O CONCELLO RESTAURARÁ O ANTIGO FAROL DA PRAZA DACONSTITUCIÓN, QUE LEVA CATRO DÉCADAS NA AVENIDA DACULTURA

 Aínda que naceu aos pés do consistorio, foi retirado para a construción
da desaparecida fonte luminosa e colocado na Zona Deportiva no ano
1984.
 Está dotado dunha peaña de pedra a xeito de bancada e protagoniza, aos
pés do consistorio, moitas imaxes antigas.
 O goberno busca valorizar este elemento, que será embelecido coa
substitución do fuste actual que sostén o punto de luz polo do farol
ornamental de cinco brazos que había na Porta do Sol.
 A medida acompañará a limpeza e mellora de todo o paseo de esculturas
da Avenida da Cultura

O Concello da Estrada realizou nas últimas semanas un
labor de limpeza e mellora das diferentes esculturas que poboan a Avenida da Cultura,
na honra e lembranza de persoeiros aos que lles foron dedicados sucesivos Anos
Culturais na primeira década deste século. O alcalde, Gonzalo Louzao, avanzou que estas
melloras acompañaranse agora da valorización dun elemento patrimonial que foi
emprazado nesta mesma rúa, aínda que moitos anos atrás protagonizaba as fotografías
que se tomaban na Praza da Constitución, ao pé do consistorio.
Trátase dun antigo farol que naceu aos diante da casa de todos os estradenses, cunha
peaña de pedra que se empregaba a xeito de bancada, e que foi trasladado á Zona
Deportiva, concretamente a unha praza oficialmente denominada Fillos da Estrada en
Caracas.
Moito menos coñecido para os estradenses que o farol que preside -e mesmo bautiza de
xeito popular- a Praza de Galicia, este elemento tivo tamén un marcado protagonismo
na historia local. Foi durante anos o elemento protagonista aos pés do edificio do
Concello, como amosan algunhas imaxes antigas deste enclave urbano. Porén, este
punto de luz, dotado dun banco de pedra que o rodeaba, apartouse desta praza por mor

das obras de construción da mítica fonte luminosa que tamén ordenaba o tráfico ao
funcionar como unha gran rotonda.
O farol foi levado entón ao almacén municipal, do que saíu durante o mandato do
alcalde Manuel Reimóndez Portela. Comezou a desfrutar dunha segunda vida na Zona
Deportiva, na Avenida da Cultura. Quedou instalada na pequena Praza Fillos da Estrada
en Caracas, situada fronte ao IES Manuel García Barros, e alí leva máis de catro décadas.
O goberno que encabeza Louzao Dono non pretende mover este farol do seu sitio, pero
si realizar unha intervención que o realce. A idea é restaurar a súa peaña de pedra e
retirar o fuste que actualmente da soporte ao punto de luz. Máis polo miúdo, a
pretensión e substituír este elemento, de latón e escaso valor, por outro de certa
antigüidade e maior aporte estético.
En concreto, colocarase nesta histórica base o farol que tamén foi retirado no seu día da
Porta do Sol, unha estrutura de cinco brazos que foi conducida ao almacén municipal a
consecuencia das reformas experimentadas nesta zona da capital estradense.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O SERVIZO DE EXPEDICIÓN DO DNI NA ESTRADA PECHARÁ O ANO CON630 PERSOAS CITADAS E XA TEN ESGOTADAS AS QUENDAS DE XANEIRO

 A alta demanda dá mostras da boa acollida do servizo entre a cidadanía.
 A Policía Local encárgase de asignar as quendas, que en febreiro serán
os días 3, 4 e 19.
 Ademais de seren empregado por usuarios da Estrada, tamén acoden a
esta unidade móbil de expedición veciños de concellos próximos, caso de
Cuntis, Forcarei, Teo ou Vedra.

