Bases para a XXVI Edición do Premio de Poesía Avelina Valladares

O Concello da Estrada, comprometido e sensibilizado co proceso de creación cultural, desexan contribuír á difusión da lírica galega e, ao tempo, servir como estímulo para que novos autores e autoras percorran o complexo e, en ocasións, pouco agradecido camiño da poesía, esa arte literaria de minorías, que historicamente adquiriu en Galicia unha importancia superior ao resto dos xéneros.

Preténdese valorar o traballo do/a poeta, do/a médium das artes, do/a alquimista que tende a ponte entre dous mundos, entre a realidade e a imaxinación, o sólido e o volátil, a terra e o espírito, conseguindo en cada traballo o antigo soño de transformar o chumbo en ouro.

Do mesmo xeito, tamén se pretende perseverar o cultivo da lingua galega como sinal de identificación e diferenciación de Galicia e principal patrimonio cultural da nosa comunidade.

Por último, e non menos importante, búscase colaborar coa divulgación da obra da poeta estradense Avelina Valladares, auténtica precursora, xunto co seu irmán Marcial, do cultivo literario da lingua no século XIX, determinante no rexurdimento do noso idioma como vehículo artístico.

 

B A S E S

 

PRIMEIRA

Poderán concorrer ao premio todas as persoas autoras, de calquera nacionalidade, que presenten os orixinais escritos en lingua galega e acordes coa normativa oficial vixente. Os textos presentados deberán ser inéditos.

 

SEGUNDA

Os orixinais presentaranse por quintuplicado acompañados dun CD, onde se incluirá a obra en formato PDF. O tema e a forma serán libres, mais os textos deberán contar cun mínimo de 300 versos e cun máximo de 800. Deberanse remitir, antes do 13 de maio de 2022, ao seguinte enderezo: XXVI Premio de Poesía Avelina Valladares, Concello da Estrada, praza da Constitución, 1, 36680 A Estrada, Pontevedra.

 

TERCEIRA

Con cada orixinal, que se deberá entregar baixo lema, xuntarase nun sobre pechado o nome completo, a copia do DNI, o enderezo e o teléfono do autor ou autora.

Presentarase na plica unha declaración xurada en que se indique que a persoa que concorre ao premio está ao corrente das súas obrigas tributarias e coa seguridade social, que non está incursa na prohibición da percepción de obrigas públicas e, en xeral, que cumpre os requisitos do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

 

CUARTA

A dotación económica será de 2.000 €, que se outorgarán indivisiblemente nun único premio.

 

QUINTA

O xurado estará composto por cinco membros escolleitos/as entre recoñecidas figuras do mundo da cultura. Cada un dos grupos políticos representados na corporación propoñerá un membro. Contará tamén cun/cunha secretario/a, con voz e voto, en representación do Concello da Estrada. O premio entregarase por maioría de votos.

 

SEXTA

A composición do xurado darase a coñecer no día, lugar e hora que se comunicarán oportunamente.

 

SÉTIMA

Unha vez emitida a resolución do xurado, abrirase a plica gañadora no curso dun acto público que se desenvolverá na data e lugar que se anunciarán oportunamente.

 

OITAVA

As presentes bases publicaranse na web municipal www.aestrada.gal, na app do Concello e nas súas redes sociais.

O extracto da convocatoria desta subvención publicarase na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS). Posteriormente, a BDNS dará traslado do extracto desta ao Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra para a súa publicación.

 

NOVENA

O Concello da Estrada resérvase o dereito de publicar os traballos premiados en formato físico e dixital, nunha antoloxía creada con tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autoría e compensando as persoas autoras con exemplares do volume que, no seu día, se puider editar. De a persoa autora publicar a obra, deberase facer referencia ao premio obtido neste certame.

 

DÉCIMA

Os textos non premiados poderanse retirar no Departamento de Cultura do Concello da Estrada nun prazo de quince (15) días, contados a partir do día seguinte ao da comunicación do xurado. Para a retirada dos textos cumprirá que o autor ou autora presente unha solicitude de retirada asinada e que se identifique no momento da recollida. Aqueles textos que non se retiren no prazo indicado serán destruídos, sen que caiba ningunha reclamación ao respecto. O Concello da Estrada non manterá correspondencia cos autores e autoras dos traballos presentados, nin asume responsabilidade ningunha pola eventual perda dalgún orixinal.

 

UNDÉCIMA

A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como das decisións do xurado designado, que serán inapelables.

