O Concello da Estrada apoia a candidatura de Tanxugueiras para representar a España no Festival de Eurovisión 2022

O Concello da Estrada quere manifestar, publicamente, o seu apoio á candidatura de
Tanxugueiras para representar a España no Festival de Eurovisión 2022. Un apoio
baseado no impulso que a agrupación realiza da música tradicional, a defensa que fan do
uso das linguas cooficiais e o intento de universalizar a cultura galega.
Desexándolles moita sorte mañá na final do Benidorm Fest, agardamos que sexan as
nosas representantes no próximo festival de Eurovisión.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A concelleira de Igualdade, Amalia Goldar, cataloga de demagóxicos os argumentos que esgrime o grupo socialista, en relación á creación dun punto de encontro familiar na vila.

A concellaría de Igualdade quere aclarar, en relación á moción presentada polo grupo
socialista, solicitando a creación dun punto de encontro familiar, que en ningún momento
se xustifica na dita moción a demanda que hai no noso concello para a fixación deste
servizo.
Na defensa da súa moción, os argumentos que esgrime o PSG foron que se facía “pola
cantidade de veciños e veciñas que demandan un servizo próximo”, pero, curiosamente, o
número de demandas que acompaña a moción, e que poida ser acreditado dun modo
obxectivo, ascende a cero. Deste xeito, o Sr López Bueno non foi capaz de traer un só
dato estatístico que xustifique a solicitude deste servizo.
Con todo, si que desde a concellería que dirixo, nos temos preocupado en estudar se esa
demanda de punto de encontro tiña razón de ser. Por iso, contrastouse esta necesidade
cos xulgados do concello, e cos centros de encontro de Pontevedra e Santiago, centros
aos que a veciñanza acode en caso de necesidade. Tamén se solicitou un informe aos
departamentos de Educación familiar e do CIM, para saber se había casos de solicitude
deste servizo entre os nosos veciños e veciñas.
Sorprendentemente, táchanse estes intentos de averiguar as necesidades reais das
familias do noso concello de “perda de tempo” por parte do grupo socialista, cando non
pretendemos outra cousa que ter a mellor información posible para saber da necesidade
real deste servizo, e solicitalo, de ser necesario, á administración responsable da súa
cpmpetencia. Non foi unha perda de tempo como, despectivamente, di o Sr López
Bueno, este traballo porque nos permitiu constatar que non hai demanda ou casos
suficientes no noso concello para xustificar a demanda deste servizo.
Cando os profesionais do noso departamento atenden un usuario ou familia tamén
reciben información, de moi diversa índole, que nos permite deducir problemas ou
necesidades que debamos paliar. Así o sinala o informe da educadora familiar que di,
literalmente, que “nos últimos catro anos non houbo constancia de necesidade deste
servizo”. Así, desde o CIM infórmase que nas 170 consultas de de divorcio ou
separación, casos nos que poden xurdir problemas para o réxime de visitas de fillos
menores, non se expuxo ningunha necesidade nestes supostos. Os datos son claros. Os
xulgados da Estrada refiren cinco casos onde se implantou esta medida. Consultados os
centros de Pontevedra e Santiago, en Pontevedra non houbo ningún caso e en Santiago
só dúas familias demandaron este tipo de servizo.

Por outra banda, como se lle explicou ao resposable do grupo socialista na Comisión, o
decreto que regula este tipo de servizo, esixe unhas instalacións e un persoal que, a data
de hoxe e a medio prazo, non podemos poñer a disposición da Xunta para a prestación
deste servizo que, por outra banda, é de titularidade autonómica. Estamos diante dunha
competencia, pois, que non nos corresponde asumir coma ente municipal que somos.
É dunha irresponsabilidade suprema e unha demagoxia pedir un servizo cando non tes os
requisitos legais para poder levalo a cabo. Desde o departamento que dirixo funcionamos
doutra maneira, dunha maneira seria, coherente e responsable. Avogamos por traer
servizos que sexan necesarios e beneficiosos para as familias, sempre e cando exista
unha necesidade real para poñelos en marcha; algo que se pode desprender da atención
que se lle presta á cidadanía desde o departamento. Así se fixo co servizo de conciliacion
das familias, ou co servizo de Atención Temperá, a apertura dunha segunda Escola
Infantil, os campamentos de Conciliacion, as actividades de Comedor ou o plan Madruga
nos centros de ensino. Todas xurdiron a partir da petición de afectados, polo que se
puxeron os medios para poder cubrir esas necesidades, unhas necesidades que afectan
dun modo cotián, ao benestar de todas as familias que viven no noso concello.
E de todos os xeitos, na Comisión explicóuselle ao Sr Lopez Bueno que se máis adiante
se xustificase, realmente, a necesidade desta demanda, estudaremos a opción de solicitar
este servizo no noso concello ou calqueroutro servizo que cubra necesidades reais e
cotiás dos nosos veciños.
Pedir por pedir non creo que sexa a maneira de defender con seriedade as necesidades
da Estrada. Non se trata de ter máis servizos, senón de ter os necesarios e nas mellores
condicións posibles.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Ibuprofeno aterriza no principal ó vindeiro venres día 4 ás 21.00 h

 

Na mañá de hoxe o concelleiro de cultura Juán constenla presenta unha estrea teatral, pero desta volta a alegría e dobre xa que acollemos non só unha estrea teatral senón a estrea teatral dun amigo.

