O NOVO MERCADO ACOLLERÁ O 14 DE FEBREIRO UNHA EXPERIENCIAGASTRONÓMICA DE AGACAL PARA NENOS DE ENTRE 6 E 12 ANOS

 A proposta inclúe o obradoiro infantil “Chef por un día”, á que seguirá
un ‘show cooking’ para o público en xeral.
 Será o sábado 14 de febreiro. Os rapaces terán que apuntarse, xa que o
número de prazas está limitado a 10.
 A Sidra Rabiosa terá especial protagonismo, unha inclusión que
permitirá falar de tradición, innovación e cultura sidreira

O Novo Mercado da Estrada acollerá o vindeiro
sábado 14 de febreiro unha experiencia gastronómica dirixida nenos de entre 6 e 12
anos. Trátase dunha proposta da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) que
leva por título “Chef por un día”, un programa que combina un obradoiro infantil e un
posterior showcooking da man dun cociñeiro local. O obxectivo último é contribuír á
dinamización da Praza de Abastos, achegar o produto galego de calidade á cidadanía e
configurar unha experiencia gastronómica participativa, educativa e atractiva.
Esta iniciativa forma parte do programa experienciadecalidade.gal e, ademais de poñer
en valor o produto galego certificado, conecta produtores, profesionais da cociña e
cidadanía, reforzando a identidade alimentaria e o consumo responsable.
O edil de Promoción Económica, Óscar Durán, precisou que Agacal pensou no Novo
Mercado da Estrada como espazo de encontro co comercio de proximidade e identidade
gastronómica local.
Dirixido a nenos e nenas, este obradoiro permite unha primeira toma de contacto coa
cociña e cos produtos integrados no programa experienciadecalidade.gal, dun xeito
lúdico, seguro e participativo.
Despois da acollida e presentación da actividade, buscarase chegar a un coñecemento
dos ingredientes que se empregarán e da súa orixe. Os rapaces percorrerán a praza e,
seguidamente, farán unha elaboración sinxela, adaptada á súa idade, con degustación
final.

Tras o obradoiro infantil realizarase un show cooking aberto ao público, no que un chef
local elaborará unha proposta gastronómica empregando produto integrado en
experienciadecalidade.gal, con especial protagonismo da Sidra Rabiosa, explicando o
proceso e poñendo en valor o produto e o talento culinario local.
Dende Agacal ponse o acento en que Sidra Rabiosa é “un produto galego cunha
identidade moderna, elaborado a partir de mazá e vencellado ao territorio”. “A súa
inclusión nesta experiencia permite falar de tradición, innovación e cultura sidreira”,
engaden.
Cómpre sinalar que, o vindeiro 14 de febreiro, a actividade será coordinada por persoal
con experiencia en educación gastronómica e obradoiros infantís, en colaboración cun
chef local participante no programa experienciadecalidade.gal.
A proposta “Chef por un día” ten prazas limitadas, estando aberta a 10 asistentes. Os
interesados teñen que anotarse na Alcaldía do Concello da Estrada (segundo andar do
consistorio) ou ben chamando a este mesmo departamento a través do 986 570 030
(extensión 6).
No tocante aos horarios, a parte infantil desenvolverase de 10.00 a 12.30 horas,
comezando o show cooking ás 13.00.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A ESTRADA E RIANXO CAMIÑAN CARA UN PROCESO DE IRMANAMENTOENTRE DOUS MUNICIPIOS UNIDOS POR VIRXINIA PEREIRA E CASTELAO

