O CONCELLO DA ESTRADA ENDURECE O CONTROL NAS SACAS DEMADEIRA PARA GARANTIR A PROTECCIÓN DAS PISTAS MUNICIPAIS.

 Ante os reiterados danos nas pistas, incidirá de maneira estrita na
aplicación da ordenanza municipal vixente.
 As cortas e abastecementos de árbores teñen que ter unha comunicación
previa ao Concello e unha autorización para o transporte de madeira,
ambos trámites obrigatorios pero gratuítos.
 As empresas que non aporten, no momento da comunicación previa, o
seguro de responsabilidade civil, terán que depositar unha fianza en
metálico ou aval bancario en favor do Concello, que varía en función do
volume de corta.
 A Policía Local realizará labor de inspección e aplicarase, cando sexa
pertinente, o réxime sancionador.

O Concello da Estrada reforzará o control dos traballos
de corta e sacas de madeira e non tolerará novos danos nas vías públicas, aplicando de
maneira estrita a ordenanza municipal xa vixente. A decisión chega tras os reiterados
danos rexistrados en pistas municipais como consecuencia deste tipo de actividades.
Para realizar calquera destas accións, a administración municipal será taxativa na
esixencia de que que as empresas madeireiras realicen unha comunicación previa,
ademais de presentar o seguro correspondente ou un aval bancario en favor do
Concello, ao obxecto de responder dos posibles danos.
Non é a primeira vez que dende o goberno local se move ficha neste senso. En abril de
2025 o Concello da Estrada lanzou un aviso ante a presenza de camiños estragados por
vehículos pesados que retiraban madeira nos montes do municipio, chegando a deixar
impracticables algunhas pistas. Un dos exemplos máis evidentes rexistrouse na
parroquia de Frades, onde o estado no que se deixou un camiño imposibilitou o paso dos
equipos de extinción ante un incendio forestal.
O concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán, recoñeceu hoxe que a situación está
lonxe de teren mellorado. Asegurou que se está detectando “constantemente” o

estrago de camiños durante a actividade de corta ou retirada de madeira, unha situación
que levará á taxativa aplicación da normativa municipal vixente.
Durán sinalou que a intención é ir “máis aló” do que xa se vén aplicando ata o de agora.
Sinalou que os permisos precisos, que de seguido se detallarán, “xa eran unha esixencia
de sempre”.
Comunicación previa e permiso de transporte
Deste xeito, a ordenanza contempla que as cortas e os abastecementos de árbores que
constitúan masa arbórea, espazo boscoso, arboredo ou parque, calquera que fose a
clasificación urbanística do solo, estarán suxeitas ao réxime de comunicación previa
neste Concello. Aínda que este trámite non comporta un desembolso económico, é
completamente obrigatorio que as empresas madeireiras comuniquen ao Concello
calquera actividade nestes espazos.
Ademais, co propósito de garantir a conservación da rede viaria municipal, será
necesario solicitar unha autorización para o transporte de madeira procedente da corta
que se realice nas plantacións existentes no municipio estradense. Este trámite ten un
carácter obrigatorio, pero novamente gratuíto.
Nesta solicitude haberá que especificar a situación da parcela onde se vai sacar a
madeira, dos camiños ou vías públicas por onde se vai efectuar o transporte da mesma,
as características dos vehículos que se van empregar e os días previstos para realizar
este transporte. Neste trámite tamén se xuntará unha fotocopia do permiso de corta da
administración forestal cando sexa necesario.
Seguro ou fianza
De igual xeito, a ordenanza explicita que as empresas madeireiras deberán dispoñer dun
seguro de responsabilidade civil que cubra os posibles accidentes laborais, así como os
posibles danos nas vías públicas ou noutros bens competencia da administración local.
No caso de que as empresas non presenten este seguro no momento de efectuar a
comunicación previa -ao que poder dirixir, chegado o caso, as reclamacións oportunas- o
Concello esixirá o depósito dunha fianza en metálico ou un aval bancario. Segundo se
recolle na ordenanza en vigor, esta fianza terá que ser depositada no momento de
efectuar a comunicación previa, establecéndose as seguintes contías:
• Volume de corta inferior a 300 metros cúbicos: 500 euros.
• Volume de corta entre 300 e 1.000 metros cúbicos: 1.500 euros.
• Volume de corta superior a 1.000 e ata 3.000 metros cúbicos: 4.000 euros.
NOTA DE PRENSA
CONCELLO DA ESTRADA
GABINETE DE COMUNICACIÓN comunicacion@aestrada.gal
Ana Cela Neira 669 645 345
• Volume de corta superior a 3.000 metros cúbicos: 6.000 euros.
A ordenanza reguladora establece tamén outra serie de obrigas para as empresas que
realicen cortas e sacas de madeira. Terán que limpar os residuos da corta de madeira, de
xeito que as pistas, camiños e espazos públicos queden no estado de limpeza e
conservación que tiñan antes das súas operacións. De igual xeito, están obrigadas a
sinalizar as vías situadas nas zonas de extracción e deposito de madeira. En terceiro
lugar, deberán derrubar ou repor ao estado anterior as ramplas abertas para facilitar o
acceso ao terreo ou monte, de xeito que, cando chova, a auga e a terra arrastradas non
inunden e causen danos en vías municipais ou parcelas estremeiras.
Óscar Durán sinalou hoxe que o Concello implicará á Policía Local na inspección destas
tarefas. Cómpre indicar que a normativa existente ten parello un réxime sancionador. En
función do carácter leve, grave ou moi grave que se estime para as infraccións, as multas
van dende os 100 aos 6.000 euros.
“Faranse partes de incidencia, identificarase ao propietario da finca e pediranse as
correspondentes autorizacións á empresa que efectuou o traballo para, a partir de aí,
esixir responsabilidades”, concluíu o concelleiro.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O ALCALDE ABORDA CO CONSELLEIRO DE PRESIDENCIA ADESAFECTACIÓN DOS DOUS EDIFICIOS DOS XULGADOS E QUEREVERTAN, GRATIS, NO PATRIMONIO PÚBLICO DA ESTRADA

