O PSOE RECLAMARÁ PARTIDAS PARA O ACONDICIONAMENTO “DURADEIRO” DOS APARCAMENTOS EN SUPERFICIE NO ORZAMENTO DE 2022

López Bueno considera “impresentable” o estado dos
aparcamentos. Insta a PP a mellorar os parkings en vez de “tirar os
cartos en pantallas innecesarias”.

O PSOE da Estrada esixirá que no orzamento do Concello
para o ano 2022 se contemplen partidas suficientes para dar unha solución
definitiva ao estado “impresentable” da superficie dos aparcamentos do
casco urbano.
Luis López Bueno apunta a que o PP debería “negociar de verdade” cos
propietarios para atopar unha solución duradeira aos problemas cos buratos
que aparecen con frecuencia en varios aparcamentos disuasorios da vila.
Considera que os esforzos do grupo de goberno deben ir nese sentido, e
indica que “con traballo de verdade seguro que se chega a entendemento”.
O líder socialista non ve lóxico que o PP decida “tirar cartos públicos” en
pantallas que indiquen a ocupación dos aparcamentos. Afirma que as
pantallas que pretende instalar o goberno municipal son “absolutamente
innecesarias” e que ademais chocan coa liña urbanística de eliminar
elementos que dificulten o paso das persoas. A este respecto indica que “en
todas as vilas e cidades se están eliminando ese tipo de sinais, pero na
Estrada remamos en sentido contrario ao que se fai en toda Europa”.
De feito, considera que as pantallas poden constituír unha distracción para
os condutores e que poderían xerar moitos problemas nese sentido. A
situación sería especialmente grave no aparcamento da Casa das Letras,
Iryda e Novo Mercado, onde hai pasos de peóns xusto en fronte das
entradas.
Ademais referiuse á falta de traballo dos concelleiros do goberno, que
aínda non foron capaces de presentar o orzamento municipal para o
ano 2022.
López Bueno entende que “xa debería estar aprobado polo pleno
ordinario de decembro”, e culpa ao PP de ser incapaz de sacar
adiante en tempo e forma as cuestións ordinarias do Concello.
Considera “especialmente grave” que un goberno con maioría
absoluta non poida atender a obriga legal como de ter aprobado o
orzamento a día 1 de xaneiro. Para o socialista é un fiel reflexo de
que “a maioría dos concelleiros do PP só se dedican a cobrar as
dedicacións ou as dietas, pero non a traballar polos veciños e
veciñas”.

Publicado en Portada | Deja un comentario

«Taller de música represaliada», con Xurxo Souto o vindeiro venres 17 de decembro ás 20.30 h con entrada de balde no Mome.

XURXO SOUTO
Cantante, acordeonista, escritor, actor, director e locutor galego. É licenciado en Filoloxía Clásica, pero a súa actividade máis coñecida foi a de líder e vocalista de Os Diplomáticos de Monte-Alto, entre 1990 e 2001.
 
Desde 1986 comezou a traballar en diversos programas de radio en galego (coma A tropa da tralla), colaborou con varias publicacións (coma a revista Bravú) e foi subdirector de programas da Radio Galega, onde tamén dirixía Aberto por reformas, un espazo caracterizado por emitir exclusivamente música en galego.
 
Forma parte do grupo Os Tres Trebóns, onde se encarga da voz e do acordeón.
 
MÚSICA REPRESALIADA, MEMORIA
O obradoiro serve para tomar conciencia de como o imaxinario que impuxo a Ditadura franquista segue a funcionar e a definir en parte o presente. Búscase descubrir o esplendor musical que lle roubaron á sociedade facendo un percorrido polos proxectos musicais destruídos tras o golpe de Estado de 1936 e reivindicar a dignidade das e dos artistas que sufriron a represión (algunhas e algúns mesmo perderon a vida) neses días de barbarie, un traballo sobre o que ata o de agora non existe investigación e no que se pretende abrir camiño.
 
 
Partirase de diferentes testemuñas orais e dalgunha referencia literaria coa pretensión de que esas achegas sirvan
de estímulo para que as persoas que participen no obradoiro conten as historias das e dos artistas do seu contorno.
Publicado en Portada | Deja un comentario

Charo Golmar presenta na Estrada o libro infantil “Nobelo de luz”

O Teatro Principal da Estrada acolle o xoves 16 de decembro, ás 20:00 h, a presentación do libro infantil “Nobelo de luz” publicado por Edicións Fervenza, e da autoría de Charo Golmar.