 O anuncio faise en Rianxo, nos actos que conmemoran o nacemento de
Castelao e nos que se profundou na figura da súa dona estradense.
 Os dous concellos terán agora que oficializar o arranque do expediente
co correspondente acordo plenario.
 “Esta irmandade entre os dous concellos será o marco no que seguir
divulgando e preservando a historia de Castelao e Virxinia, que é, ao
cabo, a de todos os galegos e galegas”, sinala Gonzalo Louzao.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono,
desprazouse este mediodía ata Rianxo para asistir aos actos que este concello coruñés
organiza para conmemorar o nacemento de Castelao, contribuíndo a lembrar e divulgar
o seu legado cultural e político. A incorporación do rexedor estradense na ofrenda floral
e na presentación dun cadro doado á Fundación Castelao polo artista Fernando Yáñez
tivo un marcado carácter simbólico. Foi no Pazo de Martelo onde se anunciou a
intención de dar pasos para oficializar un irmanamento entre estes dous municipios, que
teñen como nexo común a unión do rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e da
estradense Virxinia Pereira Renda.
Os alcalde estradense e o rexedor de Rianxo, Julián Bustelo, xa mantiveran meses atrás
un encontro para programar conxuntamente iniciativas culturais. “Somos dous concellos
unidos por esta parella”, apuntou Louzao, que trasladou entón a intención dos gobernos da
Estrada e Rianxo de buscar iniciativas nas que se celebre unha figura tan emblemática como
é a de Castelao, pero unindo as súas orixes de Rianxo co forte vínculo que tivo o
emblemático autor e galeguista coa Estrada, a raíz do seu casamento con Virxinia Pereira.
Durante o seu discurso, e perante a presenza do presidente da Fundación Castelao, Miguel
Anxo Seixas, do secretario xeral da Lingua, Valentín García, o subdelegado do Goberno na
Coruña e un representante da Deputación coruñesa, o alcalde de Rianxo chamou pola da
Estrada e, xuntos, anunciaron a intención de que os seus respectivos concellos emprendan
este proceso. O pano de fondo do anuncio foi un cartel no que, de xeito intencionado, a
rostro de Virxinia Pereira destacaba sobre o de Castelao, en primeiro plano.

“Estes dous municipios, un de interior e da provincia de Pontevedra, outro de costa e na
da Coruña, danse hoxe a man como irmáns, unidos pola que foi unha parella
transcendental para a historia de Galicia e para a galeguidade”, dixo o mandatario
estradense, asumindo que a este simbólico paso terán agora que dar continuidade os
correspondentes acordos plenarios nos dous municipios e o trámite administrativo e
oficial que comportan este tipo de expedientes de irmandade.
Tras sinalar que os actos celebrados este mes en Rianxo dan continuidade neste 2026 ao
Ano Castelao que se conmemorou en Galicia enteira ao longo de 2025, Gonzalo Louzao
puxo o acento en que “na Estrada, este universo Castelao terá tamén moita presenza e
continuidade no 2026 a través do Ano Cultural Virxinia Pereira, a estradense que o
insigne galeguista escolleu como compañeira de vida, de alegrías, sufrimentos e tamén
do profundo amor por Galicia e pola nosa lingua”.
De seguido, o alcalde estradense afondou na figura de Virxinia Pereira. “Non foi só a
dona de Castelao; non foi só a súa abnegada compañeira. Sen ela, o legado artístico de
Castelao non estaría hoxe a disposición do pobo galego”, dixo. “Virxinia non ten obra de
seu, pero ten un inmenso valor”. “Na Estrada estamos convencidos de que non temos
que pensar que a grandeza de Virxinia estivese detrás da de Castelao, porque ela estaba
ao seu carón. Virxinia estaba á par de Castelao sempre. Foi a súa compañeira de vida e de
loita, sendo fiel ao seu compromiso e ideais, tamén cando el xa non estaba”, apuntou.
Un forte vínculo
Louzao Dono lembrou aos presentes o forte vínculo que Castelao tiña coa Estrada.
“Mocearon e casaron na Estrada, onde paisaxes e patrimonio deixaron pegada na obra
do autor. Tamén na Estrada, no cemiterio de Figueiroa, descansan Virxinia e Xesús, o
único fillo do matrimonio. No marco deste Ano Cultural a nosa idea é que unha escultura
lembre a esta familia nun lugar que leva un nome que non podía ser máis axeitado para
eles: Praza de Galicia”, trasladou.
“Non hai moito tempo lin completa a carta que Castelao dedicou aos estradenses dende
o exilio, e teño que dicir que me emociona profundamente, como estradense e como
alcalde”, confesou o mandatario. “Nela latexa o amor que tiña pola terra da súa Virxinia,
que me atrevería a dicir que tamén chegou a sentir como propia”, apuntou.
Gonzalo Louzao considerou “tan simbólico como fundamental” que A Estrada e Rianxo
estreiten lazos, unindo estes municipios como fixeron na súa vida Castelao e Virxinia.
“Esta irmandade entre concellos será o marco no que seguir divulgando e preservando a
súa historia que é, ao cabo, a de todos os galegos e galegas”, concluíu.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O CONCELLO PECHA O 31 DE XANEIRO A RECEPCIÓN DE ORIXINAISPARA OS PREMIOS DE NOVELA, POESÍA E ÁLBUM ILUSTRADO