 O conselleiro Diego Calvo acolleu esta mañá a petición realizada polo
alcalde da Estrada para destinar estes inmobles a novos servizos para a
cidadanía.
 O edificio no que estaba o Xulgado Número 1 é de titularidade
autonómica e o do Número 2 é municipal, pero aínda afectado polo uso
xudicial.
 Na súa reunión de hoxe os dous políticos abordaron distintas liñas de
colaboración entre a consellería e administración municipal.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, desprazouse
esta mañá ata Santiago para manter unha reunión co conselleiro de Presidencia, Xustiza
de Deportes, Diego Calvo, un encontro que serviu para facer repaso de distintas liñas de
colaboración entre este departamento autonómico e a administración municipal,
ademais de poñer sobre a mesa outra cuestión que xa fora trasladada previamente polo
Concello: a desafectación dos xulgados que agora teñen sede común no novo edificio
xudicial da Baiuca.
Os dous políticos abordaron o interese do goberno estradense en que a anterior sede do
Xulgado de Primeira Instancia Número 1 da A Estrada e a do Número 2 revertan, de xeito
gratuíto, no patrimonio público municipal, unha vez completado o traslado ás novas
dependencias.
O edificio do Número 1 atópase na Avenida Benito Vigo e é de titularidade autonómica.
No tocante á segunda sala, localizada nesta mesma avenida, foi equipada pola Xunta de
Galicia, se ben o inmoble pertence ao Concello, que cedeu no seu momento o seu uso á
administración autonómica aos efectos de aloxar, provisionalmente, esta sala
namentres se avanzaba cara a consecución dun edificio que reunise estes dous órganos
do partido xudicial da Estrada.
“Foi unha reunión moi produtiva na que analizamos varias cuestións de interese para o
Concello, a primeira delas que a Dirección Xeral de Xustiza desafecte do uso xudicial eses

