A Estrada aposta pola dixitalización do Comercio

Dende o Concello da Estrada estase a potenciar o comercio en liña dun xeito decidido.  Os produtos locais, artesáns e do noso rural poñémolos en valor mediante o comercio electrónico e, precisamente para a súa potenciación,  o Concello está a realizar accións neste senso, tendo en conta a situación que estamos a vivir.  Os hábitos de consumo están a mudar e o que se trata de dinamizar é a adaptación ás novas canles de vender e de mercar.

En colaboración cas diferentes asociacións do tecido produtivo da Estrada, Asociación de Comerciantes da Estrada, Asociación de Hostaleiros da Estrada e Asociación de Empresarios da Estrada, o Concello puxo en marcha unha plataforma propia de comercio local en liña.  Actualmente 61 comercios/empresas/produtores teñen as súas tendas validadas e estase a comezar a subir produtos.   Sete de estas empresas aceptarían a entrega a domicilio e nove aceptarían o pago en liña.  Queda un longo camiño para aumentar estes indicadores e que a comercialización en liña sexa unha realidade e complemente as vendas dun sector tan castigado nos últimos tempos.

Mediante as campañas de comunicación e difusión que se están a poñer en marcha, folletos, publicidade, seguimento de actividade nos comercios incluíndo visitas, etc.  preténdese acadar unha concienciación e promoción para potenciar as ferramentas tecnolóxicas que permiten estimular o noso comercio local para que o camiño que queda por percorrer, sexa o máis curto posible.

Para levar a cabo estas accións, resulta fundamental a colaboración do Grupo de Desenvolvemento Rural “Asociación de desenvolvemento rural Terras de Pontevedra Norte” co Concello da Estrada, apostando pola financiación de este tipo de iniciativas que axuden a reactivar o tecido produtivo do noso Concello.

Publicado en Portada | Deja un comentario

LÓPEZ BUENO SOLICITARÁ QUE AS COMISIÓNS E OS PLENOS SE CELEBREN POR VÍA TELEMÁTICA MENTRES SE MANTEÑA O NIVEL 2 DE RESTRICIÓNS

O PSOE da Estrada amósase preocupado pola repentina
escalada de casos de covid-19 na Estrada e polo nivel de casos activos. Luis
López Bueno afirma que os datos reflexan un escenario “desfavorable” e
comparte a imposición de restricións de nivel 2 a todo Galicia. Explica que
son medidas “duras” para todos pero é a única maneira de combater a
curva de contaxios e salvar vidas.
O líder socialista anuncia que solicitará que as vindeiras comisións
informativas e o pleno de novembro se celebren por medios telemáticos,
“mentres se manteña o nivel 2 de restricións”. Considera que “é o máis
responsable” e ademais apela a que a Corporación debe dar exemplo, “xa o
fixemos durante o estado de alarma e podemos volver a poñelo en
marcha”. Tamén apoia a súa petición en que as limitacións non deben
paralizar a actividade ordinaria dos órganos colexiados.
Os socialistas tamén anuncian a suspensión das súas reunións presenciais
para retornar ao sistema de videoconferencia. As reunións do grupo
municipal danse cada semana e son “análogas” a un ámbito de traballo.
López Bueno é claro ao respecto e prevé desenvolvelas “sen problemas”.
A pesar do salto que sufriu A Estrada no número de contaxios, López Bueno
quere ser optimista. Na primeira onda da pandemia “A Estrada pasouno
mal” pero afirma que a chegada do estado de alarma e o cumprimento das
medidas por parte dos veciños e veciñas fixeron que a recuperación fora
“rápida e convincente”.
Coa imposición do nivel 2 de restricións, o voceiro agarda que se produza
un fenómeno similar. López Bueno espera con moito interese a vindeira
reunión do Comité Clínico no que se deliberará sobre as medidas que se
aplicarán na Estrada.
López Bueno comparou a situación da Estrada coa doutros concellos
comparables á Estrada por tamaño e proximidade a cidades galegas como
Culleredo ou Arteixo, e polos datos dispoñibles asegura que “eu descartaría
(de momento) o confinamento perimetral, sobre todo se non hai
transmisión comunitaria”, pero fai fincapé en que “só a Xunta ten todos os
datos”.
O socialista cre que as restricións “son duras pero son para ben” e chama
aos veciños a continuar cumprindo as medidas de distanciamento social,
uso de máscara e hixiene de mans, porque “son a mellor vacina” contra a
covid.

Publicado en Portada | Deja un comentario

CINCO CENTROS ESCOLARES DE DEZA E TABEIRÓS PARTICIPAN NESTE CURSO NO PROGRAMA ‘BIBLIOTECA CREATIVA’, PARA FOMENTAR A INVESTIGACIÓN E APRENDIZAXE

O CEIP Pérez Viondi da Estrada é un dos dez centros da provincia recén
incorporados ao proxecto, que se mantén en Figueiroa, O Foxo, Ramón de
Valenzuela e Cerdeiriñas.