Os certames literarios Manuel García Barros, Avelina Valladares e
Alberte Quiñoi condensan conxuntamente unha dotación económica de
15.000 euros.

A concelleira de Cultura, Lucía Seoane, lembrou hoxe
que este departamento pechará, o sábado 31 de xaneiro, o prazo de recepción de
orixinais para tres dos premios literarios que convoca: o Manuel García Barros de novela;
o Avelina Valladares de poesía e o Premio Alberte Quiño de Álbum Ilustrado. Os
interesados teñen as bases á súa disposición na páxina web do Concello da Estrada.
Estes galardóns condensan conxuntamente unha dotación económica de 15.000 euros.
As tres convocatorias teñen como denominador común o feito de que, co impulso a
estes certames, o Concello da Estrada amosa a súa sensibilidade co proceso cultural de
Galicia, entendendo que un dos bens máis prezados da comunidade é o da creación
literaria, un aspecto de salientable significación no marco da Lingua e da Cultura, que
redunda non amplo desenvolvemento da propia identidade.
O premio Manuel García Barros chega a súa 38ª edición e a súa dotación económica é de
9.000 euros. O Premio de Poesía Avelina Valladares celebra neste 2026 tres décadas de
historia. Os orixinais terán tema e forma libres, se ben os textos deberán contar cun
mínimo de 300 versos e cun máximo de 800. Neste caso a dotación económica é de
2.000 euros.
Finalmente, o Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi celebra este ano a súa sexta
edición. Concibe o álbum infantil como o conxunto de texto e ilustración. Establécese un
mínimo de oito páxinas rematadas. Poderán concorrer ao premio tanto unha soa persoa
autora da parte textual e da gráfica coma dúas ou máis persoas coautoras da parte
textual e/ou gráfica. A súa dotación económica é de 4.000 euros.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O GOBERNO LEVA O VENRES A COMISIÓN DE FACENDA OSORZAMENTOS DE 2026, QUE ACADAN OS 19,4 MILLÓNS DE EUROS

 Blanco Carracedo sinala que o traballo político nestas contas está
rematado dende setembro, pero que se adiou a presentación a
consecuencia dos últimos cambios de persoal que afectaron ao
departamento de Intervención.
 A cifra inicial do orzamento supón un incremento do 10% con respecto a
2025.
 As contas municipais preséntanse esta noite ao pleno do Consello
Económico e Social e á Mesa Local de Comercio.