dous edificios e despois nos faga esa reversión gratuíta ao Concello para implantar novos
servizos públicos, sobre todo de carácter social ou cultural”, explicou o alcalde ao
remate da reunión.
En bo estado
“Son edificios que se atopan en moi bo estado, que estiveron recibindo un mantemento
e que serían unha boa oportunidade para ter servizos públicos municipais nunhas
instalacións que, ademais, teñen un carácter céntrico”, engadiu Gonzalo Louzao, antes
de avanzar que o conselleiro lle indicou que, tras ter recibido a petición por parte do
Concello, iniciáronse os tramites pertinentes para proceder á desafección, que terá que
autorizar o Consello Xeral do Poder Xudicial, estando á espera da súa resolución.
Os dous políticos estiveron explorando tamén distintas vías de colaboración,
especialmente no marco das liñas de axuda que a Consellería de Presidencia, Xustiza e
Deportes impulsará neste exercicio 2026 e ás que o Concello da Estrada presentará
proxectos. O conselleiro e o alcalde falaron do Fondo de Compensación Ambiental, da
liña de infraestruturas deportivas e tamén doutra “moi ambiciosa” para actuacións de
eficiencia enerxética para instalacións públicas municipais.
Nestas achegas situou Gonzalo Louzao propostas como a dotación de material para as
novas pistas de atletismo da Estrada, a mellora da envolvente de algúns edificios
municipais ou a dotación de novas marquesiñas para o servizo de autobús, entre outras.
O alcalde tamén tivo ocasión de facer partícipe ao conselleiro do esforzo que esixe, nun
concello con tantos núcleos como o da Estrada, o mantemento dos máis de 2.000
quilómetros de vías de titularidade municipal. Sinalou nesta liña que a consellería
estudará as posibles vías e liñas de axuda en base ás que poder colaborar co Concello
neste sentido.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A RENOVACIÓN DE DOUS DESFIBRILADORES REFORZA A APOSTA POLACARDIOPROTECCIÓN DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS DA ESTRADA

 O Concello destina preto de 3.000 euros ás unidades do Novo Municipal
e do campo de Callobre, os equipos de maior antigüidade.
 O Mapa Desa Galicia, da Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061,
reflicte 13 das 17 unidades existentes en espazos concorridos de uso
público neste municipio.

O departamento municipal de Deportes vén de
adquirir dúas novas unidades de Desfibrilador Externo Semiautomático (DESA), ao
obxecto de substituír aos equipos existentes no Novo Municipal de fútbol e no campo de
Callobre, cuxa antigüidade aconsellou afrontar unha renovación.
A concellaría que dirixe Ismael Pena vén dando mostras dunha aposta decidida por
manter cardioprotexidas as instalacións deportivas municipais. Cada un destes equipos
supón un investimento próximo aos 1.500 euros e incorpora o xogos de parches para
adultos e pediátricos, elementos aos que é preciso facerlle un seguimento continuo
porque presentan data de caducidade.
A Estrada Deporte colocou, meses atrás, cinco destes dispositivos de xeito estratéxico. A
unidade do Pavillón Coto Ferreiro cubriría as devanditas instalacións, as piscinas
municipais e o pavillón número 3 da Fundación de Exposicións, onde se realizan clases
de loita e artes marciais. O DESA do Manuel Regueiro cubriría este campo de fútbol, as
pistas de tenis e o centro A Estrada Pádel. O novo campo de fútbol ten tamén o seu
propio equipo (agora renovado), que se empregaría igualmente, se fose preciso, nas
pistas de atletismo. Os campos de Vea e Callobre posúen cadanseu desfibrilador
semiautomático.
Os puntos de instalación deste equipamento pode observarse, na súa práctica
totalidade, no Mapa DESA Galicia da Fundación Pública Urxencias Sanitarias-061. No
caso do Concello da Estrada figuran rexistrados xa 13 equipos, se ben as últimas
incorporacións realizadas pola administración municipal elevarían esta cifra a 17.
No caso das instalacións deportivas, falta por engadir a correspondente ao Campo da
Nogueira en Vea, aínda que está xa rexistrada. O Concello adquiriu tamén equipos que

foron instalados na Casa das Letras, así como unidades portátiles para vehículos da
Policía Local e de Emerxencias A Estrada.
No referido mapa, que pode ser consultado por calquera usuario para saber, no
momento no que fora preciso, cal sería o DESA máis próximo, figuran tamén dúas
unidades vencelladas a empresa privada, outras na Academia Galega de Seguridade
Pública (Agasp), piscina climatizada, Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE)
112 Galicia, na Enfermería da residencia de maiores da Praza do Mercado, no CEIP
Figueiroa, na Tesourería Xeral da Seguridade Social ou no Recreo Cultural da Estrada.

