O alcalde José López e a concelleira Amalia Goldar visitaron o campamento de verán do Foxo

Hoxe pola mañá, o alcalde estradense José López e a concelleira de Servizos Sociais, Amalia Goldar, visitaron o Ceip do Foxo para comprobar de primeira man a boa marcha do campamento de verán que acolle a un bo número de rapaces e rapazas estradenses.

 

Convocados como unha medida de conciliación da vida laboral e familar, estes campamentos destacan pola grande acollida que teñen entre as familas estradenses cunha media de ocupación por quincena de 25 alumnos.

 

Os rexedores estradenses constataron, en primeira persoa, a boa organización e funcionamento do campamento, tanto no relativo ao respaldo dos cativos ás actividades ofertadas, coma en todo o referente ao operativo impantado por mor dos protocolos sanitarios.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Alberto Lema Suárez gaña o XXXIII premio de novela Manuel García Barros

O xurado do premio de Novela Manuel García Barros composto por Anxos Sumai, Carmen Ferreira, Carlos Lema, Armando Requeixo e Carlos Loureiro, en calidade de secretario fallou, na mañá de hoxe mércores a trixésimo terceira edición deste premio que foi, por maioría, a parar a mans de Alberto Lema Suárez pola obra “Pazo de inverno”.

 

O autor, que compaxina o seu labor político coa escrita literaria, conta xa cunha ampla traxectoria no ámbito editorial onde ten publicados varios poemarios como Plan de fuga e Crónica do chan, e novelas como Da máquina,  Unha puta percorre Europa ou Sidecar, coa que acadou o premio Ánxel Casal.

 

Seleccionada entre un total de 41 traballos presentados, o xurado destacou desta novela a súa capacidade para recrear unha ficción coas fías das loitas de poder. As esferas do empresarial, o político e o periodístico gandúxanse para tecer unha crónica de contraluces hipnóticas. Nesta obra nada é o que parece e os trasfondos e maquinacións dos grupos de influencia acaban por nos revelar un complexo mapa de intereses e pulsións.

 

Doutra parte, a lograda caracterización dos personaxes, o suxestivo dos diálogos, a habelencia para recrear atmosferas e sucesos, así como a intelixente inserción de recursos parateatrais na narración fan desta obra unha proposta de anatomía sociopolítica dun tempo e de todo tempo.

 

O premio, dotado cun importe de 9.000€, entregarase a primeiros de decembro nun acto público que terá lugar no Teatro Principal da Estrada.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Estación de autobuses, centro ictioxénico e matadoiro: A Estrada é un cemiterio de edificios públicos abandonados

«A estación de autobuses languidece desde hai anos, sen que concello ou a Xunta miren por poñela en funcionamento ou darlle outro uso a ese espazo»

 «O noso concello é un cemiterio de edificios públicos abandonados», afirma a concelleira do BNG, Susana Camba. «Centro Ictioxénico entre Cora e Couso, o Matadoiro, o Museo e non nos podemos esquecer da estación de autobuses, que languidece desde hai anos, sen que concello ou a Xunta miren por poñela en funcionamento ou darlle outro uso a ese espazo», engade.

«No PP deben pensar que eses edificios saíron de balde, mais a realidade é que a Estación de Autobuses tivo un custe para o erario público de 130 millóns de pesetas de 1994, a día de hoxe facer un edificio desas características superaría o millón de euros», explica a concelleira do BNG.

«A estación estivo en réxime de concesión até marzo de 2005, iniciándose nese mesmo período unha nova licitación, que entendemos quedou baleira», afirma a concelleira nacionalista, «xa que esta é a última referencia que hai no DOG sobre o citado edificio».

Susana Camba indica que «a estación non ten funcionamento como tal desde hai anos, e hoxe o seu interior é un espazo onde se amorea todo tipo de refugallo; desde o BNG pensamos que xa é hora de que Xunta e Concello fagan algo para rehabilitar ese espazo».

Susana Camba insta «ao goberno municipal a moverse e actuar; o noso concello estase a converter nun cemiterio de edificios públicos, mais tamén privados, abandonados, e iso, por moito cemento que queira poñer o alcalde na Alameda, non é unha boa imaxe para A Estrada, aparte de que é tirar cos cartos de todas e todos».