O concelleiro estradense de Economía e Facenda,
Alberto Blanco, confirmou hoxe que será o venres (20.00 horas), no marco dunha
comisión informativa de Facenda e Especial de Contas, cando goberno e oposición
municipal se senten a debater sobre o proxecto de orzamentos para o presente exercicio
económico.
Blanco indicou que os concelleiros que forman parte desta comisión dispoñen dende o
pasado venres da información detallada sobre as contas municipais que o executivo
configurou para 2026, se ben será no marco deste encontro no que o goberno explicará
as liñas fundamentais e a filosofía desta proposta de orzamentos. Esta será presentada
esta noite ao pleno do Consello Económico e Social e á Mesa Local de Comercio e tamén,
o propio venres (12.00 horas) á Mesa de Negociación.
“Con respecto ao proxecto, no que é a súa parte política, este grupo de goberno tiña no
mes de setembro os números preparados, pero diversas circunstancias impediron que
se puidese convocar a comisión ata este momento”, explicou o edil estradense de
Facenda. “Estas circunstancias foron o cese, tras o cumprimento do prazo máximo
establecido para interinos, da anterior interventora, o que nos obrigou a tomar medidas
de urxencia. Tivemos que acudir a un interventor acumulado, ao que lle agradecemos
todo o traballo que fixo, pero sen ter a posibilidade de sacar realmente adiante os
informes deste orzamento”, continuou. “Temos agora unha interventora que fixo o
paquete documentario que conleva un orzamento municipal e por fin podemos traer
estes orzamentos á súa presentación”, engadiu.

Blanco Carracedo detallou que o venres irán a comisión uns orzamentos cunha cifra
inicial de 19.456.000 euros, que supoñen un incremento do 10% con respecto ao ano
2025. “É un orzamento que, como non pode ser doutra forma, tenta cubrir todas as
necesidades ordinarias e todos os servizos públicos básicos, incrementado partidas
importantes, tanto nos servizos públicos de propia competencia como os que
impropios”, sinalou.
Servizos básicos
A prestación e mantemento dos servizos públicos básicos requiren para o Concello da
Estrada un gasto de 6.676.078 euros. Deste montante, preto de dous millóns de euros
(máis de 1.853.000 euros) están destinados a seguridade e orde pública, tanto a través
do servizo da Policía Local (963.322), como do de Protección Civil (385.535) e o de
prevención e extinción de incendios (504.158).
O detalle dos orzamentos recolle tamén partidas que fan falta para cubrir a prestación
de servizos tan básicos como o abastecemento domiciliario de auga potable (384.036
euros); a recollida de residuos (899.132) ou o tratamento destes últimos (outros 600.000
euros). Para iluminación pública resérvanse 1.064.426 euros en 2026.
Gasto social
Outra parte importante do orzamento vai dirixida ás actuacións de protección e
promoción social ou, o que ben sendo o mesmo, aos programas de Servizos Sociais. Este
gasto volve medrar este ano, situándose xa en 4.280.044 euros. Nesta liña, o concelleiro
de Economía e Facenda sinalou o incremento que volve experimentar a partida
destinada ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que superará os 1,7 millóns de euros,
fronte aos 400.000 que tiña no ano 2011.
As contas municipais para 2026 reservan tamén distintos capítulos de gasto en bens
públicos de carácter preferente, cun total de 3.307.103 euros. Así, en materia de
Educación figuran 1.347.371 euros en conxunto para o funcionamento de centros
docentes de educación Infantil, Primaria e Secundaria, así como para entidades
formativas como Conservatorio e a Escola de Música.
Investimento real
Os investimentos reais que programa acometer o executivo estradense tamén se ven
sensiblemente incrementados. As contas recollen máis dun millón de euros neste
capítulo
Aclarou Alberto Blanco que os fondos europeos, en base ao consello do departamento
de Intervención, non se incorporarán ao orzamento.

“É un orzamento que se axusta á realidade municipal: ver cales son as necesidades do
Concello da Estrada e ver como se cobren, e todo ilo mantendo o equilibrio
orzamentario que establece a normativa”, concluíu o concelleiro.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O CONCELLO MANTERÁ O SISTEMA DE VALES PARA A PRESTACIÓNMUNICIPAL DE ALIMENTOS, QUE CHEGA ARESTORA A 20 USUARIOS