Publicado en Portada | Deja un comentario

IMAXE DO ANO CULTURAL VIRXINIA PEREIRA

O Concello da Estrada vén de dar a coñecer a imaxe que acompañará o Ano Cultural Virxinia Pereira 2026, unha homenaxe a unha muller clave do galeguismo e da nosa historia.
A ilustración, obra de Rosa de Cabanas, inspírase nunha fotografía de 1939 e está chea de simbolismo, retratando unha Virxinia madura, consciente e comprometida, moito máis alá do seu papel como dona de Castelao.
A concelleira de Cultura, Lucía Seoane, e a propia ilustradora compareceron hoxe para presentar a imaxe que se colocará nas lonas do Teatro Principal e que chegará a outros elementos ao longo deste ano.
 Rosa de Cabanas recoñeceu que esta non é a primeira vez que se achega á imaxe de Virxinia Pareira e que buscou que nesta obra quedase simbolicamente retratada como protectora dun legado material e inmaterial, simbolizados no libro e na flor que ás que se aferra.
 Virxinia Pereira Renda defendeu os valores galeguistas ata o final dos seus días e grazas a ela conservamos hoxe o legado de Castelao.
 Ao longo de 2026 desenvolverase unha ampla programación cultural arredor da súa figura.
Publicado en Portada | Deja un comentario

NOVA APP DO CONCELLO DA ESTRADA

Xa está dispoñible a app oficial do Concello da Estrada, unha ferramenta móbil que reúne nun único espazo toda a información cultural, social, deportiva e festiva do municipio, sempre actualizada e accesible desde o teu teléfono.
A aplicación foi presentada hoxe polo alcalde, @gonzalolouzaodono, o concelleiro de Novas Tecnoloxías, @manuelmagarinosmaceiras , Javier Ramos, en representación de @aestradadixital e Brais Saco, de ALIA Technologies.
Consulta a axenda cultural, as festas parroquiais, a programación de deportes, iniciativas de desenvolvemento local, actividades de asociacións e xuventude ou escoita Radio Estrada directamente desde a aplicación.
 Ademais, conta cun sistema de avisos e alertas de emerxencia, así como notificacións push configurables para recibir información relevante en tempo real.
Os usuarios tamén poderán subir á aplicación información sobre os seus eventos.
A app está integrada co portal municipal aestrada.gal, garantindo contidos únicos e sempre actualizados.
 Dispoñible actualmente para Android (Google Play).
 A versión para iOS estará dispoñible proximamente.
Publicado en Portada | Deja un comentario

A BIBLIOTECA DA ESTRADA MEDRA POR QUINTO ANO CONSECUTIVOE VOLVE SUPERAR O SEU RÉCORD DE PRÉSTAMOS, CON 8.000 ANUAIS

 O servizo pechou 2025 con 2.076 usuarios, o que supón 289 carnés máis
que o ano anterior.
 Destes novos integrantes, 174 son adultos e 115 correspóndense con
altas de lectores infantís.
 O Concello vén facendo una aposta sostida por incrementar volumes,
para que o fondo bibliográfico municpal medre e se renove. Actualmente
conta con 21.215 exemplares

