O BNG rexistra unha moción para estender a fibra óptica a todo o rural

Susana Camba: “O acceso a internet é un dereito recoñecido como tal pola ONU, e polo tanto os dereitos teñen que chegar a todos os veciños e veciñas, non pode haber discriminacións polo lugar onde se viva”

“No rural detectamos prácticas monopolísticas de Movistar, pensamos que o alcalde non pode ser cómplice desta situación erixíndose en portavoz da empresa; o alcalde ten que poñerse do lado dos veciños e veciñas”

A concelleira do BNG, Susana Camba, presentou hoxe en rolda de prensa unha moción para levar a fibra óptica a todo os núcleos do rural do noso concello. A concelleira explicou que “o acceso a internet é un dereito recoñecido como tal pola ONU, e polo tanto os dereitos teñen que chegar a todos os veciños e veciñas, non pode haber discriminacións polo lugar onde se viva”.


“Hai poucos días”, engadiu a concelleira nacionalista, “o alcalde, que se erixiu en portavoz da empresa Movistar, explicou que a fibra chegará ao 51% dos núcleos rurais, mais quedará fóra o 49% restante, unha cifra demasiado alta de veciños e veciñas que non terán acceso á fibra”. “Con esta moción”, explicou Susana Camba, “instamos ao goberno municipal a facer as xestións oportunas coa Xunta e o Goberno central para que a fibra chegue ao 100% do noso rural, non pode haber escusas, o espallamento da fibra non pode estar supeditado aos intereses comerciais dunha empresa”.

A concelleira do BNG explicou que “a COVID-19 deixou patente a fenda dixital existente entre os veciños e veciñas que viven no rural, fronte aos que viven na vila; non pode haber discriminacións, especialmente cando falamos da tele-educación, que moi probabelmente sexa recorrente nos vindeiros meses”. “Mais tampouco pode haber discriminacións entre as empresas, comercios, autónomos e autónomas que viven en traballan no rural”, engadiu, “se queremos un rural vivo e con futuro, o acceso a internet ten que ser do século XXI”.

“Por outra parte”, engadiu a concelleira nacionalista, “a fenda dixital por cuestións técnicas, tamén hai que engadir a fenda dixital por cuestións económicas, xa que non todo o mundo pode afrontar o custe do acceso a internet, especialmente no rural onde as diferenzas son notábeis por culpa do monopolio que ten Movistar no rural”.

“Neste sentido”, afirmou a concelleira do BNG, “na moción tamén hai un punto para que o goberno municipal faga un estudo das tarifas e prestacións do acceso a internet no rural, xa que desde o BNG si detectamos prácticas monopolísticas por parte de Movistar, que redundan nun prezo superior do acceso a internet ao non haber competencia entre as distintas operadoras”.

“O alcalde non pode ser cómplice destas prácticas facendo de portavoz de Movistar”, engade Susana Camba, “o goberno municipal ten que poñerse do lados dos veciños e veciñas, por iso consideramos importante que se faga este estudo por se hai que denunciar estas prácticas monopolíticas de Movistar á  Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia”.


 MOCIÓN

Hai máis de 20 anos que se popularizou o uso de internet, e hoxe está presente en todos os aspectos das nosas vidas, desde os ordenadores persoais, teléfonos até nas televisións, pero tamén na administración pública, empresas e comercios. Internet é imprescindíbel para o día a día de todos os veciños e veciñas, tanto para o ocio como para pedir unha cita médica no SERGAS ou presentar a declaración da renda, pasando polo envío dun proxecto comercial á outra punta do planeta. Internet é unha peza fundamental na competitividade das empresas. Mais, á marxe dos usos comerciais e lúdicos, internet é hoxe unha peza clave para a liberdade de expresión ao tempo que incrementa significativamente a capacidade das persoas para acceder e divulgar información.

Así, en 2011, a asemblea xeral das Nacións Unidas declarou o acceso a internet como un dereito humano, por ser unha ferramenta que favorece o crecemento, o progreso da sociedade e a liberdade de expresión.

Con todo, a pesar das evidentes luces que ten internet, tamén ten aparellados problemas evidentes como o prezo e os problemas de acceso por mor dun servizo que está en exclusiva en mans privadas, no que prima o beneficio empresarial por enriba do servizo público, o que está a provocar o que se coñece como fenda dixital, tanto por motivos económicos como polo despregue da infraestrutura necesaria para acceder a internet en igualdade de condicións.