 Servizos Sociais leva seis meses probando esta nova fórmula, que confire
maior liberdade e capacidade de administración aos beneficiarios.
 O Concello da Estrada entrega cada mes vales por 10, 20 e 50 euros a
cada unidade familiar, sumando diferentes importes segundo as súas
circunstancias.
 Estes cupóns nominativos poden ser cambiados por alimentos, produtos
de hixiene ou bazar no supermercado Froiz. A única prohibición son as
bebidas alcohólicas.
 A administración realiza un traballo de seguimento e control, a través da
entrega dos resgardos de compra.
 “O resultado é moi bo. Estamos contentos destes seis meses. Penso que se
respecta moito máis a intimidade dos usuarios, que van mercar o que
precisan e cando o necesitan”, apunta Amalia Goldar.

En xuño de 2025 o Concello da Estrada, a través do
seu departamento de Servizos Sociais, fixo a última entrega de alimentos no marco do
programa que vén prestando dende o ano 2012 a familias sen recursos económicos ou
que atravesan unha situación de emerxencia. Dende o mes de xullo, a concellería que
dirixe Amalia Goldar cambiou este sistema de distribución pola entrega de vales de
diferentes importes que poden ser cambiados nun establecemento local. Transcorridos
seis meses desta experiencia, o balance é completamente positivo e a experiencia terá
continuidade. A administración municipal está axudando actualmente a través desta
programa a unha vintena de usuarios.
“Está funcionando moi ben, tanto para os usuarios como para a xestión administrativa”,
recoñeceu Amalia Goldar. Sinalou a concelleira que para probar este sistema se creou no
departamento de Servizos Sociais unha instrución interna que seguen os traballadores e
que regula completamente a prestación. “Temos un acordo co Supermercado Froiz, que
era o único que nos ofrecía este sistema, e os usuarios acoden co vale e mercan

exactamente o que precisan. Menos alcohol, está permitido comprar calquera tipo de
produtos, tanto de alimentación como de hixiene ou bazar”, detallou.
Os vales son nominativos e son entregados unha vez ao mes. A cantidade que recibe
cada unidade familiar varía en función das propias características da familia, valorando
cuestións como se hai menores, se hai persoas con discapacidade ou se existe algún tipo
de enfermidade, entre outros factores.
Maior intimidade
“O resultado é moi bo. Estamos contentos destes seis meses. Penso que se respecta
moito máis a intimidade dos usuarios, que van mercar o que precisan e cando o
necesitan”, apuntou Amalia Goldar. Indicou que estes vales dan maior independencia ás
familias beneficiarias e tamén lles permiten xestionar o seus gastos e axustalos ás súas
necesidades reais.
A concelleira de Servizos Sociais apuntou que, igual que se entregan os vales unha vez ao
mes, dende o Concello se realiza un labor de seguimento e control. De feito, os usuarios
fan entrega dos resgardos das compras realizadas o mes anterior. “Temos que dicir que
a data de hoxe non houbo ningún problema. A xente trae o seus resgardos, nós podemos
aconsellar algo puntual pero eles teñen esa independencia de ir ao supermercado como
calquera e administrarse”, engadiu.
Os vales, que se están entregando a sete unidades familiares, que representan 20
persoas beneficiarias, teñen importes variados de 10, 20 e 50 euros. Cómpre sinalar que
cada un deles tense que cambiar pola cantidade íntegra.
Seis meses
“Non é un recurso ilimitado”, apuntou a titular de Servizos Sociais. A duración desta
prestación municipal de alimentos, destinada a usuarios sen ingresos, ten un período
máximo se seis meses. Acadado este prazo, o Concello fai unha revisión da situación
familiar, podendo prorrogarse esta axuda. “En canto hai ingresos ou chega un traballo,
isto vaise suprimindo”, precisou a concelleira. Apuntou que os usuarios están
renunciando motu propio a esta axuda cando comezan a percibir algún ingreso
económico.
Ademais, de maneira excepcional, puntual e sempre baixo criterio técnico, poderase
acceder a esta axuda como medio para sufragar unha situación de emerxencia. Para
estes casos, Servizos Sociais do Concello da Estrada dispón de vales ao portador por 10
euros, que se entregan no número que se estime oportuno tras o estudo de cada
situación concreta.
NOTA DE PRENSA
CONCELLO DA ESTRADA
GABINETE DE COMUNICACIÓN comunicacion@aestrada.gal
Ana Cela Neira 669 645 345
Co novo funcionamento do servizo xa establecido, a intención do Concello é incorporar o
seu funcionamento ao novo Regulamento de Emerxencia Social que se pretende
aprobar ao longo deste 2026.

