O ALCALDE VISITA COA EMPRESA O NOVO TRAMO DA AG-59, QUEAVANZA A MOI BO RITMO EN AMBAS MARXES DO RÍO ULLA

 O rexedor estivo acompañado por representantes das tres empresas que
conforman a UTE que executa as obras (Misturas, Vázquez y Reino e
Francisco Gómez y Cía).
 A actuación prevista inclúe 9 novas estruturas: viaduto do río Ulla,
viaduto do río Vea, 4 pasos inferiores, 1 paso superior e 2 muros.
 O bo tempo da tempada estival estase aproveitando para facer os grandes
movementos de terra, as drenaxes e para os piares do primeiro dos
viadutos que se quere executar.
 “É importante poñer o acento en algo que, quizais, pasou máis
desapercibido do que merece: a autovía AG-59 estreou unha nova fase,
pero sen que as obras se detiveran con esta inauguración”, sinala o
mandatario estradense.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, volveu esta
semana á autovía AG-59 (Santiago-A Estrada). Non o fixo para regresar ao tramo que se
vén de inaugurar e que remata na veciña localidade de Pontevea (Teo), senón para pisar
o terreo do traxecto co que esta vía de alta capacidade chegará ao municipio estradense.
A visita permitiu ao mandatario comprobar que as obras están avanzando xa a moi bo
ritmo en parroquias como a de Cora.
Acompañado polo arquitecto técnico municipal, Daniel Órrea, o mandatario estradense
recibiu a pé de obra a información facilitada pola UTE AG-59 Pontevea, que conforman
as empresas Francisco Gómez y Cía, S.L., Misturas Obras e Proxectos S.A. e Vázquez y
Reino, S.L. Os seus representantes trasladaron ao alcalde que arestora están traballando
en ambas as dúas marxes do río Ulla, concentrando a definición do traxecto para a
prolongación da plataforma na zona pola que discorre o río Vea.
Louzao Dono amosouse certamente sorprendido do que avanzaron os traballos no
último mes, un ritmo áxil que non permite apreciar a perspectiva dispoñible dende o
punto no que conclúe o tramo que vén de seren inaugurado.

Movementos de terra, drenaxes e piares
O bo tempo da tempada estival estase aproveitando para facer os grandes movementos
de terra, as drenaxes e para os piares do primeiro dos viadutos que se quere executar,
o do río Vea. “A adxudicataria quere que quede construído nos últimos meses de 2026
e ese vai ser dos grandes avances que se van ver na fisionomía desta obra”, apuntou o
rexedor.
Este treito de prolongación da autovía, entre Pontevea e O Rollo (xa na parroquia
estradense de Santa Cristina de Vea), terá 4 quilómetros de percorrido e discorrerá
paralelo á estrada AC-841. Ao final do tramo, incluirá un enlace consistente na
construción dunha glorieta a nivel sobre o citado viario autonómico. A actuación
prevista inclúe 9 novas estruturas: viaduto do río Ulla, viaduto do río Vea, 4 pasos
inferiores, 1 paso superior e 2 muros.
A Xunta activou este tramo final no mes de novembro, iniciando o desmonte e limpeza
de todo o trazado e aínda coa prolongación dende A Ramallosa ata Pontevea en marcha.
Completada esta última fase, os traballos continúan avanzado. “Coido que é importante
poñer o acento en algo que, quizais, pasou máis desapercibido do que merece: a autovía
AG-59 estreou estes días unha nova fase, pero sen que as obras se detiveran con esta
inauguración. Nin moito menos”, remarcou o alcalde da Estrada.
Salientou que, dende o acto celebrado no Rollo co que se puxo en marcha esta nova
fase a Xunta segue a traballar para acadar no 2028 unha autovía cun total de 14
quilómetros e cun investimento de 67 millóns de euros nestes dous treitos, unha
infraestrutura que permitirá reducir a 10 minutos a viaxe entre Santiago e A Estrada.
A fase da Estrada
“Como non podía ser doutro xeito, asistimos contentos e orgullosos á recente
inauguración, pero somos conscientes de que o compromiso da Xunta coa AG-59 non
remata en Pontevea. O traxecto A Ramallosa-Pontevea non abonda para A Estrada,
como sempre se defendeu dende este goberno”, dixo Gonzalo Louzao. Nesta liña,
insistiu que o tramo que puido pisar coa empresa é o que resulta crucial para vertebrar
o municipio e favorecer a conexión dos estradenses coa capital galega.
“Estou plenamente convencido de que AG-59 non só nos achegará á capital galega,
senón que situará o noso municipio no mapa para que pasemos de ser orixe e nos
convertamos tamén en destino prioritario destes desprazamentos”, continuou o alcalde.
Incidiu en que a chegada da autovía ao municipio, ao pé do polígono de Toedo, está
chamada a converterse “nunha porta aberta para atraer poboación e novos asentamentos
empresariais no noso solo en expansión pública”. “Cada mellora nas comunicacións reduce
distancias, pero tamén elimina barreiras á hora de vivir, investir ou emprender. Iso é o que
realmente está en xogo”, puntualizou.

Comprensión
Ao remate da visita os representantes do Concello da Estrada a da UTE encargada de
executar as obras quedaron emprazados a avanzar de xeito coordinado para que os
traballos prosigan con axilidade e coas menores molestias posibles para a veciñanza, á
que se irá informando puntualmente das cuestións que poidan afectar ao seu día a día.
“Sabemos que cando hai obras tamén hai molestias e pedimos comprensión a todos os
veciños e veciñas desta zona do noso concello”, sinalou Gonzalo Louzao. Asumiu que
haberá vías afectadas pola actuación. A visita permitiu ver como unha delas,
concretamente a que vai dende Cora ao centro de saúde, estaba cortada polo impulso
destas obras.
“Cortaranse puntualmente vías con derivacións de tráfico e, unha vez rematadas as
obras, todas estas estradas municipais van quedar con pasos inferiores por debaixo da
nova autovía”, sinalou o rexedor. “Pedimos comprensión e dende o Concello estaremos
para recibir o sentir dos veciños e veciñas en todas as cuestións que se poidan mellorar,
entendendo que as obras sempre causan cambios que teremos que asumir”, concluíu.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.