A ESTRADA SENSIBILIZA SOBRE A IMPORTANCIA DAS DOAZÓNS DESANGUE, LOGO DE SUPERAR AS 1.264 AO LONGO DO ÚLTIMO ANO

 A capital estradense recibe a unidade móbil este xoves e acolle o venres
a campaña “Un alento de vida”, que busca incrementar as doazóns
nestes meses de verán.
 A taxa de doazón do municipio é de 62,8 por cada 1.000 habitantes, moi
por encima da media galega e a longa distancia da media estatal.
 Esta campaña especial porá o acento en que o verán adoita ser a época
do ano de maior dificultade para acadar as máis de 400 doazóns de
sangue diarias que precisan os hospitais.

O sangue non se pode fabricar e só é posible obtelo coa
doazón de persoas solidarias que axudan a outras a recuperar a saúde. Nestes meses de
verán, nos que toca desfrutar das vacacións, miles de enfermos continúan precisando
esta solidariedade. Por iso, o Concello da Estrada sumarase á campaña especial que
realiza a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) para sensibilizar á
veciñanza sobre a importancia de continuar realizando doazóns de sangue nesta
tempada estival, un período no que hai dificultades engadidas para acadar as máis de
400 doazóns de sangue diarias que precisas os hospitais.
O dato da Estrada, aportado pola ADOS, permite ser optimista con respecto á reposta
cidadá. Segundo os datos que manexa a axencia, ao longo de 2025 (o último exercicio
de referencia) dende o Concello da Estrada aportáronse 1.264 doazóns, o que sitúa a
taxa de doazón do municipio nun 62,8 por cada mil habitantes, nos primeiros postos de
ranking provincial, por encima da media galega (38,82) e a longa distancia da media
estatal (33,96 por cada 1.000).
Tres días de visita
A unidade móbil deseñada para facilitar estas doazóns achegarase o xoves á Praza da
Constitución, a carón do consistorio. Estará operativa de 16.00 a 21.00 horas,
regresando o venres 31 de xullo (en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00) e
manténdose ao longo da mañá do sábado, 1 de agosto (de 10.00 a 15.00).

Ademais, A Estrada acollerá o venres un street marketing que busca concienciar sobre a
importancia das doazóns nestes meses de verán, baixo o lema “Un alento de vida”. O
obxectivo desta campaña é informar á veciñanza, poñendo o acento en que o verán
adoita ser a época do ano de maior dificultade para acadar as doazóns de sangue que
precisan os hospitais galegos para atender a milleiros de doentes.
A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, dependente da Consellería de
Sanidade, envía compoñentes sanguíneos as 24 horas do día a todos os hospitais de
Galicia para atender a actividade asistencial e facer fronte ás urxencias. Os centros
hospitalarios precisan 400 doazóns de sangue cada día.
Antes, durante e despois
En xeral, poden doar sangue persoas maiores de 18 anos (e ata os 70) con máis de 50
quilos de peso e que non padezan nin teña padecido enfermidades transmisibles polo
sangue. Se é pola mañá, non deben acudir sen almorzar e, despois de xantar teñen que
deixar pasar dúas horas.
Antes da doazón un médico realiza unha entrevista e un exame médico básico para
preservar a saúde do doador e protexer ao futuro receptor. Mídese o pulso, a tensión
sanguínea e o nivel de hemoglobina para desbotar unha anemia.
A doazón dura de 5 a 7 minutos e, ao rematar, hai un proceso de recuperación no que o
doador toma auga o refrescos para recuperar de inmediato o volume de líquido
extraído. Aos poucos días recibirá na casa os resultados das análises realizadas para
coñecer o seu estado de saúde.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.