Publicado en Portada | Deja un comentario

SAN TOMÉ DE ANCORADOS ESTREARÁ O VENRES O SEU RETABLO,UNHA PEZA DA AUTORÍA DE LUIS PARCERO QUE SE REMONTA AO 1750

 A iniciativa veciñal fixo confluír nestas obras a colaboración da
Consellería de Cultura, o Concello da Estrada e a Arquidiocese de
Santiago de Compostela.
 As obras, que superaron os 50.000 euros, foron executadas pola firma
Artegal Restauraciones.
 O acto de inauguración consistirá nunha misa cantada, ás 19.00 horas
do venres e coa presenza do arcebispo, o conselleiro e o alcalde, entre
outros.

Os veciños da parroquia estradense de San Tomé de
Ancorados poderán asistir este venres, 30 de xaneiro, á estrea das obras de restauración
do retablo maior da súa igrexa parroquial, unha peza que vén de seren recuperada en
virtude do convenio acadado entre o Concello da Estrada, a Consellería de Cultura e a
Arquidiocese de Santiago de Compostela.
O templo acollerá o venres unha misa cantada ás 19.00 horas, á que está prevista a
asistencia do arcebispo de Santiago,Francisco José Prieto Fernández, do conselleiro de
Cultura, José López Campos, e do alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono,entre outros.
As obras de restauración deste retablo comezaron o pasado mes de agosto e foron
desenvolvidas pola firma Artegal Restauraciones, cun orzamento que se situou por
encima dos 50.000 euros e que foi asumido principalmente pola Xunta de Galicia, cunha
achega por parte do Concello.
O alcalde de barrio de San Tomé de Ancorados, José Manuel Nogueira, explicou hoxe
que foi a comisión de festas a encargada de recoller, anos atrás, o sentir veciñal e de
promover a busca de apoios para poder afrontar a restauración desta importante peza
do patrimonio artístico estradense, que se atopaba nun estado de deterioro moi grave.
O retablo de San Tomé é de estilo Barroco e foi realizado arredor do ano 1750 polo
compostelán Luis Parcero, un escultor moi apreciado no seu tempo, que colaborou en
retablos tan famosos como o de San Martín Pinario de Santiago e que no municipio
estradense deixou pegada noutras igrexas, caso da de Berres. Esta obra está

documentada e referenciada por varias fontes e resulta especialmente singular por
presentar moito detalle nas súas decoracións.
O retablo está elaborado en madeira de castaño policromada e dourada. Como queda
avanzado, é unha peza de gran calidade estética, chea de motivos decorativos vexetais
realizados en dourado tradicional, que seguen a máxima barroca de non deixar espazos
baleiros de decoración. A talla é minuciosa e de calidade.
Térmite
Porén, o que topou o equipo de restauración foi un retablo en moi mal estado de
conservación, con perda de elementos decorativos e un ataque grave de térmite.
Ademais, partes da estrutura da peza estaban caídas, caso do lateral esquerdo do ático.
A responsable do equipo de restauración, Carlota López, resumiu hoxe que os traballos
realizados supuxeron unha recuperación completa do retablo, cunha limpeza das
policromías e a fixación de toda a estrutura, na que moitos elementos presentaban un
escamado da pintura e dos dourados. Quixo aclarar neste senso que o que poderán ver
agora os veciños é a recuperación da repolicromía que se efectuou sobre esta peza a
comezos do século XX, xa que a intervención evidenciou que da última capa orixinal non
quedaba practicamente rastro algún.
No tocante á caída de parte da estrutura, esta experta detallou que se fixo toda a
estrutura nova, en madeira de castaño, e que se empregaron resinas para facer volumes,
imitando os orixinais.
De igual xeito, nas obras de restauración, que se completaron no mes de decembro,
incluíuse a restauración de tres tallas orixinais: San Tomé, San José e San Roque.
A maiores, o pedáneo informou da intención de solicitar a colaboración dos veciños para
facer fronte á restauración doutras catro tallas que hai nesta igrexa parroquial, ao
obxecto de completar a restauración desta valiosa mostra do patrimonio artístico
relixioso no rural da Estrada.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O DESFILE TRADICIONAL DO MARTES DE ENTROIDO BATERÁ RÉCORDDE PARTICIPACIÓN NA ESTRADA, CON 19 COMPARSAS XA INSCRITAS