 

En dito acto, a autora estará acompañada polo normalizador lingüístico do Concello da Estrada, Xosé Lueiro; o profesor e escritor Xosé Luna; o tamén profesor e escritor Carlos Loureiro; a ilustradora da obra, Amalia López Brea “Luchi”; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; e o alcalde do Concello da Estrada, José López Campos.

 

Na presentación contaremos con acompañamento musical a cargo de Manoele de Felisa e tamén un recitado poético.

 

 

A obra

 

Nobelo de luz é un emotivo poemario que se nutre da experiencia persoal da escritora como docente.  Un relato versificado en primeira persoa de alguén que, dotado de capacidades diferentes e con dificultades para expresarse, soña con poder ser comprendido.

 

Nobelo de luz quere ser esperanza, abrir os ollos e concienciar á  sociedade de que outro mundo mais comprensivo debe ser posible.

 

Nobelo de luz segundo palabras de Xosé Luna, autor do limiar, “é unha lección de vida para comprender que todos somos diferente(mente) iguais”.

 

 

Colaboracións

 

Esta publicación, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración do Restaurante Enxebre Porta do Sol de Lamela e da secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

 

 

A ilustradora

 

Amalia López Brea, “Luchi” (Lamela, Silleda, 1968). Licenciada en Bioloxía e diplomada en Maxisterio é unha apaixonada da pintura. A súa obra abarca óleos, acuarelas, pasteis graxos, carboncillo e lapis de cor.

 

Participou con ilustracións en distintas publicacións tanto no campo musical como infantil e de adultos: no disco-libro Cantos para nenos e nenas de María do Ceo; Cartafol poético da Porta do Sol de Lamela; no poemario infantil Versos e bolboretas de Mónica Varela Gestoso (Edicións Fervenza); no disco-libro A Estrada da vida de Xosé Luna e Manoele de Felisa; no poemario Zapatos máxicos de Fernando González Graña (Edicións Fervenza); no poemario Un mundo quentiño de Mónica Varela Gestoso (Edicións Fervenza); e no libro O Naranxo no Trasmundo de Inma Vilariño (Edicións Fervenza), ademais da obra que se presenta, o libro infantil Un nobelo de luz de Charo Golmar (Edicións Fervenza).

 

 

A autora

 

Mª del Rosario Golmar Saavedra nace no lugar de Vila, na parroquia de Santiso (Lalín). É filla de  María Saavedra Saavedra e de Xesús Golmar Rodríguez. Seguindo os pasos do pai, mestre e escritor galeguista, estuda Maxisterio en Santiago e dende 1983 traballa en distintos lugares da nosa xeografía. Actualmente é mestra en Lalín, no colexio que leva o nome de seu pai, o CEIP Xesús Golmar.

 

Dende sempre estivo vinculada ao mundo da literatura e da cultura, pois colaborou en obras colectivas e participou en actos de recoñecemento a persoas relacionadas con estes ámbitos. A día de hoxe é membro do Padroado da Fundación Xosé Neira Vilas.

 

Dende cativa escribiu na intimidade e son poucas as veces nas que se decide a facer públicos os seus escritos. Non obstante, en 1979 gaña o 1º premio nun concurso de poesía convocado polo IES Ramón Mª Aller Ulloa e no 2005 escribe o prólogo da biografía que sobre o seu pai Xesús Golmar escribe Manuel Igrexas.

 

Nos últimos anos participou en diversas obras colectivas como Libro dos Reis Magos (2012), Homenaxe a Manuel María (2015-2017), Homenaxe a  Olimpio Arca Caldas (2016) e Pico Sacro ferido polo lóstrego e a lenda (2017).

 

Será o 2019 o ano do cambio ao ser elixida membro do Padroado da Fundación Xosé Neira Vilas, exercer como pregoeira das Letras Galegas no Concello da Estrada e quedar finalista no VII Certame de relato curto que organiza a FANPA de Pontevedra.

 

O poemario infantil Nobelo de luz é a súa primeira publicación.

