A Estrada acollerá 40 actividades culturais nas
parroquias dentro do ciclo “Un cómico na aldea”

O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, presentou
esta mañá un novo ciclo de actividades culturais no rural, que se retoma despois de dous
anos de parón pola pandemia baixo o nome “Un cómico na aldea” e inclúe 40 eventos
espallados pola meirande parte de parroquias estradenses.
“Levamos tempo achegando parte da nosa programación cultural ao rural e este ano
farémolo con máis forza ca nunca da man desta iniciativa especial e ilusionante, con
eventos para todos os públicos e cun importante protagonismo dos artistas estradenses,
para conseguir que sexa partícipe das actividades que estamos a impulsar desde o
Concello a maior cantidade da veciñanza posible”, asegurou Juan Constenla.
O edil de Cultura tamén explicou que coa elección do nome “Un cómico na aldea” para
denominar a este novo conxunto de actividades culturais preténdese homenaxear o 30
aniversario da publicación do libro “Un médico na aldea”, do autor estradense Manuel
Reimóndez Portela.
As primeiras actuacións enmarcadas neste ciclo terán lugar durante a fin de semana do
24 e 25 de setembro con funcións nas parroquias de Orazo -dentro da súa mostra de
teatro afeccionado-, Santeles e Riobó, e extenderase ata marzo do 2023.
“Un cómico na aldea” incluirá 40 actividades culturais de teatro, novo circo, narración
oral, monólogos, maxia, música e roteiros literarios, que se celebrarán nas escolas e locais
sociais das seguintes 38 parroquias: San Andrés de Vea, San Xurxo de Vea, San Xulián de
Vea, San Xiao de Vea, Cora, Couso, San Miguel de Barcala, Frades, Toedo, Santeles,
Matalobos, Paradela, Arnois, San Miguel de Castro, Oca, Loimil, Riobó,

Berres, Moreira,
San Pedro de Ancorados, San Tomé de Ancorados, Curantes, Rubín, Callobre, Cereixo,


Vinseiro, Lamas, Pardemarín, A Somoza, Tabeirós, Montillón, Nigoi, Parada, Ribela,
Codeseda, Sabucedo, Ouzande e Guimarei.
A totalidade das compañías e dos/as artistas que protagonizarán o ciclo cultural son
galegos/as e, na súa maioría, estradenses. O apartado teatral contará coas
representacións de Disfunción Continua, As Lerchas, Bandullo Azul, Grupo Chévere,
Teatro da Zarabándula e da Escola Municipal de Artes Escénicas. O novo circo estará
representado polo Mimo Nono e por Isabel Risco. O ciclo tamén contará coas narracións
orais de Quico Cadaval, Cándido Pazó, Celso Sanmartín e Lois Pérez. Completarán a oferta
cultural os monólogos de Isi e do Padre Xiao; o espectáculo de maxia de Manolo do
Atlético e o Mago Toño; a actuación musical de Pablo Chichas e Miguel Guido; e os
roteiros literarios que se levarán a cabo no Pazo de Oca e no Areal de Berres.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello da Estrada envía 182 notificacións a
propietarios reclamando a limpeza dos seus terreos

O Concello da Estrada, atendendo ás denuncias de
particulares, remitiu durante o verán 182 notificacións a propietarios reclamando a
limpeza das súas leiras no rural e mais en zonas urbanas próximas a vivendas.
O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Constenla, explicou que agora mesmo o Concello
ten 120 expedientes abertos -incluíndo un ou varios terreos cada un- que foron
tramitados pola administración local a raíz das denuncias dos veciños lindeiros desas
propiedades nas que os seus titulares deberán realizar as correspondentes labores de
desbroce ou tala de árbores para cumprir coa lexislación vixente en materia de
prevención de incendios forestais.
Dita lei obriga aos donos dos terreos a xestionar a biomasa vexetal nunha franxa de 50
metros arredor de calquera edificación e, ademais, deberán evitar o crecemento
incontrolado de maleza que afecte ás parcelas adxacentes ou invada a vía pública.
Constenla tamén destacou “o importante esforzo do Concello” para localizar “un por un”
aqueles terreos que foron obxecto de denuncia e determinar a súa titularidade, xa que
“hai algúns casos nos que existen varios propietarios que non chegan a acordo ou hai
problemas de herdanzas e, noutros casos, os titulares dos terreos residen no
estranxeiro”. O edil de Medio Ambiente tamén aproveitou para facer un chamamento “á
sensibilización cidadá” co obxectivo de que “teñan as súas propiedades nunhas
condicións axeitadas para evitar perigos”.
Unha vez enviadas as notificacións, os/as propietarios/as dispoñen de 15 días para
cumprir co requerimento e, do contrario, publicarase unha comunicación no Boletín
Oficial do Estado (BOE) outorgándolles outros 15 días hábiles para efectuar os traballos