Publicado en Portada | Deja un comentario

O PSOE PROPÓN A REDACCIÓN DUN PLAN DE MANTEMENTO DE INFRAESTRUTURAS

O PSOE da Estrada vén de rexistrar unha moción para que se
redacte un Plan de Mantemento de Infraestruturas Municipais. O líder
socialista, Luis López Bueno, considera necesario redactar un documento
que recolla as actuacións que hai que realizar nas parroquias e en todos os
edificios municipais. Explica que “o documento debe fixar un calendario de
tarefas, e débese cumprir”.
Os socialistas propoñen que sexa o persoal do Concello o que redacte o
devandito plan, unha decisión que parece lóxica tendo en conta o
coñecemento do entorno e tamén o aforro de recursos que supón para o
Concello “en vez de entregarlle milleiros de euros a unha consultora”.
López Bueno considera que esta necesidade “non se pode aprazar máis” xa
que o practicamente non se realiza mantemento nas parroquias e que os
desbroces que se realizan son “claramente insuficientes”. O socialista
continúa argumentando que “un desbroce ao ano non resolve a obriga que
ten o Concello de asumir a limpeza viaria, nin garante a salubridade”. Indica
que “o Concello ten capacidade económica de sobra para asumir (polo
menos) unha ronda máis en cada parroquia”.
O voceiro socialista considera que é “inadmisible” que o PP lle faga caso
omiso ás demandas dos veciños e veciñas que levan “anos” trasladándolle
ao Concello as deficiencias no servizo de mantemento do rural. Tamén ve
“un clamor” sobre o abandono das parroquias durante a última década,
onde o principal responsable é López Campos. Con ese panorama, o
socialista só ve unha saída razoable, que é a redacción do documento
obrigue a realizar as tarefas “nun lugar e data determinados”.
Ademais, na moción rexistrada, o PSOE reclama actuacións sobre a rede de
contedores de reciclaxe nas parroquias. López Bueno valora que nas
parroquias “non existe a reciclaxe de papel, plásticos e vidro”, e apunta a
que “na vila tamén hai problemas coa recollida de plásticos”. Nese sentido,
aféalle ao goberno que non fora capaz de sacar adiante o seu
“anunciadísimo” prego de contratación para o lixo.
Ademais diso, considera que o estado dos edificios municipais é “nefasto” e
culpa ao PP porque as deficiencias veñen provocadas pola falta de
mantemento, como acontece coas humidades da Casa das Letras. Segundo
os socialistas o Plan de Mantemento tamén debería contemplar as
actuacións necesarias para pavillóns, escolas unitarias e outros edificios
municipais.

López Bueno afirma que tanto as asociacións de veciños como os equipos
directivos dos centros de ensino teñen que chamar “decenas de veces” ao
Concello para resolver tarefas rutinarias como o mantemento das zonas de
recreo, cuestión que é “inadmisible dun goberno municipal decente”.
O líder socialista tamén considera que a “fuxida a Madrid” do Concelleiro de
Rural, Juan Constenla, empeorou a situación dos veciños. Agora non existe
un concelleiro de rural que reciba aos veciños, “só o fai cando lle apetece”.
Tamén lle afea que non asistira ao derradeiro pleno ordinario do Concello,
onde se lle trasladan “demandas dos veciños e veciñas, moitas das áreas
que el manexa”

Publicado en Portada | Deja un comentario

BEBE cancela su concierto en A Estrada por problemas de logística

La cantautora valenciana ha emitido un comunicado en el que se anuncia la suspensión del concierto previsto para este jueves, 15 de julio, en el marco de Solpores no Lagoeiro.
 
Podrá solicitarse la devolución del importe de las entradas por el mismo sistema de venta por el que se adquirieron.
 

El ciclo de conciertos Solpores no Lagoeiro tenía previsto acoger el concierto de la cantautora valenciana BEBE este jueves 15 de julio, a las 21.00 horas. Desafortunadamente, la artista no traerá su gira Reconstrucción 2 hasta A Casa do Lagoeiro debido a problemas logísticos, según versa un comunicado emitido por la propia cantante.

Las personas que hayan adquirido su entrada podrán solicitar la devolución del importe a través del mismo sistema de venta por el que fue comprada.

Desde la organización del ciclo de conciertos Solpores no Lagoeiro lamentan profundamente esta «caída» del cartel, pero anuncia que, a pesar de este varapalo, la programación sigue adelante con otras importantes citas que discurrirán en las próximas semanas de julio y agosto. Así, la inconfundible voz de Davide Salvado resonará en A Estrada el 22 de julio, mientras que La Bien Querida promete conquistar al público en acústico el día 30 del mismo mes. Escuchando Elefantes estrenará las actuaciones del mes de agosto, en su caso, el día 6. El jueves 12 de agosto, Café Quijano hará sonar su La Vida no es La, La, La, concierto para el que ya se han agotado todas las entradas. El blues llegará a A Estrada el 19 de agosto de la mano de Adrián Costa, mientras que el grupo de música folk Alvariza será quien cierre este segundo ciclo de conciertos el jueves 26 de agosto.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG insta ao goberno municipal do PP a mellorar xa a Avenida de Santiago

«A paciencia dos veciños e veciñas, así como a de todas as persoas que usan esa rúa a diario, esgótase, e cada día que pasa a rúa está peor»

 O alcalde a Estrada dixo en xaneiro pasado que estaban estudando a mellor maneira de arranxar o problema crónico do asfalto da Avenida de Santiago. «Estudar e analizar os problemas en profundidade está ben, mais van alá seis meses e nada de sabe do arranxo nin de cando nin como se vai mellorar a citada rúa», afirma a concelleira do BNG, Susana Camba.

