a carón da igrexa
parroquial de San Paio, a peza conta con protección patrimonial e figura catalogada no
PXOM da Estrada.
A peza foi encargada no ano 1954 e inaugurouse o 22 de marzo de 1956, pouco despois
de que se conmemorara o centenario da proclamación do Dogma da Inmaculada
Concepción (no 1954). Foi encargada polo párroco Nicolás Mato Varela e tivo un custe
de 30.000 das antigas pesetas, reunidas grazas a donativos veciñais, cun papel clave da
Asociación Fillas de María. Inicialmente foi colocada no centro da praza, cuxa
remodelación posterior fixo que se trasladara a peza ao lado sur da igrexa parroquial.
A intervención
A actuación prevista responde á necesidade de corrixir o deterioro provocado pola
exposición continuada aos axentes atmosféricos e á contaminación ambiental. O estudo
previo detectou acumulación de sucidade, colonización biolóxica, manchas derivadas
dos fumes de combustión, erosión superficial e pequenas fisuras, aínda que sen apreciar
danos estruturais de relevancia na escultura nin no pedestal.
Os traballos desenvolveranse seguindo os criterios internacionais de conservación e
restauración do patrimonio, baixo a premisa do máximo respecto á obra orixinal e coa
mínima intervención necesaria. O proceso comezará cun exame detallado da peza e
continuará cunha limpeza superficial en seco e en húmido, a eliminación da colonización
biolóxica mediante tratamentos específicos, a reparación de pequenas fisuras, a
substitución de morteiros deteriorados por materiais compatibles e a documentación
completa de toda a intervención.
A restauración executarase in situ, cun prazo estimado de dous meses, por persoal
especializado en conservación e restauración de bens culturais. Ao remate elaborarase
unha memoria técnica que recollerá todos os tratamentos realizados e incluirá
recomendacións para garantir a correcta conservación futura deste importante
monumento.
Con esta actuación, a Xunta de Galicia e o Concello da Estrada contribúen á conservación
dunha representativa creación de Francisco Asorey e á posta en valor dun elemento
patrimonial que forma parte da identidade histórica e cultural do municipio.





