Publicado en Portada | Deja un comentario

XXXIV Edición do Premio de Novela Manuel García Barros

 

O Excmo. Concello da Estrada, sensible co proceso cultural de Galicia, entende que un dos bens máis prezados desta Comunidade é o da creación literaria, aspecto de salientable significación no marco da Lingua e da Cultura, que redunda nun amplo desenvolvemento da propia identidade. Neste marco de referencia enténdese que calquera estímulo positivo facilita e posibilita unha mellora no eido da Literatura e é polo que así entendido, no proceso de normalización cultural, crea: O PREMIO DE NOVELA “MANUEL GARCÍA BARROS” (KEN KEIRADES). Ademais, deste xeito, quere testemuñar a admiración e respecto e manter a presenza do ilustre académico e galeguista DON MANUEL GARCÍA BARROS, mestre e fillo deste Concello, contribuíndo así ao espallamento da súa persoa e máis a importante achega que a súa obra fixo ás Letras Galegas.

O Excmo. Concello da Estrada en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia convoca o XXXIV PREMIO DE NOVELA “MANUEL GARCÍA BARROS” (KEN KEIRADES), cunha dotación económica de 9.000 euros, que se rexerá polas seguintes:

 

BASES XXXIV PREMIO DE NOVELA

“MANUEL GARCÍA BARROS”

 

 

PRIMEIRA

Poderán concorrer ao premio autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos, acordes coa normativa oficial vixente en lingua galega, agás os gañadores das últimas 5 edicións. Os textos presentados deberán ser inéditos e totalmente orixinais.

 

SEGUNDA

Os orixinais serán presentados por quintuplicado en papel tamaño folio ou en holandesa, mecanografados a dobre espazo e encadernados en espiral, acompañadas dun CD no que se incluirá a obra en formato PDF, antes do 13 de maio de 2022 na Casa do Concello, Praza da Constitución, 1 – 36680 A Estrada (Pontevedra)

 

TERCEIRA

Con cada orixinal que deberá ser presentado baixo lema, xuntarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor ou autora, así como o título da novela.

Presentarase na plica unha declaración xurada conforme están ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa seguridade social, e non están incursos en prohibición de percepción de obrigas públicas, e en xeral de cumprir os requisitos do artigo 13 da LGS 38/2003, así como fotocopia do DNI, NIE, pasaporte ou documento equivalente.

 

CUARTA

O premio terá unha dotación económica de 9.000 euros que se outorgará indivisiblemente nun único premio.

 

QUINTA

O xurado estará composto por cinco membros escolleitos entre recoñecidos persoeiros do mundo da cultura actuando un deles como secretario/a a proposta e en representación da Corporación do Excmo. Concello da Estrada. O premio concederase por maioría de votos.


SEXTA

As presentes bases publicaranse na web municipal www.aestrada.gal, na app do Concello e nas súas redes sociais.

O extracto da convocatoria desta subvención publicarase na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS). Posteriormente, a BDNS dará traslado do extracto desta ao Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra para a súa publicación.

 

SÉTIMA

A composición do xurado darase a coñecer no día, lugar e hora que se comunicará oportunamente.

 

OITAVA

Unha vez emitida a resolución do xurado procederase á apertura da plica gañadora no curso dun acto público na data e lugar que se anunciarán oportunamente.

 

NOVENA

O premio poderá ser declarado deserto.

 

DÉCIMA

O acto de entrega do devandito XXXIV PREMIO DE NOVELA “MANUEL GARCÍA BARROS” (KEN KEIRADES), será no día, lugar e hora que se comunicarán oportunamente.

 

UNDÉCIMA

O Excmo. Concello da Estrada resérvase, durante o prazo dun ano, os dereitos de publicar a obra premiada, en todas as linguas do Estado, en formato físico e dixital. Neste sentido, o autor ou autora renuncia a favor do Concello da Estrada, na primeira edición en papel, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor. A obra premiada será publicada pola Editorial Galaxia.

 

DUODÉCIMA

Os textos non premiados poderán ser retirados no Departamento de Cultura do Concello da Estrada, logo de presentación de solicitude de retirada asinada polo autor ou autora e identificación no momento da súa recollida, nun prazo de quince (15) días contados a partir do seguinte ao da comunicación do xurado. Aqueles que non sexan retirados no prazo indicado serán destruídos, sen que caiba ningunha reclamación ao respecto.

 

DÉCIMO TERCEIRA

A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como as decisións do xurado designado, que serán inapelables.”