 A través desta iniciativa dirixida a infantil e primaria búscase familiarizar aos máis cativos coa robótica e a linguaxe de programación.
 A Consellería aporta os recursos necesarios, que inclúen a dotación de
pequenos robots, os Escornabots, cos que o alumnado pode realizar as
actividades

– Un total de 39 centros educativos da provincia de
Pontevedra −dez deles de nova incorporación e outros 29 que renovan a súa continuidade− participan neste curso no programa Biblioteca Creativa da Xunta de Galicia que ten por obxectivo impulsar, desde a biblioteca escolar, un espazo creativo de aprendizaxes no que o alumnado poida experimentar e investigar con todo tipo de recursos; e para o cal a
Consellería de Cultura, Educación e Universidade aporta os recursos necesarios.
Así, segundo a resolución publicada no Portal Educativo, no conxunto de Galicia haberá este curso un total de 102 centros educativos de infantil e primaria incorporados ao proxecto (25 deles de nova incorporación e outros 77 que renovan a súa continuidade). Por provincias, na
Coruña haberá un total de 38 centros adheridos (10 novos e 28 que renovan), en Lugo 14 (tres novos e 11 que renovan), en Ourense 11 (dous novos e 9 que renovan) e en Pontevedra 39 (10 novos e 29 que renovan).
Esta iniciativa, −integrada no Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares (PLAMBE)−, busca estimular a iniciación do alumnado de infantil e primaria no campo da robótica e na linguaxe de programación a través de actividades manipulativas e outras, programadas desde a biblioteca escolar, mediante a utilización de pequenos robots, os Escornabots, deseñados
dentro dun proxecto de hardware libre, cunha evolución aberta á comunidade. A través disto búscase ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple, o razoamento lóxico, a aprendizaxe manipulativa, o xogo, a
investigación e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado.
Dotación de recursos
Todos os centros de nova incorporación seleccionados reciben directamente no centro os materiais para montar os Escornabots que se incorporan á biblioteca.

Os 77 centros que renovan a súa participación reciben unha asignación para ampliar o
proxecto, ben sexa coa dotación dun recuncho creativo dentro da biblioteca con recursos de robótica e impresión 3D; coa adquisición de materiais que faciliten a investigación, a experimentación e a creación de forma creativa, ou a través da formación do alumnado a través de obradoiros relacionados coa creación audiovisual ou outros ámbitos relacionados co programa impartidos por profesionais do eido.
No caso dos centros con un ano de antigüidade no programa, a asignación vai destinada á adquisición dos medios necesarios para introducir a impresión 3D no recuncho creativo da biblioteca escolar. Pola súa parte, para os centros con dous anos de presenza no programa,
a asignación destínase á adquisición de materiais que faciliten a investigación, a experimentación e a creación de forma colaborativa, configurando un ‘espazo creativo’ diverso e axeitado aos intereses da comunidade educativa e ás finalidades do centro;
mentres que os centros con tres anos de presenza en Biblioteca Creativa deberán destinar a asignación que reciban da Consellería á formación do alumnado coa realización no propio centro, de obradoiros relacionados coa creación audiovisual ou de calquera outro ámbito presente no ‘espazo creativo’, a experimentación, a robótica, a programación etc., impartidos
por profesionais ou persoas experimentadas en cada ámbito. Estes obradoiros poderán ter formato presencial, se as circunstancias sanitarias así o permiten, ou telemático.
No caso dos centros con catro anos de presenza no programa, a asignación deberá destinarse á formación do alumnado coa realización no propio centro de obradoiros e actividades relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030;
actividades que deberán ter como referencia o “espazo creativo” da biblioteca.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Ensaios Banda Múnicipal A Estrada

 

Dende a Banda de Música Municipal da Estrada, queremos comunicar que os ensaios,
debido á situación actual da crise sanitaria, e ás restricións por parte da Xunta de
Galicia, quedan suspendidos 14 días. Ao remate deste prazo, e segundo avance a
epidemia, volverase a estudar a retomar dos ensaios, para a posible realización de
Santa Icía, previsto para o 21 de novembro, para o cal a formación leva traballando
dende o mes de agosto; en caso de non ser posible dita data, aprazarase, para cando
as circunstancias sanitarias sexan favorables.
Do mesmo xeito, anunciamos a suspensión dos ensaios da Banda – Escola, neste
mesmo período, e polos mesmos motivos.
Por outra banda, queremos aproveitar para facer un balance da tempada de verán da
Banda Municipal. Durante a época estival, a formación paticipou, case nunha vintena
de actuacións no concello de A Estrada, amenizando as distintas romarías, festas e
outros tipos de eventos culturais celebradas no noso municipio. Queremos agradecer,
tanto ás comisión de festas que nos contrataron, así como ao concello da Estrada, pola
súa confianza e colaboración durante estes meses, facilitándonos locais de ensaio
adecuados para cumprir as medidas de seguridade.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG rexistra unha moción para reforzar e mellorar o punto limpo