 A alerta meteorolóxica adiou a reunión prevista para o 2 de febreiro, un
encontro no que se perfilarán xa os últimos detalles deste percorrido.
 O consistorio acolle unha reunión para o plan de seguridade que
acompañará a toda a programación estradense do Entroido.

O consistorio estradense acolleu a primeira hora
desta mañá unha reunión para continuar avanzando na organización de todas as
actividades que acompañarán á programación de Entroido deseñada polo Concello da
Estrada. O encontro desta mañá estivo centrado no plan de seguridade que respaldará
estas propostas, de xeito que a convocatoria foi secundada por representantes de
Emerxencias A Estrada, Policía Local, servizo de Obras, técnicos municipais e os
concelleiros de Cultura e Servizos Municipais, Lucía Seoane e Óscar Durán,
respectivamente.
A sesión desenvolveuse segundo o previsto, analizando pormenores de cada unha das
actividades. Ao remate da mesma, a concelleira de Cultura lembrou que a reunión
prevista para noite deste luns, cos representantes de distintos colectivos interesados en
participar no desfile tradicional do Martes de Entroido foi adiada a consecuencia da
alerta meteorolóxica por fortes choivas. Deste xeito, trasladouse para o vindeiro luns, 2
de febreiro, ás 20.30 horas. Celebrarase no salón de plenos e estará orientada a pechar
os últimos detalles da xornada na que a vertente máis tradicional do Entroido desfilará
polas rúas da capital estradense.
Neste contexto, Seoane confirmou hoxe que a asistencia ás actividades do Martes de
Entroido na Estrada baterá este ano todo un récord de participación. Arestora están
anotadas 19 entidades, que terán que achegar un mínimo de 10 participantes e asistir
con carroza e ambientación.
Máis polo miúdo, o Concello ten constancia da pretensión de que desfilen o martes 17
de febreiro, festivo local na Estrada, veciños de Couso, San Miguel de Castro, Fernando
Conde, Callobre, Riobó, Matalobos, Santeles, Ribela, Arnois, San Xurxo de Vea, Santo
André de Vea, Santa Cristina de Vea (esta parroquia tamén aportará este ano os seus

Xenerais) e as ANPAs de Figueiroa, Vea, O Foxo, Codeseda e Oca, xunto cos grupos de
Strandanza e Priscilla Zumba.
Na reunión de seguridade de hoxe detallouse o percorrido do desfile do Martes de
Entroido. A saída das comparsas será da Rúa Antón Losada Diéguez, continuando por
Avenida de Santiago, Avenida de América, Praza de Galicia, Calvo Sotelo, Irmáns José e
Severino Trigo e Praza da Feira. A entrada dos cabalos dos Xenerais farase pola Travesía
da Feira.
Ao longo do percorrido haberá tres paradas para que os Xenerais da Ulla poida botar os
seus “Vivas”, á altura da Praza do Mercado e outras dúas no percorrido pola zona peonil
(concretamente en Calvo Sotelo).

Publicado en Portada | Deja un comentario