Os traballos, adxudicados este luns, terán un prazo de execución de dous
meses.
Con este proxecto engadiranse 60 metros cadrados ao recinto actual, de
xeito que a área destinada ao ocio infantil se achegue aos 180 metros.
Instalaranse novas lousas homologadas na totalidade da superficie que
se empregará para colocación dos elementos de xogo.
O goberno da Estrada deu luz verde este luns á
adxudicación da obra de ampliación e mellora do parque infantil de Figueiroa, no tramo
final da Avenida de Santiago. O proxecto será executado pola firma Oziona Soluciones
de Entretenimiento S.L, por importe de 42.360 euros. Dende o arranque da obra, a
empresa terá un prazo de dous meses para completar os traballos.
Trátase dunha dotación encadrada nunha zona que gañou moita poboación nos últimos
anos e que ten un carácter estratéxico para o ocio dos máis pequenos, na medida en
que é un espazo situado a carón do CEIP Figueiroa e moi próximo á Escola Infantil
Municipal.
A infraestrutura existente foise quedando pequena co paso dos anos e o goberno local
aposta pola súa ampliación, sempre dentro das posibilidades que ofrece o solar no que
se encadra. A iniciativa será sufragada a través dunha baixa do plan +Provincia da
Deputación de Pontevedra.
O parque de Figueiroa ten actualmente unha superficie de xogo de 116 metros
cadrados. Con este proxecto, engadiranse outros 60 metros, de xeito que a área
destinada ao ocio infantil se achegue aos 180 metros cadrados.
A execución desta mellora contempla a ampliación da soleira actual, así como a
instalación de novas lousas homologadas na totalidade da superficie que se empregará
para a colocación de elementos de xogo. Ademais, incorporaranse novos elementos de
xogo para a diversión dos usuarios deste parque.
A pérgola existente na zona verde manterase para garantir a existencia de zonas de
esparexemento á sombra neste enclave, conservándose tamén o espazo reservado ao
xardín, para goce dos usuarios de maior idade destas instalacións.







































