CONCLÚEN AS OBRAS DO PLAN DE ASFALTADOS NO RURAL DA ESTRADA, CON MÁIS DE DOUS MILLÓNS DE EUROS INVESTIDOS

O Concello da Estrada vén de completar unha nova
fase do plan de asfaltados no rural, cun investimento superior aos dous millóns de euros
que permitiu mellorar 75 vías municipais de 33 parroquias durante o último ano e
executar un plan de bacheos en preto de 200 infraestruturas.
Con máis de 2.000 quilómetros de estradas de titularidade municipal, o executivo local
continúa desenvolvendo este plan por fases para avanzar na mellora das infraestruturas
de comunicación dun dos municipios con maior extensión rural de Galicia.
Hoxe mesmo concluíron as obras dun paquete por importe próximo aos 800.000 euros,
unha campaña que deixa arranxadas 40 vías en 23 parroquias:
• Toedo: Toedo, Cerrada das Carballas, O Soutiño, O Soutiño-Igrexa e A Carballa.
• San Pedro de Ancorados: O Foxo e O Foxo-Penalba.
• Callobre: Ponteliñares-Moreira (Devesa) e Ponteliñares.
• Guimarei: A Torrevella.
• Santo André de Vea: Trazaríns-Cardelle e Cardelle.
• San Xiao de Vea: Vilanova.
• San Tomé de Ancorados: Igrexa.
• Aguións: A Raxeira, O Codeso e A Frieira.
• Vinseiro: Vis de Correa.
• Matalobos: Guendos e Saiñas.
• Remesar: Aldea Grande e A Rabeta.
• Santeles: Viasque, Sar e Fondevila.
• Berres: Altiño de Berres.
• Orazo: Riomao-Vendexa e Vendexa.
• Arnois: Gundián.
• Loimil: Loimil (Igrexa).
• Rubín: Bemposta.
• Cora: Cora.
• Lagartóns: Os Tatos e O Viso.
• Codeseda: Barro e Vilaboa.
• Nigoi: O Pazo.
• San Miguel de Castro: Igrexa.
• San Miguel de Barcala: Negreira e Cimadevila.
Estas actuacións permiten ofrecer mellores condicións de circulación aos centos de
veciños que empregan diariamente estas vías, conferindo unha maior seguridade viaria,
mellor accesibilidade e optimizando a comunicación entre distintos núcleos de
poboación.
O alcalde estradense, Gonzalo Louzao, avanzou ademais que o goberno ten xa lista e
encamiñada a programación dunha nova fase, que se dará a coñecer nos próximos días
e para a que contará cun investimento aínda maior que no último capítulo de asfaltados
rurais, se ben puntualizou que tamén se deseñou un plan específico para vías do casco
urbano.
Louzao incidiu en que a mellora da rede viaria seguirá sendo unha das prioridades do
mandato. Recoñeceu que son moitas as necesidades nun rural tan extenso como o do
Concello da Estrada e agradeceu a paciencia e comprensión dos veciños e veciñas á hora
de de agardar que chegue a quenda das melloras que máis lle interesan en cada caso.
“Temos que ir por fases e programando en función das necesidades e prioridades, pero
todas chegarán”, sinalou.

 

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.