BNG leva a pleno a posta en marcha dun sistema de calefacción urbana

Os sistemas modernos de produción de calor que se empregan na calefacción urbana (district heating), teñen como principal base de produción a biomasa forestal, un elemento que nos sobra no concello

A implantación deste sistema está reportando reducións na factura dos veciños de entre un 15% e un 40% na factura da calefacción e unha redución na emisión gas de efecto invernadoiro (GEI) que pode chegar até o 80%. Mesmo hai concellos que empregan este sistema para a xeración da electricidade necesaria para o alumeado público e para un punto de recarga de vehículos.

Unha Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentábel e Integrado (EDUSI) fai referencia a un plan de desenvolvemento que supoña unha mellora a longo prazo das condicións sociais, económicas e ambientais dunha zona. En definitiva, unha estratexia integrada que combata a un tempo a pobreza, a desigualdade e o cambio climático. De feito, a loita contra a mudanza climática debe ser unha prioridade no deseño destas xa que esta trae consigo máis pobreza e desigualdade da que xa padecemos actualmente.
Para tentar paliar os efectos máis duros do cambio climático cómpre, no mínimo, respectar os obxectivos convidos no Acordo de París e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) de xeito substancial. Un dos principais sectores en emisión de GEI é o relativo á produción de enerxía e calor, que representan arredor do 25% das emisións totais dos gases de efecto invernadoiro emitidos. É por iso que cambios nas técnicas ou no modelo desta produción poden levar a unha redución considerable das emisións de GEI, ao incidir nunha das grandes áreas de emisión.

O sistema de rede de distribución de calor, ou District Heating, consistente na xeración de enerxía térmica de xeito centralizado, en vez de mediante múltiples puntos de xeración individuais, é un sistema que parece cada vez máis atractivo para conseguir unha meirande eficiencia enerxética. Este sistema non é en absoluto novidoso, posto que o seu uso está probado dende hai máis dun século, nin tampouco específico dun lugar, xa que existen numerosos exemplos ao longo de países tan diversos como os Estados Unidos, Rusia, China, Alemaña, Francia, Dinamarca ou Suecia, entre outros.

Diversos estudos que analizan moitos dos sistemas de district heating instalados ao longo do mundo sinalan que este sistema de xeración distribución do calor, co aumento da eficiencia enerxética obtida, reduce as emisións de GEI, os custos de mantemento e o prezo da enerxía, supoñendo tamén un aforro para os usuarios. Deste xeito non só estaríamos ante un sistema que contribúa a paliar o cambio climático senón tamén a pobreza enerxética que golpea en Galiza a 1 de cada 7 fogares.
 

Ademais, os sistemas modernos de produción de calor que se empregan no district heating, teñen como principal base de produción a biomasa forestal e existen incluso sistemas capaces de combinar esta con enerxía eólica. Deste xeito, e deixando o combustíbel convencional soamente para ocasións en que hai puntas de demanda, non só se consegue unha xeración de calor baseada nun recurso sustentábel senón que ademais o vento e a biomasa forestal son dous recursos nos que A Estrada é unha potencia, e pode dar un novo pulo a este sector. Desta forma o noso concello pode explotar de xeito máis produtivo e diverso os seus montes, abrir vías para novas empresas que transformen e xestionen a biomasa e mesmo os residuos madeireiros derivados da nosa industria do móbel para a creación de combustíbel, reducindo os desperdicios e incentivando así a nosa economía local.

A pesar de que este sistema non é novo no mundo si que é certo que a súa implantación no Estado español é case anecdótica, sobre todo comparada con outros países da nosa contorna. Porén, isto parece que está comezando a cambiar, e numerosos proxectos de district heating estanse a poñer en funcionamento en diferentes lugares, tanto urbanos (coma no barrio de Txomin, en Donosti) como rurais (en Erroitegi, Portell de Morella e Todolella, xa en funcionamento, ou en Mual, en Cangas de Narcea, proxectado para este ano polo Comisionado para o Reto Demográfico). A implantación deste sistema está reportando reducións na factura dos veciños de entre un 15% e un 40% e unha redución na emisión GEI que pode chegar até o 80%. Mesmo hai concellos que empregan este sistema para a xeración da electricidade necesaria para o alumeado público e para un punto de recarga de vehículos.