Aposta pola recollida de materiais polas parroquias e por mellorar a xestión do punto limpo municipal, garantindo un correcto tratamento dos residuos dun xeito constante e regular

O BNG da Estrada rexistra unha moción para reforzar e mellorar o servizo de presta o concello no punto limpo. A organización nacionalista leva tempo denunciando a situación que vén padecendo o punto limpo. Unha situación de completo abandono e desleixo por parte do goberno municipal do PP e que ultimamente está chegando a un nivel incontrolábel, coas graves consecuencias que isto ten para o conxunto da veciñanza. Os puntos limpos son parte indispensábel do correcto tratamento dos residuos, xa que en moitas ocasións a súa reciclaxe convencional xeraría unha contaminación engadida. Por iso un correcto funcionamento do punto limpo é tan importante.

A falta dunha xestión axeitada e adecuada do punto limpo impide que a veciñanza poida depositar aí os seus residuos polo que quedan tres opcións: o acaparamento de lixo nas casas dos veciños, o seu tratamento incorrecto desbotándoo nun colector que non lle corresponde ou a aparición de vertedoiros incontrolados no monte, como os que o BNG vén de denunciar recentemente, por exemplo, no lugar de Outeiro en Agar. Para evitar estes comportamentos é necesaria a dotación dunha alternativa viable e realista, como a implantación de puntos de recollida parroquiais que faciliten á veciñanza o depósito dos seus residuos e a recollida a domicilio dos obxectos máis voluminosos ou pesados.

Porén, os puntos limpos xa non se poden seguir xestionando dende unha óptica de almacenamento de residuos. Se ben é certo que a reciclaxe é importante o ideal é centrarse tanto na redución coma na reutilización. É por iso que unha correcta xestión do punto limpo pasa por modernizalo e complementalo cun punto de reparación e intercambio que permita alargar a vida útil dos obxectos, evitando que se desboten antes de tempo, ou permitindo que outros usuarios poidan facerse con obxectos reparados que non lle eran útiles ao dono orixinal.

Puntos de acordo da moción do BNG:

  • Aclarar a situación actual de deseleixo que sufre o punto limpo.
  • Actuar para mellorar a xestión do Punto Limpo municipal, garantindo un correcto tratamento dos residuos dun xeito constante e regular.
  • Facer unha correcta publicidade e dar unha información adecuada tanto dos horarios como do funcionamento do punto limpo.
  • Actuar de forma decidida contra os vertedoiros ilegais no monte, foco de contaminación.
  • Crear puntos fixos de recollida do punto limpo nas parroquias e reforzar o servizo de recollida a domicilio facilitando o depósito dos residuos e desincentivando a aparición de vertedoiros ilegais no monte.
  • Implantar no punto limpo un punto de reparación, troco e intercambio alargando así a vida dos obxectos podendo para iso establecer colaboracións con módulos de Formación Profesional ou empresas locais.
  • Estudar a integración da Estrada na rede galega PxR da Xunta de Galiza para dotar dunha segunda vida aos obxectos, reutilizándoos e reducindo os residuos xerados no concello.
Publicado en Portada | Deja un comentario

A actuación de Paula Carballeira no Principal cambia de data

A actuación de Paula Carballeira NOITE MEIGA prevista, en
principio, para o venres día 30 de outubro, levarase a cabo
finalmente o venres 13 de novembro no Teatro Principal. As
entradas poderán retirarse a partir do luns 9 de novembro no
departamento de Cultura do Concello.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Escola Municipal de Artes Escénicas (EMAE) oferta cinco prazas para o seu Grupo de Adultos

A xerencia da EMAE informa que, a partir de mañá e ata o 6 de novembro, ofertaranse cinco prazas para o grupo de adultos, correspondentes ao exercicio lectivo 2020-2021.

Todas aquelas persoas maiores de 18 anos, interesadas en iniciarse na práctica escénica, poderán optar a unha destas prazas chamando ao teléfono 986573601 ou mandando un correo a aestradacultura@gmail.com.

Impartidas pola actriz Anabell Gago, as clases teñen lugar todos os mércores de 21.00 h a 23.00 h no Teatro Principal, e prolongaranse ata finais do mes de maio, cun custo mensual de 15,00€. O curso lectivo rematará coa montaxe dun espectáculo teatral, que se estreará no teatro a primeiros do mes de xuño.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario