As obras na Porta do Sol obrigarán a realizar cortes
de auga en varias rúas os días 23 e 24 de maio

Os traballos de mellora do entorno da Porta do Sol que
está a levar a cabo o Concello da Estrada obrigarán a realizar cortes intermitentes no
subministro de auga na avenida de Ponteareas, na rúa Ulla e na Porta do Sol durante os
días 23 e 24 de maio.
Os cortes comezarán ás 8.00 horas e está previsto que sexan puntuais, aínda que se
intentará restablecer a normalidade do subministro na zona o antes posible.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Teatro Principal acollerá o día 25 a IX Festa das
Palabras coa autora Rosalía Morlán como madriña

O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, presentou esta
mañá xunto con representantes dos equipos de dinamización lingüística dos centros
educativos estradenses a programación da IX edición da Festa das Palabras, que se
celebrará no Teatro Principal da Estrada o vindeiro 25 de maio e estará amadriñada pola
autora Rosalía Morlán.
Na súa intervención, Juan Constenla agradeceu a implicación de toda a comunidade
educativa da vila neste proxecto que busca promover o uso da lingua galega entre a
mocidade e que supón o peche ao traballo desenvolto nas aulas durante todo o curso
escolar.
A IX Festa das Palabras comezará ás 20.30 horas no Teatro Principal cunha intervención
da madriña elixida para este ano, a escritora galega de literatura infantil Rosalía Morlán.
A continuación terá lugar a entrega de premios do IX concurso de micropoemas e
microrrelatos, organizado polos equipos de dinamización lingüística dos centros. Nesta
ocasión, os/as alumnos/as decidiron no primeiro trimestre entre os títulos das obras do
escritor homenaxeado o Día das Letras Galegas, Florencio Delgado Gurriarán, que os
microrrelatos deberían conter a palabra “loita” e os micropoemas a palabra “infinda”.
Xunto co premio, os/as gañadores/as recibirán un libro conmemorativo da edición cos 62
textos que resultaron premiados e con 14 ilustracións realizadas polo alumnado de
Educación Infantil dos centros escolares. Ademais, o acto contará co acompañamento
musical da agrupación Favorita.
Durante a presentación, a coordinadora local dos equipos de dinamización lingüística
Dinamizaestrada, María Tato, agradeceu a colaboración do Concello da Estrada e sinalou
a importancia de continuar con esta celebración para dar “un pasiño máis cara ese futuro
esperanzador en que o galego sexa falado en todos os ámbitos”.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A IX Feira da Sidra volverá á Praza do Concello con
21 participantes e dobre degustación o 4 de xuño

O alcalde da Estrada, José López, celebrou esta mañá no
Novo Mercado a “volta á normalidade” da IX edición da Feira da Sidra, que terá lugar na
Praza do Concello o 4 de xuño tras dous anos de parón pola pandemia e contará coa
participación de 21 lagares de España, Francia, Inglaterra, Portugal e Alemania.
O rexedor local estivo acompañado do xerente do GDR Pontevedra Norte, Ramiro Ruibal,
e de representantes das sidrarías estradenses. López destacou a importancia desta
celebración “en cada unha das 51 parroquias” grazas á tradición sidreira do municipio, e
expresou o seu desexo de que “A Estrada se convirta nun referente no mundo da sidra”
dentro e fóra de Galicia.
A celebración comezará ás 12.00 horas coa tradicional degustación popular na Praza do
Concello. Participarán as marcas estradenses Ribela, Peroja, Camino e L.P. Estarán
acompañadas das galegas Cfea Guísamo, Andina PS, Val de Traba, Maeloc; das nacionais
Guerrilla Importes, Sidra Kuartago, Cabueñes, Solleiro, Carral, Somarroza, Astarbe e
Bereziartua; e das internacionais Sidrada (Portugal), L’Maitre (Francia), Manoir du Kinkiz
(Francia), Burrow Hill (Inglaterra) e Kelterei Heil (Alemaña). Durante a degustación haberá
unha actuación musical do grupo A Roda.
Xa pola tarde, ás 19.00 horas, reanudarase a cata das diferentes sidrarías ata esgotar as
existencias e entregarase o “Grolo de Ouro” a unha persoa representativa do sector.
Durante a degustación terá lugar a actuación do grupo La Quinkillada. Ao igual que en
anos anteriores, para participar na degustación da sidra os asistentes deberán mercar un
vaso conmemorativo desta IX edición e poderán enchelo tantas veces como queiran.
Para acompañar a presentación do evento, o Novo Mercado acolleu un “showcooking”,
no que amosaron diferentes usos da sidra no eido gastronómico aplicándoa na
elaboración de varios pratos.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Os escolares da Estrada defenden o uso do galego
no audiovisual a través da gravación de noticieiros

o A concelleira de Educación e o profesorado destacan a “boa acollida” da iniciativa
“Dinamiza TV”, coa participación do alumnado de todos os centros educativos
estradenses
o Os 10 noticieiros realizados polos escolares publicaranse na canle municipal de
YouTube

A concelleira de Educación, Amalia Goldar, presentou esta
mañá a primeira edición de “Dinamiza TV”, un proxecto impulsado polo Concello en
colaboración con todos os centros educativos da Estrada para promover o uso do galego
no eido audiovisual.
Durante a presentación, a edil de Educación estivo acompañada pola coordinadora
estradense dos equipos de dinamización lingüística “Dinamizaestrada”, María Tato; e o
dinamizador do CEIP do Foxo, Alberto Bernárdez. Goldar agradeceu a implicación tanto
do alumnado coma do profesorado con esta iniciativa, que deu comezo no mes de
xaneiro, e consistiu na gravación de dez noticieiros en galego sobre diferentes contidos
por parte dos escolares de todos os centros estradenses co obxectivo de “incentivar a
práctica da lingua oral e escrita entre a mocidade, ademais de promover o uso das novas
tecnoloxías”.
Agora, unha vez rematada a montaxe dos vídeos, tarefa da que se encargou o estradense
Lucas Terceiro, serán publicados na canle de YouTube do Concello da Estrada. Mañá, ás
12.00 horas, será a quenda do noticieiro elaborado polo alumnado do IES Manuel García

Barros e, a patir de entón, subiranse tres vídeos á semana -cada luns, mércores e venres-
ata facer públicos os de todos os centros participantes.

A coordinadora local dos equipos de dinamización lingüística “Dinamizaestrada”, María
Tato, destacou a boa acollida do proxecto entre o alumnado, no que participaron
escolares de todos os cursos, e amosou o seu desexo de darlle continuidade a esta
iniciativa de cara a vindeiras edicións.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Aprazado o musical “La Bella y la Bestia” ata o 5 de
novembro por causas alleas ao Concello

A Concellaría de Cultura anuncia que a representación do
musical “La Bella y la Bestia”, prevista para este sábado 21 de maio ás 20.00 horas no
Teatro Principal, queda aprazada ata o día 5 de novembro á mesma hora por causas alleas
ao Concello.
Aquelas persoas que xa mercaran as súas entradas poderán dirixirse ao Departamento
de Cultura en horario de 9.00 a 14.00 horas e elixir entre recuperar o importe das mesmas
ou cambialas por outras para a nova data programada.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello inaugura mañá na Sala Abanca unha
exposición do pintor estradense Manuel Fragoso

A Concellaría de Cultura, que dirixe Juan Constenla,
inaugurará este xoves ás 20.15 horas na Sala Abanca da Estrada a exposición “Soños
Rotos”, unha mostra enmarcada dentro da programación do Concello co gallo do 75
aniversario do Teatro Principal que recolle as creacións do pintor estradense Manuel
Fragoso.
No acto de inauguración está prevista a asistencia da concelleira de Educación, Amalia
Goldar; do escritor estradense Xosé Luna; e do autor da exposición, Manuel Fragoso.
Ademais, contará coa actuación de varios membros do Obradoiro de Música Moderna
Carlos Barruso.
A mostra permanecerá aberta ata o vindeiro 3 de xuño, e aqueles que o desexen poderán
visitala de balde no seguinte horario: de luns a venres, de 19.00 a 21.00 horas, e os
sábados, de 11.00 a 13.00 horas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada recupera o asesoramento presencial da
rede “SmartPeme” no seu Viveiro de Empresas

O alcalde da Estrada, José López, visitou esta mañá a
oficina cedida polo Concello no seu Viveiro de Empresas ao proxecto SmartPeme, que
retomou hoxe os asesoramentos presenciais para autónomos/as e pequenas empresas
da comarca grazas ao convenio entre a Deputación de Pontevedra e o Concello da
Estrada.
A través da prórroga do convenio, asinado inicialmente no ano 2018, garántese a
continuidade deste servizo na Estrada de xeito presencial despois de dous anos de parón
pola pandemia. No transcurso da visita, López destacou o bo funcionamento da iniciativa,
a través da cal “os pequenos empresarios e empresarias vólvense máis competitivos nun
mercado cada día máis complexo”, e que se complementa coas axudas de ata 2.000 euros
impulsadas polo Concello para fomentar o emprendemento.
O alcalde sinalou tamén a importancia de dispoñer dunhas instalacións coma as do
Viveiro de Empresas do Concello, situado no Novo Mercado, para apostar polas persoas
emprendedoras e acompañalas durante os seus primeiros pasos. Precisamente, grazas á
cesión dun dos seus espazos, poderanse levar a cabo con cita previa os asesoramentos
gratuitos e presenciais do programa SmartPeme o segundo e o cuarto mércores de cada
mes, que se completarán con formacións en liña enfocadas ao turismo e á aplicación das
novas tecnoloxías para a transformación dixital dos comercios.
Na súa visita, o rexedor local estivo acompañado da deputada de Novas Tecnoloxías e
Desenvolvemento Empresarial, Ana Mejías; do concelleiro de Emprego, Óscar Durán; e
da asesora do SmartPeme en Lalín, Fátima Faílde

Publicado en Portada | Deja un comentario