Hai poucas semanas o alcalde da Estrada daba a coñecer a intención de diversas operadoras de telecomunicacións para despregar no rural a fibra óptica. Nas súas declaracións aos medios afirmaba que a finais de 2021 o despregue da fibra óptica chegaría ao 51% dos núcleos rurais, mais obvia dicir, que o 49% dos núcleos restantes terán que seguir agardando e o que é peor, os veciños e veciñas que non teña fibra óptica terán que sufrir os prezos abusivos de Movistar, por un servizo con peores prestacións, xa que ten o monopolio do acceso a internet no rural.

Esta empresa fai un uso abusivo da súa posición dominante no rural do noso concello, cuxa rede de telecomunicación se despregou (e se desprega) a base de subvencións das administracións públicas. A todo isto cómpre recordar que a empresa matriz de Movistar é Telefónica, unha empresa pública privatizada nos anos 90 do pasado século. Un dos argumentos dos defensores da privatización era o aumento da competencia e a baixada de prezos, porén no noso rural foi xusto o contrario, peor servizo (en núcleos como Vilancosta en Berres, aínda están coa “tecnoloxía” TRAC, inútil para conectarse a internet), e prezos abusivos por servizos con peores prestacións. A modo de exemplo, un veciño de Ramiráns (Santo André de Vea) pode conectarse a internet a través de fibra óptica por un prezo de 50 € mes, mentres que en Murxide (tamén na mesma parroquia), pagan 70 € ou máis por conectarse a internet a través de ADSL, cuxas prestacións técnicas e acceso a servizos nada ten a ver co fibra.

Esta estratexia empresarial de Movistar conculca a Lei 15/2007, de 3 de xullo, de Defensa de la Competencia (LDC), que no seu artigo 2 indica que “queda prohibida a explotación abusiva por unha ou varias empresas da súa posición de dominio en todo ou en parte do mercado nacional” (sic), engadindo no apartado A que o abuso poderá consistir na “imposición, de forma directa ou indirecta, de prezos ou outras condicións comerciais ou de servizos non equitativos”.  

A estratexia monopolística que practica Movistar no rural tamén impide que outras empresas de telecomunicacións ofrezan un servizo equivalente a prezos competitivos, o que incumpre o apartado D do artigo 2 da citada Lei 15/2007, deixando ás empresas competidoras nunha situación desventaxosa, e o que é peor, aos veciños e veciñas sen alternativa para acceder a internet que non pase por Movistar. Seguindo cos exemplos, a operadora Orange ofrece o servizo de conexión a internet a través de ADSL no rural, mais a unha velocidade máis reducida que a que ofrece Movistar.

O concello da Estrada non pode permanecer impasíbel, mentres determinadas operadoras estafan aos nosos veciños e veciñas do rural, cobrándolles prezos abusivos por un peor servizo. Por outra parte, o noso concello non pode aceptar que un dereito humano básico, como é o acceso a internet, se espalle polo rural en función dos intereses económicos dunha empresa que recibe subvencións públicas para tecer a súa rede. Os dereitos teñen que chegar a todos os veciños e veciñas por igual, independentemente dos intereses da empresa ou da demanda existente.

En outubro de 2015, o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentaba o “Plan de Banda Larga de Galicia 2020” para que “os galegos teñan acceso equitativo a redes ultrarrápidas de telecomunicacións”. O obxectivo deste plan é de que a “práctica totalidade da poboación galega (96%) e todos os polígonos e parques empresariais” dispoñan de banda ampla. Obvia dicir que estamos moi lonxe de acadar o obxectivo anunciado polo presidente da Xunta, ampliándose a fenda dixital entre os veciños e veciñas do rural a respecto dos que viven na vila.

A crise sanitaria e social provocada polo COVID19 puxo en evidencia o grave problema que supón a fenda dixital existente entre o rural e a vila para poder tele-traballar e a tele-educación. Se queremos asentar poboación no rural, os servizos teñen que chegar a todos os veciños e veciñas por igual, non pode haber discriminacións de ningún tipo. No rural da Estrada vive máis da metade da poboación do noso concello, onde hai  explotacións agrarias, empresas, comercios e autónomos e autónomas, que necesitan infraestruturas do século XXI para poder tele-traballar ou para a tele-educación. E necesítano xa.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG propón ao Pleno da corporación o seguinte acordo:

  1. Insta ao goberno municipal a facer un estudo da situación da rede telefónica do noso concello para detectar aqueles núcleos onde é imposíbel acceder a internet por cable.
  2. Insta ao goberno municipal da Estrada a facer as xestións oportunas diante da Xunta de Galiza e do Goberno central para o despregamento da fibra óptica en todo o territorio do noso concello en igualdade de condicións para todos os veciños e veciñas.
  3. O goberno municipal elaborará un informe das tarifas e prestacións do acceso a internet no rural da Estrada para detectar posíbeis prácticas monopolísticas por parte das operadoras. Este informe remitirase a todos os partidos políticos con representación no pleno do concello, así como a comisión correspondente, que analizará se procede presentar unha denuncia perante a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia.
 