 

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

A XUNTA DOTA DUN NOVO VIDEOMARCADOR DE ÚLTIMA XERACIÓN AO PAVILLÓN MUNICIPAL COTO FERREIRO DA ESTRADA

 A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, vén de dotar dun novo videomarcador de última xeración ao pavillón municipal Manuel Coto Ferreiro da Estrada para favorecer o seguimento, control e sinalización das distintas prácticas e encontros deportivos nesta instalación.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde estradense, José López, acompañados polo responsable provincial de Deportes, Daniel Benavides, supervisaron a instalación desta nova pantalla Led, que supuxo un investimento de 24.000 euros a través dun convenio entre a Secretaría Xeral para o Deporte, que asumíu o 80% do custo, e o Concello da Estrada.

 

O videomarcador ten unha superficie duns 10 m², que permite que sexa visible dende todo o gradarío, cunhas medidas de 4 por 2,5 metros e 8 centímetros de groso.

 

Ademais, está dotado de ordenador de control con software para uso deportivo e multimedia, programación multideporte para marcador electrónico adaptado aos requisitos das distintas federacións, consola para manexo, marcadores de posesión e bocinas de aviso.

 

“Seguimos a cumprir co deporte da Estrada, que é un dos concellos de referencia nesta materia, tanto a nivel de clubes como de organización de eventos, polo que, dende a Xunta, seguimos mellorando e modernizando as súas instalacións ao tempo que colaboramos cos distintos equipos coas axudas autonómicas, coas que reportamos 76.000 euros na derradeira convocatoria”, detallou o representante autonómico, que lembrou que a orde deste ano ten aberto o prazo ata a xornada de hoxe.

En concreto, na Estrada outorgáronse axudas, na convocatoria de 2021 ao abeiro das modalidades ordinaria, covid-19, reactivación e equipamentos, a 18 clubes: A Estrada Futsal, Club Bádminton A Estrada, Escola Estrada de Fútbol Base, CD Estradense, Atletismo A Estrada, Club Ciclista Estradense, UD A Estrada FS, Club Patín, Recreo Cultural, ADC Guimarei, Irmandinhos, Xadrez AC A Estrada, Clube Natación e Salvamento A Estrada, Ximnasia A Estrada, San Paio, Veteranos Berres, Sport Team Estrada e Club Judo Base.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG da Estrada renova o Consello Local

Este sábado a asemblea local do BNG da Estrada, renovou o consello local con novas incorporacións, continuando como responsábel local, Víctor Pousada López.
 
O consello local estaría conformado polas seguintes persoas (en negriña as novas incorporacións):
 
Víctor Pousada López (responsábel local)
Constantino Regueira Paz
Xosé Manuel Baños García
Xosé Magariños Maceiras
Raquel López Doce
Manuel Rendo Lema
Francisco Outeiro Barcala
Roberto Vilameá Ponte
Xosé Nogueira Rodríguez
Fina Pereira Rivas
Enrique Ríos Valiñas
Xoán Carlos Garrido Couceiro
Alberte Baltsar Figueiras
Susana Camba Castro
Pablo Carracedo Goldar
Xoan Reices Villar
Xoán Carlos Villanueva
 
A asemblea do BNG da Estrada tamén puxo en marcha toda a maquinaria para encarar con forza as eleccións municipais do vindeiro ano 2023. O obxectivo nos vindeiros meses é poñer enriba da mesa unha alternativa clara con ideas e proxecto para o noso concello, centrándose a finais deste ano no programa e na candidatura.
 
 
Publicado en Portada | Deja un comentario

REAPERTURA DO PRAZO PARA ANOTARSE NA ACTIVIDADE DE PISCINA PARA PERSOAS MAIORES PRIMEIRA QUENDA 2022

A concelleira de Igualdade do Concello de A Estrada conta que en vista a que quedan prazas libres para a actividade de piscina para persoas
maiores na primeira quenda de 2022, reabrimos o prazo para cubrir as prazas
vacantes.
• REQUISITOS PARA PARTICIPAR
Estar empadroado/a no Concello da Estrada e ser maior de 50 anos
O critrerio de selección de participantes establecerase por número de rexistro
de entrada
• LUGAR DE PRESENTACIÓN DA SOLICITUDE
Departamento de Servizos Sociais en horario de 9:00 a 14:00 ou a través da
sede electrónica do Concello da Estrada
• DATAS DA ACTIVIDADE
Dende o 17.01.2022 ata o 01.04.2022
• HORARIOS / GRUPOS Nº PRAZAS LIBRES
◦ Luns de 09:15h a 10:00h 4
◦ Luns de 16:30h a 17:15h 5
◦ Mércores de 09:15h a 10:00h 5
◦ Venres de 09:00h a 09:45h 6
◦ Venres de 09:45h a 10:30h 1
• DOCUMENTACIÓN QUE DEBE ACOMPAÑAR A SOLICITUDE
◦ COPIA DO DNI
◦ CERTIFICADO DE DISCAPACIDADE SE FOSE O CASO
NOTA: A solicitude estará colgada na paxina web do Concello da Estrada.