A incorporación deste sistema en diversos puntos do noso concello podería ser unha estratexia de desenvolvemento sustentábel con múltiples beneficios e que se enmarca dentro dunha grande cantidade de obxectivos temáticos dunha estratexia EDUSI (OT1, OT3, OT4, OT5, OT6 e OT9).
    • Levar a cabo un estudo sobre a viabilidade dun proxecto de district heating en diversos lugares do concello, tanto no casco urbano como en diversas parroquias
    • No caso dun informe favorable acometer as medidas necesarias para a posta en marcha deste proxecto e estudar a posibilidade de xeración eléctrica complementaria
    • Colaborar con diversas sofores para a ordenación de montes necesarios para a produción sustentábel da biomasa necesaria
    • Crear unha planta local de xestión da biomasa que trate a biomasa local e colabore con empresas que empreguen madeira como materia prima para a utilización valorizadora dos residuos

Un ano agardando

Por outra parte, o BNG lamenta a desidia do goberno municipal, que tarda máis dun ano en levar as mocións que presenta a organización nacionalista, que, de aprobarse, suporía unha importante mellora nas condicións de vida dos veciños e veciñas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A comisión de seguimento da EDUSI revela que
A Estrada xa investiu o 64% dos fondos europeos

o O alcalde, José López, destaca que “A Estrada está a ser un exemplo de xestión
para outros municipios”, xa que entre os proxectos finalizados, os activados e os
que xa están definidos o Concello adicará o 90% destas axudas da Unión Europea
o As vindeiras actuacións consistirán na sinalización do Camiño da Geira e dos
Arrieiros e o Miñoto-Ribeiro, a creación de pistas cubertas de tenis e pádel e a
construción dun centro de apoio ao sector primario en Aguións

A última reunión da comisión de seguimento dos fondos
europeos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) serviu para poñer
de manifesto que o Concello da Estrada xa leva investidos 6 de cada 10 euros dos 6,2
millóns concedidos no seu día, concretamente o 64% dos fondos sumando os proxectos
que xa están activados e en marcha aos xa executados.
O alcalde da Estrada, José López, considera este balance “moi positivo” e destaca que “A
Estrada está a ser exemplo de xestión dos fondos comunitarios para outros municipios”
debido ao “elevado” grao de investimento, “grazas á implicación en cada proxecto do
equipo encargado da súa execución”. O rexedor local considera que estas magnitudes fan
que o Concello da Estrada “poida estar nunha posición vantaxosa para poder beneficiarse
de futuras subvencións europeas”.
En total, os proxectos xa finalizados suman 3.321.198 euros e entre eles atópanse a
humanización e mellora da contorna da alameda, o concurso de ideas para a
humanización da Praza da Feira, a instalación dun aseo intelixente na alameda, a
renovación do alumeado público con luminarias LED máis eficientes e a implantación de
aplicacións informáticas no Concello.
A estas actuacións xa rematadas hai que engadirlle outros proxectos xa activados e en
diferentes fases de execución, como a implantación do sistema “Smart Parking”, que está
pendente de adxudicación e que consiste na instalación de paneis informativos dixitais
co obxectivo de ofrecer datos en tempo real sobre as prazas de aparcamento libres nas

zonas habilitadas polo Concello; as obras de humanización da Praza da Feira e a mellora
da accesibilidade da súa contorna; e as obras de peonalización da rúa Ulla.
Ademais, José López precisou que a meirande parte dos fondos dispoñibles adicaranse
“a proxectos xa definidos para os que aínda non se iniciou o procedemento de
contratación”. O primeiro deles, cun orzamento de 388.000 euros, consistirá na mellora
integral do Camiño da Geira e dos Arrieiros e mais o Miñoto-Ribeiro e incluirá a
sinalización de ambas rutas e o seu acondicionamento.
O segundo, cun investimento de 300.000 euros, incluirá a creación de pistas cubertas de
tenis e pádel. Por último, tamén se levará a cabo a rehabilitación dun espazo en Aguións
para convertelo “nun centro de apoio e dinamización do sector primario na Estrada”, ao
mesmo tempo que se sinalizará a Ruta da Sidra, se organizarán obradoiros e se creará
unha web para a promoción de produtos do sector primario. Unhas actuacións ás que se
adicarán 400.000 euros. Unha vez finalizados estes traballos, só quedará dispoñible para
investir o 10% das axudas, que deberá ser executado antes do 31 de decembro do 2023.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Concello adxudica en 260.000 euros o novo
mobiliario urbano das rúas que está a humanizar