Publicado en Portada | Deja un comentario

Requián adaptase a normativa cov-19 neste ano tan dificil

O mércores 19 deu comezo a Novena á Virxe dos Milagres de Requián que continuará ata o día 27 con dúas misas, pola mañá ás 8:30 e pola tarde ás 20:00 horas.
Este ano conticionados pola normativa sanitaria as misas celebranse nunha carpa no exterior do templo.
Como en calquer lugar público é obrigatorio o uso de mascarilla e manter as distancias de seguridade, respetando as indicacións de entrada e saída na carpa e no Santuario se se desexa visitar a imaxe da Virxe. A entrada da carpa está situada na parte traseira da capela e a saída a altura da porta grande do templo, lugar polo que se pode acceder ao mesmo saindo posteriormente pola porta lateral.
Dende a tarde de onte podense adquirir rosquillas e churros e a partir deste venres haberá polbo a cargo da polbería Porta no que resta de Novena.
O venres 28 celebrase a Festa na honra a Virxe dos Milagres con misas durante toda a mañá a partir das 8:00, celebrando a misa solemne ás 13:00 horas. Pola tarde haberá misas ás 18:00, 19:00 e 20:00 horas. Todas as misas terán lugar na carpa anexa.
O sábado 29 ás 12:30 terá lugar a misa solemne na honra a Virxe da Piedade.
Durante o resto do ano hai misa os domingos ás 20:00 có horario de verán  e ás 18:00 no horario de inverno.

Publicado en Portada | Deja un comentario

LÓPEZ BUENO INSTA AO CONCELLO A RECLAMARLLE Á XUNTA UNHA NOVA CONEXIÓN ENTRE A N-640 E AG-53

Luis López Bueno pídelle ao Goberno municipal que inicie un
diálogo coa Xunta de Galicia para conseguir unha remodelación do enlace á
AG-53 dende a N-640 á altura da Rocha.
O voceiro socialista considera que a conexión actual é “especialmente
perigosa” para camións con semirremolque e autobuses. Cre que o forte
desnivel que existe entre a carretera nacional e a carretera de Orazo fai que
“os camioneiros non utilicen ese enlace” obrigando ao tráfico pesado a
continuar ruta ata o enlace de Silleda “aumentando a duración da viaxe e
incrementando os custos de operación dos transportistas”.
López Bueno ve posibilidades de conseguir a remodelación pero recorda que
“esta actuación depende da Xunta de Galicia e do Ministerio de Transportes,
Mobilidade e Axenda Urbana”. Considera prioritario conseguir o apoio da
administración autonómica para iniciar o procedemento, porque “se a Xunta
non compromete recursos, non será posible ningunha actuación”.
Para o líder socialista esta actuación “é unha débeda coa Estrada” e critica a
“pasividade” do goberno local durante os últimos anos, aínda que o PSOE xa
leva tempo reclamándoa. Ademais recorda que “o propio López Campos
recoñeceu en prensa que o acceso actual é unha chapuza, pero en 10 anos
non se preocupou de resolver a situación”.
Esgrime que “Dozón pronto terá un novo acceso á mesma autopista” e
defende que o enlace da Rocha podería ser estratéxico para A Estrada,
asegurando que “se estivera en condicións, favorecería a competitividade
das industrias da comarca” aliviando “custos de loxística”.
Cre que o novo enlace facilitaría a conexión da Estrada co resto do Estado
xa que “existiría unha entrada cómoda na AG-53 a poucos quilómetros da
vila” e “nun lugar de paso”. Ademais, ve unha medida que pularía polas
empresas locais e favorecería o establecemento de novas industrias que
“xeren emprego e riqueza”.
Por isto López Bueno cre “fundamental” a determinación do Goberno local
para que a Xunta mova ficha, e ofrece o seu apoio para “iniciar as
negociacións”. Garante ademais que o Ministerio “verá con bos ollos” a
actuación sempre que a Xunta ofreza “un reparto de compromisos xusto”.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O Mercado de verán abrirá mañá con todas as precaucións Covid en A Estrada

Na Estrada inagurarase mañá, o seu primeiro Mercado de Verán organizado pola súa Asociación de Comerciantes en colaboración co Concello.