de limpeza. De continuar sen atender á notificación logo da súa publicación no BOE, o
Concello podería impoñer multas coercitivas e levar a cabo a limpeza con medios propios,
repercutíndolle o custo aos propietarios. Do total de expedientes tramitados, a maioría
aínda están dentro do prazo, 15 deles xa cumpliron co requerimento e outros sete
solicitaron unha ampliación do prazo para realizar as tarefas de tala ou desbroce

Publicado en Portada | Deja un comentario

LUIS LÓPEZ GARANTE O “MÁXIMO APOIO” DA XUNTA PARA O FUTURO DA FEIRA DO MOBLE E O CRECEMENTO DO SECTOR

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López , garantíu o “máximo apoio” do Goberno galego para o futuro da Feira do Moble e para o crecemento e desenvolvemento do sector durante o acto de inauguración oficial da triséximo cuarta edición do certame, que tivo lugar este mediodía no recinto da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada.

 

O representante autonómico destacou a “importancia socioeconómica e incluso identitaria” do sector do moble na nosa comunidade, xa que representa algo máis do 6% da actividade económica grazas ás súas 730 empresas que producen anualmente 3,6 millóns de pezas, con especial preponderancia nas de cociña.

 

“O dinamismo do sector do moble galego e a súa capacidade para adaptarse aos novos tempos son dignos de eloxio, xa que ademais dos mobles para os nosos fogares tamén vén de especializarse no ámbito do contract para equipamentos de hoteis ou establecementos comerciais, e todo elo aderezado con deseño, eficiencia, calidade, innovación e un gran potencial loxístico, sen esquecer o tradicional bo xeito de traballar a madeira, polo que conseguen que Galicia sexa un referente no mercado internacional”, salientou o representante autonómico.

 

Ademais, Luis López subliñou o valor e a importancia de recuperar a Feira do Moble de Galicia trala suspensión das dúas edicións anteriores por mor da pandemia, “xa que deste xeito volvemos ao desexado punto de partida e podemos afrontar os retos do futuro, para os que a Xunta estará incondicionalmente apoiando ao sector”. Neste senso, agradeceu e louvou o traballo da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada “ para que volvamos a ter este certame e manteñamos na Estrada a capital do moble de Galicia, que é unha marca de identidade e un gran activo económico e laboral deste concello”.

Tras a súa intervención, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra visitou os stands dos 50 expositores xunto ao director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, o alcalde da Estrada, José López, os representantes da Asociación de Fabricantes e Comerciantes de Mobles da Estrada, empresarios locais e outros representantes institucionais. Luis López interesouse polas súas coleccións e desexoulles unha “boa feira”, que se celebrará ata o vindeiro domingo cun horario de apertura de 11.00 a 20.00 horas e toda a superficie expositiva completa.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Souto de Vea ás escuras

Desde o BNG da Estrada denunciamos que o núcleo urbano de Souto de Vea leva varios días ás escuras, xa que as luces públicas non funcionan. Este novo problema, unido ao tramo vial sen pintar, que xa temos denunciado en varias ocasións, fan este tramo urbano perigoso e inseguro para os veciños e veciñas. Non é de recibo que estes teñan que agardar o autobús ou andar pola beirarrúa ás escuras.

Instamos ao goberno do PP a tomar medidas e mellorar o tramo vial do núcleo urbano do Souto de Vea, que coa choiva volven aflorar os mesmos problemas de sempre: fochancas, charco-piscina no único paso de peóns do Souto de Vea, auga correndo pola vía, … e por suposto vial sen pintar, nun tampo polo que pasan centos de coches todos os días.

Sabemos, porque o dixo o alcalde en pleno, que o Souto de Vea non é unha prioridade para este goberno. Ao mellor é que segue a mesma estratexia de Rueda na Xunta de Galiza: canto peor estea a situación, neste caso no Souto de Vea, mellor para os intereses electorais do PP, mais os veciños e veciñas saberán tomar boa nota deste abandono por parte do goberno municipal.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada agarda recibir a milleiros de persoas na fin de
semana coa XXXIV Feira do Moble e O Son dos Arrieiros

o A segunda edición do festival O Son dos Arrieiros será de balde e contará coas
actuacións de 21 grupos galegos en catro escenarios repartidos polo casco urbano
estradense
o A Feira do Moble de Galicia volve despois de dous anos de parón pola pandemia
co 100% do seu espazo ocupado por firmas autonómicas, nacionais e
internacionais
o O alcalde, José López, destaca a variedade dos eventos programados “con
actividades para todos os públicos” e subliña o “importante retorno económico”
que terán no municipio

 

O Concello da Estrada agarda recibir durante esta fin
de semana a milleiros de persoas co gallo da XXXIV edición da Feira do Moble de Galicia,
que se volverá celebrar no recinto feiral a partir do xoves 15 despois de dous anos de
parón pola pandemia, e da segunda edición do festival O Son dos Arrieiros, que acollerá
A Estrada desde o venres 16 ata o domingo 18.
A XXXIV Feira do Moble volverá ao recinto feiral da Estrada a partir do xoves 15 co 100%
do seu espazo ocupado por firmas do sector da madeira e da decoración procedentes do
territorio autonómico, nacional e internacional. Os/as asistentes poderán visitar os
11.000 metros cadrados de exposición e gozar das actividades complementarias entre o
xoves e o domingo, de 11.00 a 20.00 horas.


A segunda edición do festival O Son dos Arrieiros, enmarcado dentro da programación
do Xacobeo 21-22 e con entrada de balde para os/as asistentes, contará coas actuacións
de 21 artistas e grupos galegos espallados en catro escenarios diferentes situados nos
seguintes espazos do casco urbano estradense: a renovada Praza da Feira, a carballeira
do Campo da Feira, a Praza do Novo Mercado e o Teatro Principal da Estrada. O evento
dará comezo o venres 16 coa actuación do grupo A Banda da Loba, ás 21.00 horas no
Teatro Principal; logo, a Praza da Feira acollerá os concertos de Sleepy Spice, ás 22.00
horas; Berto, ás 23.00 horas; e C. Mirazo, ás 00.00 horas.
A programación do sábado 17 comezará ás 12.00 horas coa actuación de Mundo Prestigio
na Praza da Feira, onde tamén o farán The Rapants, ás 14.00 horas; María Grep, ás 16.00
horas; Youcanthide, ás 18.00 horas; Grima, ás 20.00 horas; Ortiga, ás 23.00 horas; e
Señora DJ, ás 00.30 horas. No escenario situado na carballeira do Campo da Feira
sucederanse as seguintes actuacións: ás 13.00 horas, Treintañeras Cañeras; ás 15.00
horas, Catuxa Salom; ás 17.00 horas, Allova; ás 19.00 horas, Copa Turbo; e ás 22.00 horas,
Thee Blind Crows. O Teatro Principal acollerá o sábado un único concerto, o do grupo
Néboa ás 21.00 horas, e durante a mañá está previsto que a gaiteira Susana Seivane e
Caamaño & Ameixeiras actúen no Novo Mercado.
O domingo 18 será o derradeiro día do festival e contará cunha sesión vermú na Praza da
Feira composta pola actuación do grupo Grande Amore, ás 12.30 horas; e Kris K DJ, ás
13.30 horas.
Aos eventos mencionados anteriormente súmase a celebración da II Ruta Infantil BTT
Concello da Estrada, organizada dende o Departamento de Deportes, que terá lugar o
sábado 17 de setembro. Os/as participantes sairán ás 16.00 horas dende a Praza do
Concello e realizarán un percorrido de 13 quilómetros de baixa dificultade durante tres
horas. Aqueles menores que desexen participar deberán ter como mínimo 6 anos de
idade e ir acompañados dun adulto. Poderán inscribirse de balde en www.bikestrada.com
ata o 15 de setembro.
O alcalde da Estrada, José López, celebrou “a existencia de actividades para todos os
públicos, nunha fin de semana que converterá A Estrada na capital da cultura e do sector
da madeira de Galicia”, e que traerá consigo un “importante retorno económico” para a
hostalaría e os comercios locais.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Máis de 20 artistas galegos tocarán no Son dos Arrieiros

Tras o éxito e recoñecemento adquiridos o ano pasado, coroandose como primeiro festival de Galicia con público de pé en interior, O Son dos Arrieiros aposta por manter un cartel paritario con máis dunha vintena de artistas galegos, pretendendo amosar que é posible formular propostas de éxito en clave territorial e brindando a oportunidade de coñecer os grupos que non teñen cabida noutros festivais.
O alcalde da Estrada, José López, e a directora de O Son dos Arrieiros, Patricia Hermida, presentaron onte o cartel desta edición, de carácter gratuito e que se celebrará os días 16, 17 e 18 de setembro.
Os artistas que se subirán ao escenario en distintos puntos da vila son Sleepy Spice, Berto, C Mirazo, Mundo Prestigio, The Rapants, Mariagrep, Youcanthide, A Banda da Loba, Grima, Susana Seivane, Néboa, Ortiga, Treintañeras Cañeras, Allova, Copa Turbo, The Blind Crows, Grande Amore, Kris K Dj, Catuxa Salom, Señora dj e Caamaño & Ameixeiras.

 
 
Publicado en Portada | Deja un comentario

Guimarei recupera o festival Música da Terra o día
17 de setembro durante as súas festas das Dores

O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, presentou
esta mañá a segunda edición do festival folk Música da Terra de Guimarei, coa que
colabora o Concello da Estrada, que se celebrará o sábado 17 de setembro en dita
parroquia despois de dous anos de parón pola pandemia.
Xunto co edil de Cultura, na presentación do evento participaron os membros da
comisión de festas de Guimarei Diego Rodríguez, Ricardo Casas e Alejandro García.
O evento dará comezo o sábado 17 de setembro ás 22.00 horas e contará coas actuacións
dos seguintes catro grupos de música tradicional galega: Treixadura, Os Carunchos, Tanto
nos Ten e Regatos. A entrada será de balde e, como novidade, este ano haberá servizo
de polbeiro.
O festival enmárcase dentro das festas das Dores de Guimarei, que se celebrarán dende
o venres 16 ata o domingo 18 de setembro. O venres 16, ás 20.00 horas haberá misa da
novena na honra á Virxe das Dores; e ás 21.30 horas terá lugar unha degustación gratuíta
de porco á brasa e mais a actuación do Dúo Punto Cero.
O sábado 17, ás 13.00 horas haberá misa cantada na honra a San Roque e, a continuación,
procesión e sesión vermú coa actuación de Decotío Gaiteiros. Pola noite, ás 22.00 horas,
será a quenda da segunda edición do festival folk “Música da Terra de Guimarei”.
O domingo 18 será o derradeiro día de festa. Os actos comezarán ás 13.00 horas coa misa
cantada na honra á Virxe das Dores e a posterior procesión co acompañamento musical
da Banda de Música Municipal da Estrada. Pola tarde, a partir das 19.00 horas, haberá
verbena amenizada pola orquestra Olympus e a discoteca móvil espectáculo CDC Mega.

Publicado en Portada | Deja un comentario