 

Santi Cortegoso é un colaborador asiduo da Escola Municipal de Artes Escénicas, e a súa empresa teatral Ibuprofeno que xestiona xunto a Marián e Fátima, ten a súa base de operacións no noso Concello. Así que, a efectos xurídicos e sentimentais, pódese dicir que é un estradense máis.

 

Tamén é unha alegría para nós, ver en escena a obra que gañou no ano 2013 o premio Varela Buxán, que organiza a Fundación Cultural da Estrada.  Un Varela Buxán que vimos de entregar este ano a José Luis Baños de Cos e no que Santiago Cortegoso exerce coma presidente do xurado.

 

 

 

Será este, un evento que servirá como avance da programación cultural que presentaremos a mediados de febreiro e que contará con eventos, tanto en materia teatral coma musical, de frande relevancia.

 

A estrea de Ibuprofeno terá lugar o vindeiro venres día 4 ás 21.00 h, cunha segunda función o sábado ás 20.30 h. As entradas poderán retirarse a partir deste vindeiro luns no departamento de Cultura do Concello da Estrada a un prezo de 5,00€.

 

Nada máis. Antes de darlle paso ao verdadeiro protagonista do evento para que vos fale máis polo miúdo da obra; quero animar á veciñanza a asistir a unha das que serán as grandes estreas da tempada teatral en Galicia.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

O alcalde da Estrada presenta uns Orzamentos que rondan os 20 millóns de euros

O alcalde da Estrada, José López, acompañado do concelleiro de Facenda, Alberto Blanco, presentaron onte os Orzamentos para o ano 2022, que ascenden a 19.637.440 euros, case seis millóns máis que a conta do ano pasado, que fora de 13.701.182,40 euros. Este espectacular incremento é posible grazas a un préstamo de 4,5 millóns que o goberno local solicitará para permitir o incremento do investimento.

José López comezou a intervención explicando que a suspensión da regra de gasto permite un Orzamento «realista e ambicioso» para este ano e «con visión para os próximos anos». De feito, informou de que o Goberno estradense apostará polos fondos europeos Feder, que a finais deste ano reabrirán as convocatorias para un novo sexenio, 2021-2027. Outra das apostas do equipo de José López nesta conta, que se debaterá o xoves 3 de febreiro no pleno ordinario, é a actualización da Relación de Postos de Traballo (RPT), que contempla un incremento da masa salarial do capítulo 1 de gastos correntes do 12%. En total, 718.000 euros máis con respecto a 2021 (de 5.658.162,64 euros a 6.376.165,85) que se destinarán á suba salarial dos empregados públicos.

En canto ao capítulo 2 do gasto corrente, a partida destinada ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) incrementarase en 170.000 euros. Así, serán 1.057.000 euros «para dar cobertura a persoas dependentes de grao 3». López explicou que este incremento tamén é posible polo incremento dos cartos que a Xunta achega por cada hora de servizo, que pasa de 9,60 a 11 euros. Non obstante, o rexedor insistiu en que este servizo é competencia da Administración autonómica, pero que non está financiado na súa totalidade.

Por outra banda, no capítulo 2 tamén se inclúe, entre outras cuestións, unha achega de 40.000 euros para o obradoiro de emprego para rematar a praia fluvial e outra de 500.000, que diminúe en 300.000 euros, para o alumeado público. En total, este capítulo 2 pasa de 6.467.000 euros a 7.297.000.

Pero «se hai un cambio importante, non é á marxe dos investimentos», subliñou López, onde «queremos ser o máis ambiciosos posible» e cara a onde irá o préstamo de 4,5 millóns de euros. Con estes cartos a Deputación acometerá melloras no Camiño de Santiago; poñerá en marcha un espazo multifuncional para o sector primario do municipio (sidra, arándanos, maceiras, oliveiras…), no que se potenciará a innovación e a posta en valor do produto; desenvolverase a sinalización das zonas de estacionamento; Reformaranse edificios para destinar vivendas a vítimas de violencia machista e persoas con dificultades económicas; Recuperaranse zonas verdes e melloraranse as pistas de tenis e pádel. Así mesmo, investiranse 145.000 euros para cofinanciar o abastecemento de auga a Tabeirós e Nigoi grazas ao desdobramento do Umia, que dará servizo a máis de 400 persoas. Por outra banda, 1.253.000 euros reservaranse para cofinanciar proxectos europeos.

Publicado en Portada | Deja un comentario

É lamentábel que o alcalde non teña claro a estas alturas que pode facer co vello ambulatorio

O BNG ten claro que aposta por un centro de día neste inmoble e traballará para que o Ministerio de Traballo o ceda á Xunta para poñer en marcha este servizo
Di o alcalde que descarta comprar o edificio do vello centro de saúde, porque non sabe que facer con el e “non ten sentido comprar propiedades e asumir o seu mantemento sen ter un proxecto concreto para elas”. Nisto último ten razón, é absurdo comprar por comprar, mais é lamentábel que a estas alturas o goberno municipal do PP non teña nin idea de que pode facer neste céntrico edifico dependente do Ministerio de Traballo.