A súa ubicación sera diante do Concello alí se colocarán os postos de venta, o Venres abrirá as 22.00 horas e logo o Sábado e Domingo o seú horario será de 10.00 a 15.00 e de 17.00 a 22.00.

Según explica o seu presidente Alfredo, extremaronse tódalas medidas de seguridade anti cov-19.

A feria contará tamén cunha ruta de espectáculos, co pasarrúas da Banda Municipal Estradense e o Sábado a partir das 19.00 h os nenos desfrutarán co espéctaculo infantil Barafunda, de pompas de xabón.

Neste Mercado citanse moda, sidra, coches de ocasión.

 

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

Adaptación o protocolo do Covi-19 nas garderías Estradenses

Na tarde de hoxe as directoras das tres garderías Estradenses, Vanesa Maria Baños Constenla, María Luisa Moimenta Gómez, Rosa María Montero Vecino manteñen unha reunión ca coordinadora covid do Centro de Saúde para infantil e primaria Eva María García García.

Califican  a reunión de «satisfactoria e productiva», por parte das participantes.

Os tres centros educativos , A Galiña Azul, Elfos, e a Escola Infantil Municipal veñen de facer unha adaptación do protocolo covid-19 nos seus espazos.

Na mesma acordase unha reunión informativa cas familias nos primeiros días de Setembro.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

Aguións vistese de gala neste 2020 tan incerto

Aguións vistese de gala para festexar a súa festa, con pasarruas co grupo de gaitas Regatos, misa cantada as 13:30 polo coro parroquial de Aguións e a continuación a sesión vermut cos Regatos.


As 20:00h  en concerto os Lostregos e Marieta e a continuación Concerto da Banda de Música Municipal da Estrada e para rematar a Charanga Os Xirimbaos.

Acompañando os actos cun protocolo exigido pola normativa do covid, e contaron coa axuda de proteccion civil da Estrada para poder levar a cabo toda a normativa como o tema de dispoñer de entrada e salida o recinto do campo da festa, uso de gel, mascarillas etc

Colocaron sillas para as actuacións para que así fose máis fácil manter as distancias de seguridade.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Sabucedo reúne a 70 bestas das Lamas e A Conla para a desparasitación, rapa e marcado noutra xornada de coidado

 

A Asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo
celebrou onte, durante todo o día, a segunda xornada de coidado das bestas no monte, unha medida coa que se pretenden suplir as tarefas que se fan durante a festa de comezos de xullo –cancelada este ano por seguridade sanitaria– e coa que se pretende garantir o seu benestar.
Así, e tras 12 horas consecutivas de traballo nunha xornada que comezou ao amencer en torno ás 7.30, un cento de persoas, principalmente veciños de Sabucedo e estreitos colaboradores de aldeas próximas, estivo a percorrer as zonas das Lamas, A Conla e o pé do Cávado e conseguíu reunir a 70 bestas das mandas que habitan nestes espazos.
Tras esta labor, que incluíu a captura de garañóns como Jano, Solitario e Tempranillo, as eguas foron trasladadas ata o antigo peche das Lamas, onde se procedeu ao marcado con microchip dunha decena de poldras deste ano con persoal veterinario, á desparasitación interna de toda a cabana, algunhas rapas de crinas nas bestas que máis o precisaban e ao control e cambio de cabalos quincenos co obxectivo de favorecer un mellor desenvolvemento das mandas.
A xornada foi algo menos extensa ca do domingo anterior pero repetíuse o formato de comida campestre, que cumpríu escrupulosamente cos protocolos sanitarios, para tentar aproveitar o día e todas as horas de sol a pesares da intermitente néboa e a poalla.


A intención da Rapa das Bestas e da veciñanza de Sabucedo é continuar con estas mesmas tarefas ao longo das vindeiras semanas noutros montes da contorna, en base á dispoñibilidade da xente, para extender estas medidas de benestar e coidado ás mandas que aínda non se beneficiaron destas accións, xa que polo momento tratouse a unhas 150 eguas da cabana do Santo.

Publicado en Portada | Deja un comentario