A biblioteca municipal da Estrada, localizada na Casa
das Letras, vive un momento doce. Tanto é así que as estatísticas coas que este servizo
pechou o exercicio 2025 poñen de manifesto que medra por quinto ano consecutivo, co
pulo dos novos usuarios o incremento no volume de préstamos bibliográficos. Segundo
os datos facilitados polo bibliotecario estradense, Aarón Cabado, estes últimos
quedaron a só un exemplar de totalizar os 8.000 anuais.
A biblioteca pechou o último ano de referencia con 2.076 usuarios, o que supón 289
carnés máis que en 2024. Destes novos integrantes, 174 son adultos e 115
correspóndense con altas de lectores infantís. De todos estes socios, 810 empregaron o
servizo de préstamo domiciliario dos volumes aloxados na Casa das Letras, 90 máis que o
ano anterior. Todos estes datos dan conta da boa saúde dun servizo que ofrece,
ademais, espazo para o estudo, actividades de animación á lectura, presentacións de
libros ou un Club de Lectura, entre outras propostas de índole cultural.
Nas estatísticas que confecciona a biblioteca pódese observar un inicio do ano bastante
estable no tocante aos préstamos mensuais. Despois do baixón que sempre acompaña á
tempada estival, os últimos catro meses do ano rexistraron un importante movemento,
con picos como o correspondente a outubro, con 974 préstamos.
Cada ano máis
A evolución dos préstamos bibliográficos na Casa das Letras amosa unha liña
marcadamente ascendente. Se se atende ao último lustro, os 928 préstamos de 2020
medraron en 2021 ata os 1.505. Ao ano seguinte, en 2022, foron xa 3.513, que subirían

ata os 6.150 no ano 2023. En 2024 foron xa un total de 7.113, que subiron a 7.999 en
2025.
A concelleira estradense de Cultura, Lucía Seoane, recoñeceu hoxe a aposta que se vén
facendo por incrementar e actualizar os fondos da biblioteca municipal da Estrada,
cunha adquisición mantida de exemplares para que os usuarios poidan atopar no servizo
novidades bibliográficas, tanto para o público adulto como para aqueles que se adentran
ou profundan no mundo da lectura. “Con moita frecuencia imos sumando volumes,
tentando que o fondo sexa o máis variado e actualizado posible e pretendendo que
todos os lectores poidan atopar eses títulos que desexan ler ou consultar”, sinalou
Seoane.
Aínda que non se pode precisar o número de incorporacións exactas de 2025 aos fondos
bibliográficos da Casa das Letras, xa que na cifra do ano computan volumes que xa
pertencían á biblioteca pero que se incorporaron no último exercicio á base de datos, si
se pode coñecer a cifra global: 21.215 exemplares.
As redes sociais está sendo un aliado interesante para a biblioteca da Estrada. Cun perfil
do servizo bastante activo, os usuarios poden coñecer as novidades que se van
incorporando ao catálogo, as recomendacións estacionais ou as actividades propostas.
Aínda que os pedidos -para os que se conta, na medida do posible, coas librarías da
Estrada- son meirandes, o servizo tenta sacar cada semana lotes de entre oito ou dez
libros para que os usuarios vaian coñecendo as novidades.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A REDE SEN FÍOS DE AESTRADADIXITAL CUMPRE 19 ANOS ENFUNCIONAMENTO, SUPERANDO AS SÚAS MARCAS E FRONTEIRAS

 A cidadanía estreou o servizo o 30 de xaneiro de 2007, cun proxecto
pioneiro que buscaba veren superada a fenda dixital entre o ámbito
urbano e o rural.
 Convertida en operador de fibra dende 2021, AEstradaDixital ten hoxe
520 usuarios de wifi e 2.200 liñas vivas de clientes de fibra e telefonía.
 No servizo da wifi hai 480 particulares e 40 empresas. O 70% son
usuarios rurais.
 A carteira de clientes de fibra e telefonía inclúe altas anecdóticas en San
Sebastián, Madrid, Cádiz, Barcelona ou Bilbao.

Tal día como hoxe, un 30 de xaneiro, pero 19 anos
atrás, a actualidade informativa do Concello da Estrada chegaba aos medios co titular da
posta en funcionamento dunha rede sen fíos. Era a protagonista principal na aposta dun
proxecto municipal pioneiro, que naceu co obxectivo de veren superada a fenda dixital
entre o ámbito urbano e o rural. Esta experiencia cumpre hoxe 19 anos, nos que a Cidade
Dixital estradense medrou e mudou, superando as súas iniciais marcas e fronteiras.
AEstradaDixital naceu co obxectivo de chegar a todos os fogares coa máxima calidade de
conexión. Naquel 30 de xaneiro de 2007 saía á rúa como unha experiencia única en
Galicia e en España, atendendo á capacidade de conexión que ofrecía para un escenario
xeográfico tan amplo. Chegaba impulsada polo desexo de posibilitar que calquera
estradense, xa fose residente na vila ou en calquera parroquia, tivese a oportunidade de
conectarse a internet no seu fogar, ofertando nese intre unha conexión dun mega
simétrico (de subida e baixada).
Xa 19 anos atrás se poñía sobre da mesa que AEstradaDixital tiña a autorización da
Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) para converterse en operador, un
paso que se foi ampliando baixo o paraugas da Fundación Cultural da Estrada. Dende
xuño de 2021, AEstradaDixital é operador de fibra e agora tamén de telefonía.
O xerente de AEstradaDixital, Diego Pernas, ofreceu hoxe os últimos datos que permiten
extraer unha radiografía do funcionamento actual deste operador estradense. Segundo