«A mellora da Avenida de Santiago hai que facela en profundidade para que non se volva deteriorar o asfalto co paso do tempo», engade, «mais a paciencia dos veciños e veciñas, así como a de todas as persoas que usan esa rúa a diario, esgótase e ven como o concello non fai nada, e cada día que pasa a rúa está peor.»

«Desde o BNG instamos o goberno municipal a actuar xa sobre a Avenida de Santiago, o tempo apremia, hai que aproveitar o bo tempo do verán para facer un arranxo definitivo e con garantías», afirma a concelleira nacionalista.

«Por outra parte», engade Susana Camba, «insistimos na necesidade de trasladar o tráfico pesado por outra alternativa, nin é cómodo para os veciños e veciñas da Avenida de Santiago, nin tampouco o é para os transportistas que teñen a utilizan».

Publicado en Portada | Deja un comentario

A CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE CONCEDE CADANSEUS OBRADOIROS XUVENÍS AOS CONCELLOS DE LALÍN E A ESTRADA CUN INVESTIMENTO DE 740.000€

A Consellería de Emprego e Igualdade vén de conceder cadanseus obradoiros de emprego de garantía xuvenil, orientados a mozos de ata 30 anos de idade, aos concellos de Lalín e A Estrada cun investimento global de 740.000 euros.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, informou desta resolución esta mesma mañá nunha visita, xunto ao alcalde lalinense, Xosé Crespo, ao obradoiro de emprego dual Lalín Foresta III durante as súas tarefas de limpeza e desbroce do Paseo do Pontiñas.

«O Concello de Lalín presentou un proxecto moi atinado e acaído, que recibiu unha das mellores baremacións técnicas no proceso de selección e por iso vai poder desenvolver, co apoio da Xunta, o seu primeiro obradoiro xuvenil, ao igual que A Estrada, e ambos teñen unha gran importancia para a inserción laboral da mocidade nestas comarcas», explicou o representante autonómico, que lembrou que Lalín tamén opta aos obradoiros de emprego duais, cuxa convocatoria se atopa en fase de baremación.

Estes novos talleres para a mocidade de Lalín e A Estrada celebrarán a súa selección posiblemente a finais deste mes de xullo entre mozas e mozos de 18 a 30 anos de idade que estean inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil co obxectivo de arrancar coas súas actividades ao longo do mes de agosto.

O obradoiro Lalinnova contará con 16 prazas, distribuídas a partes iguais entre os módulos de Sistemas Microinformáticos e Actividades Físicas, Deportivas e Recreativas, mentres que A Estrada 2021 terá os mesmos participantes repartidos entre as ensinanzas de Forestal-Xardinaría e Carpintaría. O orzamento individual de cada programa aportado pola Xunta ascende a 369.492 euros.

Ambos terán unha carga lectiva de 1.920 horas e desenvolveranse durante doce meses baixo o formato de programa mixto de emprego e formación, xa que os participantes realizarán obras e servizos de interese xeral e social ao tempo que incrementan a súa cualificación para favorecer a súa posterior inserción laboral. Ademais, os participantes asinarán un contrato a xornada completa e terán a posibilidade de optar a un traballo en empresas da contorna por un tempo mínimo de seis meses ao remate da súa formación.

«Aparte dos beneficios sociais, os talleres xuvenís, que se estrean nestas comarcas grazas ao bo traballo de ambos concellos, formarán axeitadamente á súa mocidade en situación de desemprego e van mellorar moito as súas condicións de empregabilidade, van dar resposta ás necesidades do mercado e tamén van minimizar os efectos socioeconómicos da crise sanitaria», sinalou o delegado territorial.

A Consellería de Emprego e Igualdade adica, nesta nova convocatoria de obradoiros de garantía xuvenil, un orzamento de 7 millóns de euros para o desenvolvemento de 19 programas destas características en toda a comunidade que contarán coa participación de máis de 300 personas desempregadas entre os anos 2021 e 2022.

Publicado en Portada | Deja un comentario