O Concello da Estrada vén de adxudicar por un importe de
260.000 euros á firma Globalia Urbanismo Integral S.L. o contrato de subministro e
instalación do novo mobiliario urbano para as rúas que se están a humanizar (Ulla, Calvo
Sotelo, Serafín Pazo, Justo Martínez, Praza de Galicia e Praza da Constitución) coa
finalidade de unificar a estética destes espazos.
Trátase da única empresa que presentou proposta para acometer este proxecto, que
inclúe a instalación de catro tipos de bancos, de diferentes tamaños e formas, todos eles
con puntos de recarga USB e iluminación con luces LED. Tres bancos sen respaldo irán
colocados na praza do Concello e 23 bancos con respaldo repartiranse do seguinte xeito:
catro na rúa Serafín Pazo, 12 entre as rúas Calvo Sotelo e Ulla, tres na rúa Justo Martínez,
un na Praza de Galicia e tres na Praza da Constitución.
Ademais, como resposta a peticións veciñais, a Praza de Galicia contará con catro novos
bancos cunha forma cóncava -dous deles de 6 metros e os outros dous de 3 metros-, o
que facilitará as reunións e permitirá unha maior interacción entre os/as usuarios/as.
Todos eles estarán provistos do escudo do Concello nas súas patas. O proxecto
completarase coa colocación de 25 xardineiras e de 23 papeleiras de aceiro.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Feira das Letras 2022

As actividades da Feira das Letras derón comezo o venres 28 de abril ás 12.00 horas coa
apertura dos postos de venda e ás 17.00 horas está prevista unha actuación dos alumnos
e alumnas das escolas de Tequexetéldere. Unha hora despois, ás 18.00, Bandullo Azul
ofrecerá a súa narración oral “Flipa cos contos” e ás 19.00 horas chegará Cé Orquesta
Pantasma co seu espectáculo musical “A voar”. A primeira xornada rematará coa
representación da obra “A lingua das bolboretas” no Teatro Principal, a cargo da
compañía Sarabela Teatro. Para asistir a esta representación deberán retirarse os
convites no Departamento de Cultura.

Na xornada do sábado 2 os postos abrirán ás 12.30 horas e á mesma hora comezará o
espectáculo “Little neno descobre os Beatles”. Pola tarde, ás 17.00 horas o Mimo Nono
ofrecerá a actuación “O mundo de Nono” e, ás 18.00 horas, o clube de lectura do IES
Antón Losada Diéguez e do CEIP de Figueiroa levarán a cabo unha narración oral.

Publicado en Portada | Deja un comentario

López reclama por escrito á Seguridade Social que
o ambulatorio vello pase a propiedade municipal

o O rexidor subliña que dende a remisión dunha carta o pasado 9 de marzo non
recibiu resposta e solicita que o inmoble volva ser propiedade do Concello “para
acondicionalo e adicalo a un uso público”

O alcalde da Estrada, José López, asegura levar “máis dun
mes” á espera dunha resposta do Goberno central despois de enviar un escrito o pasado
9 de marzo á Dirección Provincial da Tesoureiría Xeral da Seguridade Social requerindo
que o terreo e a edificación do antigo centro de saúde, situado na Avenida de Santiago,
volvan ser titularidade municipal “para acondicionalo e adicalo a un uso público”.
Na misiva, o rexedor local fundamenta a súa solicitude na documentación recompilada,
“coa que se comproba a adquisición do terreo por parte da administración local por un
millón de pesetas no ano 1973”.
Dende ese ano, os terreos foron cedidos ao Ministerio de Traballo para a construción do
ambulatorio e, máis tarde, co traspaso de competencias ás comunidades autónomas, o
uso da edificación foi cedido ao Servizo Galego de Saúde ata novembro do 2020, data na
que se inaugurou o novo centro de saúde da Estrada. A partir de entón, o uso do inmoble
atópase en mans do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.
Lópezsinala que “na actualidade o edificio non cumpre a finalidade para a que o Concello
cedeu os terreos”, polo que esixe “que volva formar parte do patrimonio dos/as
estradenses”. Ademais, afirma que é consciente do “decadente estado” no que se atopa
o inmoble, pero sostén que “as obras de mellora e acondicionamento ten que facelas o
ministerio, que é de quen depende actualmente a propiedade mentres non chegue a un
acordo sobre a súa titularidade”.
O rexedor local contrasta esta “falta de interese por parte do Goberno central” coa
colaboración prestada noutros casos semellantes pola Xunta de Galicia, “con
procedementos que nunca duraron máis de dous meses”, como a reversión ao Concello
da Estrada dos terreos da estación de autobuses, do novo campo de fútbol ou da
superficie sobre a que se asentará a pista de atletismo.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada podería sumar un novo proxecto
emprendedor ao seu Viveiro de Empresas

