Os traballos acompasaranse coa recta final da intervención para
restaurar a escultura de Asorey que bautiza este espazo urbano.
A actuación estenderase por espazo aproximado dunha semana.
O Concello da Estrada porá en marcha a vindeira
semana a limpeza integral á que será sometida a Praza da Inmaculada, un espazo público
que se abre aos pés da igrexa parroquial de San Paio e no que se enclava a escultura de
Francisco Asorey que lle dá nome.
Esta intervención, que se realizará con máquinas hidrolavadoras e que se prolongará
por espazo aproximado dunha semana, acompasarase coa fase final dos traballos de
limpeza e restauración da estatua realizada polo célebre escultor para este enclave
estradense no ano 1956.
O concelleiro de servizos municipais, Óscar Durán, explicou que a previsión é empezar a
traballar nesta praza a comezos de semana, sinalando que esta superficie de pedra será
limpada a fondo.
De igual xeito, a medida acompañarase proximamente do pintado da nova illa de
contedores de lixo que foi instalada na parte posterior de este espazo, un traslado que
foi moi ben acollido por moitos usuarios e que require agora da correspondente
delimitación con sinalización horizontal.
Consolidante
No tocante á restauración da escultura da Inmaculada Concepción, situada no extremo
dereito desta praza, dende Artegal Restauraciones explicouse hoxe que, despois de
realizar a limpeza en seco e húmido e de aplicar un biocida para eliminar a colonización
biolóxica, os traballos concentraranse agora en eliminar todas as xuntas de cemento que
presenta a obra. Serán substituídas por morteiro tradicional, toda vez que se repararán
as fisuras e fendas que presenta a peza, culminando o proceso coa aplicación dun
consolidante en toda a figura.
Os traballos suporán, como mínimo, outra semana máis de obras, que serían
compatibles cos traballos de limpeza da praza. A actuación que se está realizando
respondeu á necesidade de corrixir o deterioro provocado pola exposición continuada da
escultura realizada por Asorey aos axentes atmosféricos e á contaminación ambiental. O
estudo previo a esta restauración profesional detectou acumulación de sucidade,
colonización biolóxica, manchas derivadas dos fumes de combustión, erosión superficial e
pequenas fisuras, aínda que sen apreciar danos estruturais de relevancia na escultura nin
no pedestal.
Coa intervención, sufragada pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, contribúese
á conservación desta representativa peza da obra escultórica de Asorey, poñendo en
valor un elemento patrimonial que forma parte da identidade histórica e cultural da
Estrada. O Concello correrá cos gastos derivados da limpeza da Praza da Inmaculada,
facendo coincidir estas dúas actuacións de mellora.
A Praza da Inmaculada e a súa contorna melloraron hai un ano a súa iluminación, unha
intervención que supuxo a renovación dos deteriorados puntos de luz que existían neste
enclave urbano para gañar intensidade lumínica.







