 

 

Seguridade covid

 

Polas circunstancias covid, o acto estará condicionado polas medidas necesarias para que se fagan respectar as distancias de seguridade, sendo obrigatorio o uso de máscara. Por iso, prégase ao público que se achegue 30 minutos antes do comezo para evitar aglomeracións, pois a entrada é libre ata completar o aforo.

Publicado en Portada | Deja un comentario

¡ A BAILAR !

Despois do parón do ano pasado a causa da pandemia, este ano retomamos as clases de Baile Galego nos IES da Estrada durante a primeira avaliación.
Este ano impartironse clases aos nenos de 1º, 2º e un curso de 3º da ESO dos tres centros de ensino público da Estrada e o único cambio deste ano é que por mor da situación sanitaria e dos protocolos dos centros de ensino non se fará a foliada de fin de curso onde os nenos dos 3 centros de ensino compartían o aprendido nos dous meses de clase.
Desde Tequexetéldere queremos agradecer ao Concello da Estrada e aos seminarios de Educación Física dos 3 centros a súa implicación neste proxecto tal e como levan facendo desde o ano 2015 que comezou esta iniciativa.
Xuntase o proxecto e os horarios de clase .
 
 

Proxecto talleres baile galego institutos A Estrada.

 

  1. Introducción.

Con este proxecto de baile tradicional galego o que se pretende non so é que os rapaces e rapazas, entre idades de trece a dezaseis anos, coñezan a cultura tradicional galega senón tamén a importancia que ten dentro da súa evolución tanto a nivel psicomotor como a nivel psicoevolutivo.

O enfoque que se pretende dar a este traballo e didáctico e pedagóxico.

  1. Metodoloxía.

A metodoloxía que utilizaremos, e partir sempre dos coñecementos previos que ten o alumnado para que todo aquelo que se vai ensinando teña un sentido e unha comprensión por parte do alumnado.

Coa aprendizaxe do baile tradicional o que fomentamos no alumnado é:

  • Coñecemento corporal.
  •  
  •  
  • Segmentación corporal.
  • Coordinación e control postural
  • Automatización de movementos.
  • Coordinación oculo-espacial.
  • Espacio auditivo.
  •  

 

Todo isto conseguirase a través dunha serie de pasos-estructuras ( un,dous, tres sen cruzar os pés, picados por diante e detrás, adiante-atrás……) que iremos traballando ao longo dos talleres.

O fin último é que o alumnado aprenda a crear os seus propios puntos e entenda o que está a facer co seu corpo.

Temos que partir da base que o baile tradicional galego é un baile que se baila en parella e en grupo polo tanto tamén se vai traballar o compañerismo, o respecto, a solidariedade, a convivencia… digamos que van ter que estar perfectamente compenetrados para poder facer os bailes e que uns dependen de outros para levalos a cabo.

 

 

  1. Obxectivos a traballar

     –    Coñecer o seu propio corpo.

  • Escoitar o ritmo.
  • Afianzar e traballar o equilibrio, automatización de movementos, creatividade.
  • Traballar a lateralidade, equilibrio, control e coordinación corporal e oculo-espacial, espacio auditivo.
  • Aprender a manexar os movementos dos pes.
  • Comprender os movementos que se realizan.

     –    Coñecer e investigar sobre a cultura popular galega

  1. Contidos.

– Aprendemos un, dous, tres, sen cruzar e cruzado.( picado por diante e por detrás)

– Aprendemos salto, abaixo, arriba sen cruzar e cruzado por diante e atrás (adiante-atrás)

– Facemos os movementos cos brazos arriba.

– Bailamos en grupo.

– Aprendemos as diferentes estructuras dos bailes (fila, roda, fila movida nos espacio, peche de rodas, apertura de rodas)

– Creamos os nosos propios puntos, e baile.

– Coñecemos a cultura popular galega.

  1. Temporalización.

As sesións constarán aproximadamente dunha hora, que se desnvolverán ao longo de dous meses.

  1. Avaliación.

Levaráse a cabo a través da observación e pretenderase que o alumnado explique os movementos que vai aprendendo.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Alberto Lema gaña o Premio de Novela Manuel García Barros


O Concello estradense acolleu onte a entrega do Premio de Novela Manuel García Barros ao escritor Alberto Lema, que se converteu co premio pola súa obra ‘Pazo de inverno’. No acto participaron o tenente de alcalde estradense, Juan Constenla, e o director do Editorial Galaxia, Francisco Castro
Publicado en Portada | Deja un comentario

AS FIRMAS EXPOSITORAS GALEGAS OCUPARÁN O 71% DO ESPAZO EXPOSITIVO DE VENDA DIRECTA DISPONIBLE NO 8º SALÓN MOTOR CLASSIC E A 61ª FEIRA DE ANTIGÜIDADES E ARTESANÍA.