A Comisión de Valoración e Seguimento do Viveiro de
Empresas da Estrada reunirase o vindeiro luns ás 12.00 horas para avaliar a incorporación
ao espazo dun novo membro co nome de Stephanie Wurm, que se sumaría a outras oito
entidades e profesionais emprendedores/as que xa pertencen ao viveiro.
Detrás desta identidade atópase unha emprendedora de Barcelona que reside na
parroquia de Arnois e leva a cabo funcións de deseño gráfico, estratexia de marca e
márketing para pequenas e grandes firmas, na procura de comezar a traballar coas
empresas estradenses.
De aprobar a súa incorporación, confirmaríase o bo funcionamento desta iniciativa
impulsada polo Concello para fomentar o emprendemento na Estrada, xa que só
quedaría unha praza libre no viveiro. Aqueles/as con dereito a beneficiarse del, poderán
ocupar o espazo durante dous anos, prorrogables por un máximo de 12 meses. A cambio
de 50 euros ao mes, terán cubertos todos os gastos de luz, teléfono, internet, calefacción
e mantemento, ademáis de poder dispoñer de espazos para a realización de
conferencias.
A Comisión de Valoración estará composta polo concelleiro de Promoción Económica,
Óscar Durán; un membro da Asociación de Comerciantes da Estrada e outro
representante da Asociación de Empresarios da Estrada; e un membro da Asociación de
Xóvenes Empresarios de Pontevedra.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Urbanismo orientará aos solicitantes de axudas
para a mellora da eficiencia enerxética no fogar

O concelleiro de Urbanismo, Gonzalo Louzao, anunciou
esta mañá que o seu departamento apoiará aos veciños/as interesados/as en solicitar
axudas autonómicas para tarefas de rehabilitación orientadas a mellorar a eficiencia
enerxética en vivendas habituais, que serán convocadas durante o mes de maio.
Para optar a esas axudas, os/as solicitantes deberán presentar unha memoria e un
certificado de eficiencia enerxética emitido por un técnico/a competente. Por iso, coa
finalidade de facilitarlle á veciñanza a cumprimentación deste trámite, a Concellaría de
Urbanismo elaborará unha listaxe “de inclusión voluntaria” composta por técnicos/as
capacitados para emitir ditos certificados. “Independentemente desta lista, a xente
poderá escoller calquera técnico/a colexiado/a, pero a nosa idea é elaborar unha relación
o máis ampla posible, que se entrega ́ra como apoio ás persoas que o soliciten”, indicou.
“Será unha listaxe ordeada alfabeticamente e tamén dinámica, é dicir, sen un prazo
determinado para anotarse nela, xa que irase actualizando a medida que os/as
profesionaisse vaian incorporando”, engadiuo edil, antes de precisar que poderán formar
parte desta listaxe aqueles/as arquitectos/as, arquitectos/as técnicos/as ou
enxeñeiros/as que conten coa titulación correspondente e estean colexiados/as.
Ademais, a Concellaría de Urbanismo está a traballar na elaboración dunha guía
explicativa e simplificada para que a veciñanza que acuda ao concello na procura de
información sobre estas axudas saiba os pasos que debe seguir. A guía rematarase o día
que se publiquen as axudas no Diario Oficial de Galicia (DOG) e entregarase ás persoas
interesadas xunto coa listaxe de técnicos, se así o solicitan.
O obxectivo, sinala Louzao, é “que se beneficie desta liña de axudas a maior cantidade de
xente posible”, xa que “repercutirán favorablemente na economía das familias
estradenses ao permitir un maior aforro enerxético”, ademais de aumentar a carga de
traballo para os estudos e profesionais do sector.

Publicado en Portada | Deja un comentario