indicou, a día de hoxe son 520 os usuarios da súa rede Wifi, dos que 480 son particulares
e 40 son empresas. Destes clientes, algo máis do 70% son usuarios do ámbito rural.
A maiores, AEstradaDixital conta con arredor de 600 contratos de fibra, aos que se
vencellan unhas 2.200 liñas vivas (a elas vincúlanse distintas liñas de telefonía e outros
produtos). Destes contratos, medio milleiro son particulares, e case un 15% son
empresas. Estas últimas contan con servizos de telefonía IP (con centraliñas, xestión de
extensións ou locucións personalizadas, entre outros).
A Estrada e máis aló
Por outra banda, os clientes de wifi son principalmente veciños da Estrada, se ben
existen algúns usuarios de concellos limítrofes, caso de Cuntis, Vedra, Forcarei ou do sur
de Teo.
Porén, no caso do servizo de fibra as fronteiras de AEstradaDixital son moito máis
amplas. Dende o departamento que dirixe o edil de Novas Tecnoloxías, Manuel
Magariños, explicouse que este operador local ten moitos clientes de fibra en Teo,
Silleda ou Cuntis, pero tamén en concellos máis afastados. É o caso de Vilanova de
Arousa, Santiago, Brión, Arteixo, Vigo Cambados ou Sanxenxo, pero tamén de clientes
de fóra da comunidade galega. A presenza de estradenses asentados noutros puntos do
Estado fai que AEstradaDixital poidan citar na súa carteira de clientes con usuarios en
San Sebastián, Madrid, Cádiz, Barcelona ou Bilbao.
Persoas antes que rendibilidade
“Temos unha clientela bastante fiel”, apunta Diego Pernas. Sinala que as altas neste
servizo soben cada ano cun 15% de usuarios novos. Recoñece que AEstradaDixital non
chama aos seus clientes para comunicar o lanzamento de ofertas, como poden facer os
grandes operadores. “Nós priorizamos o servizo ao prezo. Temos un prezo definitivo e só
chamamos aos clientes se podemos darlle un mellor servizo polo mesmo prezo. Non
temos campañas para que a xente veña; o que queremos é que os nosos cliente
queden”, sinala.
A filosofía inicial permanece, ligada con forza ao carácter fundacional de AEstradaDixital.
Isto fai que algúns dos seus nodos non resulten realmente rendibles, na medida en que,
ao mellor, están para servir a un ou dos clientes en lugares afastados. “No caso de que se
avaríen fai falta tempo para rendibilizar o investimento”, recoñeceu Pernas, para logo
engadir: “AEstradaDixital prioriza as persoas sobre a rendibilidade”.

Infraestrutura
A rede sen fíos que en xaneiro de 2007 estreou a Cidade Dixital estradense sustentábase
sobre unha combinación de tres tecnoloxías sen fíos: wifi, wimax e mesh. A conexión
final viña garantida pola wifi, apoiándose nun total de 73 emprazamentos e 83 puntos de
acceso. Transcorridos 19 anos, a wifi de AEstradaDixital ten hoxe 144 nodos, cada un
deles con varios equipos, ata chegar aos 430 dispositivos. Deles, 115 están no rural e 29
no casco urbano.
Para a telefonía móbil o operador municipal ten convenio con Movistar, Orange e Yoigo,
mentres que para a fibra opera a través da rede de moitas compañías, caso de Vodafone,
Yoigo, Orange ou R, entre outras.

Publicado en Portada | Deja un comentario