CONCELLO E SERGAS SELAN O CONVENIO PARA INVESTIR MÁIS DE154.000 EUROS NA REFORMA DO CENTRO DE SAÚDE DE OCA

 O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e o conselleiro de Sanidade,
Antonio Gómez Caamaño, asinan o acordo de colaboración que
permitirá acometer unha actuación integral nestas instalacións.
 Concello e Servizo Galego de Saúde asumirán ao 50 % o financiamento
das obras, cunha achega de 77.056 euros por cada administración.
 A institución estradense asumirá a licitación e contratación dos
traballos.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e o conselleiro
de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asinaron esta mañá no Centro de Saúde de Oca
o convenio de colaboración que permitirá executar unha reforma integral destas
instalacións sanitarias, cun investimento total de 154.112,02 euros.
O acordo materializa a colaboración entre o Concello da Estrada e o Servizo Galego de
Saúde (Sergas), para mellorar un dos tres centros de saúde periféricos do municipio,
unha actuación que ambas administracións consideran prioritaria para garantir unhas
instalacións máis seguras, eficientes e adaptadas ás necesidades asistenciais da
veciñanza.
O investimento será financiado ao 50% por ambas institucións, cunha achega de
77.056,01 euros por parte do Concello da Estrada, idéntica á que corresponde por parte
do Servizo Galego de Saúde.
As obras previstas responden ás deficiencias detectadas nun informe técnico elaborado
polo Sergas e permitirán actuar sobre os principais problemas estruturais do edificio. En
concreto, acometerase a substitución completa da cuberta, incorporando unha nova
impermeabilización, illamento térmico e tellas cerámicas, ademais da renovación dos
canlóns, baixantes e da instalación dun novo lucernario para eliminar as filtracións
existentes.
A intervención incluirá tamén a renovación dos falsos teitos e o pintado interior do
edificio, a substitución das tubaxes de auga quente sanitaria e calefacción por un sistema
máis eficiente e duradeiro, así como o traslado do rack de comunicacións á zona de

administración, mellorando a seguridade da infraestrutura tecnolóxica e reducindo o
risco de avarías e incendios.
Durante o acto, ambas administracións destacaron que esta reforma permitirá resolver
os problemas de humidades, o deterioro das instalacións e a obsolescencia dalgúns
sistemas do edificio, garantindo a funcionalidade do centro de saúde a longo prazo e
mellorando tanto as condicións de traballo dos profesionais como a atención que recibe
a cidadanía.
En virtude do convenio asinado, será o Concello da Estrada o encargado de licitar,
contratar e executar as obras, mentres que o Sergas, ademais da súa achega económica,
coordinará coa administración local as actuacións necesarias para asegurar a
continuidade da asistencia sanitaria durante o desenvolvemento dos traballos.
Botica anexa
Durante a visita ao centro, o alcalde da Estrada aproveitou tamén para lembrar que o
Concello continúa defendendo a posta en funcionamento da botica anexa de Oca,
despois de que fora presentada unha reclamación, por parte do titular doutra farmacia,
contra a súa autorización.
Louzao incidiu en que se considera plenamente acreditada a necesidade deste servizo
para dar cobertura ás parroquias de Oca, Loimil, Orazo, Riobó, Berres e San Miguel de
Castro, especialmente pola distancia á oficina de farmacia máis próxima e pola ausencia
de transporte público regular na zona

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.