• O recinto feiral estradense, abrirá as súas portas ao público
con preto de cen firmas expositoras.
• Do total do espazo expositivo ocupado, 60% corresponde ao
Salón Motor Classic, seguido do 32% da Feira de
Antigüidades e un 8% da mostra de artesanía.
• O 35% dos expositores de venda directa proceden da
provincia de Pontevedra, seguidos por un 16% de A Coruña,
10% do resto de España e 6% de Lugo, 14% de Ourense. O
19% restante son firmas procedentes de Portugal.
• O 64% dos vehículos expostos, son automóviles e o restante
36% son motocicletas e bicicletas.
Os vindeiros días 11 e 12 de decembro, o recinto feiral estradense, abrirá as
súas portas ao público co último dos certames co que pecha o calendario feiral
2021: 8º Salón Motor Classic e a 61ª Feira de Antigüidades e Artesanía. O
recinto feiral permanecerá aberto en horario ininterrumpido de once a veinte
horas e a entrada custa un euro e será válida para ambos días, permitindo
entrar no sorteo de duas ceas para dúas persoas, por xentileza do restaurador
local o Asador de Leo.
A meirande parte do espazo expositivo, ocuparao o Salón motor Classic, cun
60% dos 7.400 m2 de espazo expositivo total. Esta mostra engloba un
mercadillo de pezas, recambios e complementos do motor. Pola súa banda, a
exposición de vehículos clásicos, á data conta con cun centenar de vehículos
inscritos dos cales, o 64% son automóviles e o restante 36% son motocicletas
e bicicletas. Para todos os visitantes que se acheguen nos seus vehículos
clásicos (automóviles, motocicletas ou bicicletas), habilitaráse un parking
específico, dentro do propio recinto feiral.
As antigüidades e artesanía, con trinta e cinco firmas expositoras,
complementan a mostra expositiva. Catro pavillóns cumplindo co
protocolo anti Covid19 de distanciamento e aforo.
As provincias de Pontevedra e A Coruña, son as que meirande porcentaxe de
firmas expositoras aportan á mostra, cun 35% e 16% respectivamente,
seguidas de lonxe por Lugo e Ourense e un 29% de firmas procedentes do
resto do estado español e Portugal.
Numerosos particulares, colaboran coa mostra expositiva, aportando os seus
vehículos. Éstos estarán complementados por diversos clubes, asociacións,
talleres, empresas privadas, etc…, dentro dos mais salientables: Club Audi
Sport -Ibérica, Escudería Clásicos O Toxo, Club A.V.A., Autocares Cuiña,
AGAMAC, etc…

Publicado en Portada | Deja un comentario

Paula Carballeira fai “memoria” no Teatro Principal

Este vindeiro sábado ás 20.30 h, o Teatro Principal da Estrada recibirá a unha das
mellores narradoras orais galegas, nun evento que chega da man do Xacobeo 2021.
Facer memoria é un espectáculo-encontro entre Paula Carballeira e o público
estradense no que se esvae os límites entre o escenario e o patio de butacas, dándolle
voz ás lembranzas dos espectadores.
En Galicia contamos cunha tradición oral excepcionalmente viva. A través dela
desenvólvense contos, lendas, sucedidos, lances reais de vidas reais que ao contalos
se volven ficcións. Nesa tradición inmaterial, gardada na memoria dos nosos maiores,
atopamos o que somos. Este espectáculo trata de visibilizar ese legado que nos
deixan.
Este encontro de Paula virá precedido por dúas contadas previas que terán lugar en
Ouzande (Fervenza de Ouzande / 19.00 h) e Couso (Casa Escola de Couso / 21.30 h)
o venres día 10.
Trátase dun evento gratuíto, con retirada previa de invitación no departamento de
Cultura a partir do xoves día 9. Só haberá 50 entradas dispoñibles.

Publicado en Portada | Deja un comentario