Publicado en Portada | Deja un comentario

LÓPEZ BUENO VE “INXUSTIFICABLE” O GASTO DE 400.000 EUROSNA RÚA CALVO SOTELO

O PSOE da Estrada valorou o inicio das obras nas rúas Calvo
Sotelo e Ulla considerando a actuación como perfectamente prescindible. En
palabras do voceiro socialista, Luis López Bueno, “é inxustificable que o PP
gaste 400.000 euros nunha rúa que estaba en perfectas condicións” e
valorou que “eses cartos estarían mellor empregados noutras actuacións”.
Para o líder da oposición, o gasto non ten explicación posible xa que a
peatonalización das rúas “xa estaba aplicada” e indicou que sería máis que
suficiente unha actuación moito máis modesta para adaptar a rúa á nova
regulación do tráfico.
Para o voceiro socialista era evidente que “ninguén estaba a utilizar o carril
central porque as beirarúas son amplísimas” e vaticinou que “iso non vai a
cambiar por moitos adoquíns que se instalen”.
López Bueno manifestou que a súa postura non mudou “nin un centímetro”
sobre esta actuación, e que entende o espíritu da peatonalización pero non
comparte en absoluto “enterrar os cartos en refacer o que xa estaba feito”.
Manifestou que o importe destinado a este investimento podería financiar
perfectamente a nova urbanización prevista no entorno da Avenida de
América en vez de recorrer a máis débeda pública para levar adiante ese
proxecto.
Ademais diso, quixo manifestarse sobre as novas normas de tráfico que
regularán o tránsito de vehículos. Indicou que abrir a rúa á carga e
descarga “ten todo o sentido” pero considera que sería intelixente regular
os horarios como xa acontece en algúns lugares como na Zona Vella de
Santiago de Compostela. Considera que “habería que negociar esta
posibilidade cos comerciantes” pero ve posible o entendemento.
Tamén valora que impedir a circulación dende o cruce de Justo Martínez e
Calvo Sotelo provocará que “circular pola vila sexa moito máis incómodo” e
espera que ese impacto non supoña “expulsar do centro da vila aos veciños
e veciñas das parroquias”. Incluso manifestou a súa preocupación pola
instalación de novas áreas comerciais como Mercadona e o Lidl, que terán
accesos moito máis cómodos para os veciños que deban utilizar o seu
vehículo. Considera que Lidl, Froiz, Dia e Eroski non constrúen
aparcamentos nas súas instalacións porque lles parezan bonitos e que
Mercadona non pediu acceso directo dende a N-640 por capricho, se non
porque saben que “ter aparcamento e accesos fáciles é vital para que os
clientes acudan”.
 
______________________________________________________________________
 
Publicado en Portada | Deja un comentario

A pasarela peonil de Río de Sapos necesita sal

O  frío conxela o paso peonil e poden producirse escorregamentos con consecuencias fatais para as persoas que o utilicen

Desde o BNG da Estrada instamos ao alcalde a que chame ao Ministerio de Transportes para que boten sal na pasarela peonil da N-640 en Río de Sapos en Matalobos.

Estes días de xeada a pasarela amosa unha imaxe curiosa, pero ao mesmo tempo perigosa, xa que este intenso frío conxela o paso peonil e poden producirse escorregamentos con consecuencias fatais para as persoas que o utilicen.

Hai que ter en conta que esta zona é moi transitada polos veciños e veciñas que a utilizan habitualmente para pasear ou facer exercicio, e esta senda evita que teñan que pisar o asfalto da estrada.

Por outra parte, volvemos a insistir unha vez máis na necesidade de dotar este treito dunha segunda pasarela na marxe dereita en dirección Cuntis. Non é de recibo que os veciños e veciñas que utilizan ese lado das beirarrúas da N-640 teñan que baixar á estrada para cruzar a ponte.

Publicado en Portada | Deja un comentario