No BNG xa puxemos enriba da mesa en 2017 a posibilidade que se poida poñer en marcha un centro de día, que amplíe en servizos e tamaño o xa existente na Praza de Abastos. Non veríamos mal que o alcalde copiara a idea do BNG, todo o contrario, mais o goberno municipal, carente sempre de ideas  e proxecto para o noso concello, agarda ao de sempre, que chegue pola porta unha empresa privada cunha idea debaixo do brazo, como aconteceu coa Alameda.

Cuestión de prioridades

O alcalde descarta comprar con fondos do concello o vello ambulatorio. Porén dos máis de 3.300.000 euros que custou a Alameda, 1.794.635 euros saíron dos fondos propios do concello. É cuestión de prioridades. Para unhas cousas si hai cartos, pero para que A Estrada teña un centro de día amplo e con servizos parece que non hai.

De todos os xeitos, o BNG, que si ten claro que quere facer co vello centro de saúde, traballaremos para que o Ministerio de Traballo ceda á Xunta o edificio para que a administración autonómica poña en marcha o centro de día que demandamos.

Neste sentido, cómpre recordar que o pasado mes de setembro o Parlamento Galego aprobou a iniciativa do BNG que reclama que a Xunta solicite do goberno español a cesión das instalacións do antigo centro de saúde da Estrada, coa finalidade de proceder á posta en marcha neste edificio dun centro de día. Para o BNG non é unha opción deixar deteriorar o edificio até que se converta nunha ruína cando hai unha necesidade dos veciños e veciñas e que pode atenderse perfectamente nestas instalacións.

Cómpre lembrar que A Estrada sobe dos 20.000 habitantes, dos que máis de 5.600 superan os 65 anos, un 28% do total, segundo datos do IGE de xullo de 2020. A pesar desta realidade, no concello só hai un pequeno centro de día na praza de Abastos, que ten capacidade para 20 persoas, un número de prazas insuficientes para prestar un servizo que vai en aumento polo avellentamento da poboación.

Ademais, a conversión deste edificio en centro de día permitirá tamén dinamizar dende o punto de vista comercial e hostaleiro a zona que o rodea, moi afectada polo traslado do centro de saúde.
Publicado en Portada | Deja un comentario

A Xunta salienta a contribución dos novos membros da Academia Xacobea para reforzar o estudo e investigación das peregrinacións a Santiago

 

Ingresan na entidade a profesora de Dereito Administrativo da USC e secretaria do Grupo Compostela Universidades, María Teresa Carballeira, e o investigador Luis Ferro

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron hoxe na Sesión Solemne de apertura do curso 2022 e acto de ingreso dos novos académicos da Academia Xacobea. Trátase da profesora de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago e secretaria do Grupo Compostela Universidades, María Teresa Carballeira, e do investigador Luis Ferro.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou a traxectoria profesional de ambos e a súa “ampla bagaxe que de seguro dará como froito valiosas achegas no seo desta Academia”. En nome da Xunta, agradeceu a contribución da Academia Xacobea durante os últimos anos para achegar ao conxunto da cidadanía novos aspectos da peregrinación.

Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a necesidade de fomentar a investigación e a cultura xacobea tanto no ámbito académico como universitario e, por extensión, no conxunto da poboación, co obxectivo de “favorecer o coñecemento do que supón para Galicia contar co fenómeno xacobeo especialmente agora que estamos inmersos na celebración deste Ano Santo excepcional”. Por tanto, manifestou o compromiso do Goberno galego para seguir apoiando e impulsando a celebración de cando eventos e iniciativas permitan seguir facendo medrar a literatura e os estudos científicos e académicos arredor da cultura xacobea como é o caso da Academia Xacobea, que exerce como embaixadora do Camiño no mundo.
 

Publicado en Portada | Deja un comentario

O LADRÓN DE PARAUGAS ULTIMA A SÚA REEDICIÓN SEIS SEMANAS DESPOIS DO SEU LANZAMENTO EDITORIAL

A Editorial Galaxia está a ultimar a reedición do álbum ilustrado infantil O ladrón de paraugas escrito polo autor estradense Xosé Lueiro e a ilustradora, tamén estradense, Sara Valcárcel. Deste xeito, en poucas semanas, a segunda edición do libro estará en condicións de ser distribuída por todas as librarías galegas.

 

Presentado a comezos de decembro, o libro que recolle as aventuras do gato Fazulas no seu intento por saber de que cor é o vento, converteuse poucas semanas despois do seu lanzamento nun dos agasallos máis solicitados nas librarías galegas durante este pasado nadal, agotando todas as existencias editoriais e requirindo unha segunda edición.

 

Nas vindeiras semanas, o libro seguirá a súa rolda de presentacións por distintas vilas galegas Fazulas segue  sumando novos e novas lectoras por toda Galicia!

Publicado en Portada | Deja un comentario