Farían a antesala da fin de semana e dos dous días grandes das
celebracións patronais.
Logo de pasar pola Mesa Local de Comercio e o Consello Económico e
Social, a proposta vai o xoves a comisión e despois a pleno.
Os integrantes da comisión informativa de
Organización, Persoal e Asuntos Xerais abordarán este xoves, nunha sesión convocada
para as 20.00 horas, a proposta de festivos locais para o ano 2027. Chega á comisión
logo de pasar pola Mesa Local de Comercio e o Consello Económico e Social, coa
previsión de elevarse ao pleno ordinario correspondente ao mes de agosto.
Polo tanto, o Concello fixo xa a consulta aos dous órganos indicados, onde se atopan
representados os entes empresariais e económicos do municipio. O alcalde, Gonzalo
Louzao, explicou hoxe que a Asociación de Comerciantes da Estrada (ACOE) realizou
mesmo unha enquisa entre os seus asociados para valorar cales crían que serían os
mellores festivos locais para o vindeiro ano.
A proposta que agora mesmo está sobre da mesa concrétase en reforzar a celebración
das festas patronais de San Paio. Tendo en conta que os días 26 e 27 de xuño (os días
grandes das celebracións estradenses) coinciden en 2027 en sábado e domingo,
proponse marcar como festivos locais neste municipio o xoves 24 e venres 25 de xuño.






