O servizo de expedición do Documento Nacional de
Identidade (DNI) e pasaporte, que presta a Policía Nacional na Estrada dende o pasado mes
de maio e a través do Vehículo Integral de Documentación (VIDOC), ten xa esgotadas dende
hai días todas as citas do primeiro mes de 2026. O servizo pechará o ano cun total de 630
persoas citadas para a tramitación destes documentos, destacando pola proximidade aos
cidadáns e por unha rapidez na emisión desta documentación que non era posible coa
modalidade anterior.
Outros 60 cidadáns teñen xa cita para o mes de xaneiro, durante o cal o vehículo da
Policía Nacional quedará instalado na Praza da Constitución os días 7 e 21. Aínda que
inicialmente a unidade programaba dúas visitas mensuais, dos oito meses transcorridos
dende a posta en marcha deste programa foron máis as mensualidades (5 en total) nas
que se programaron tres días de emisión.
O feito de que as as citas se esgoten moi rápido dá mostra da boa acollida que entre a
cidadanía estradense está tendo este servizo de proximidade, que aforra a moitos veciños
do municipio o anterior traslado a outras cidades para a renovar a súa documentación. En
todo caso, a Policía Local, que se encarga de organizar as quedas, vén de coñecer as visitas
programadas para esta unidade no mes de febreiro. Segundo se indicou, o Vehículo Integral
de Documentación chegará á Estrada os días 3, 4 e 19 deste segundo mes de 2026.
Para facer uso do servizo os interesados teñen que chamar á Policía Local da Estrada, no
teléfono 986 570 898, ou acudir de xeito presencial ata as súas dependencias, na Praza da
Feira, en horario de 09.00 a 14.00 horas. Tramitada a documentación, a expedición é agora
inmediata, de xeito que en apenas 10 minutos os cidadáns saen co seu carné ou o seu

pasaporte na man. Isto axiliza moito a xestión con respecto ao servizo anterior,ademais de
facilitar este trámite administrativo aos veciños da Estrada.
Lembrar tamén que dende comezos deste mes A Estrada conta co servizo do Punto de
Actualización de Documentación (PAD) na Casa das Letras. Nel é posible realizar xestións
como a renovación do certificado dixital, cambiar o contrasinal do DNI dixital ou anular a
sinatura dixital, entre outros trámites.
Aínda que son principalmente veciños do Concello da Estrada os que fan uso do servizo,
tamén se achegan ata esta unidade residentes en municipios veciños, caso de Forcarei,
Cuntis, Teo ou Vedra.

Publicado en Portada | Deja un comentario

INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN «CASTELAO. DE SEMPRE EN GALIZA AO CONSELLO DE GALIZA»

A mostra queda instalada na Casa das Letras da Estrada ata o vindeiro 10 de xaneiro.
No acto de inauguración participaron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, @lopezcamposgal, o alcalde da Estrada, @gonzalolouzaodono, o presidente da Real Academia Galega, @henriquemonteagudo, o secretario xeral da Lingua, @valentingarciagomez e o director da Fundación Penzol, Xosé Manuel Soutullo.
É unha iniciativa da Cátedra Institucional Castelao da Universidade de Santiago de Compostela e da Fundación Penzol, baixo produción de Editorial Galaxia. Está comisariada por Henrique Monteagudo Romero, tamén director da cátedra dedicada ao intelectual galeguista.
A iniciativa pretende achegar ao público o pensamento e a obra de Castelao a través de paneis e materiais documentais cos que o público poderá coñecer o proceso de escritura de «Sempre en Galiza», iniciado en 1934, así como o contexto político e cultural que levou á fundación do Consello de Galiza no exilio en 1944.
Publicado en Portada | Deja un comentario

Os traballos da Xunta no castro de Barbude da Estrada sacan á luz unha muralla de época castrexa

Os traballos, enmarcados no Plan de actuacións arqueolóxicas, están destinados a ampliar o coñecemento sobre o patrimonio máis sobranceiro da Comunidade

Os interesados en coñecer os resultados poderán participar na visita guiada que se organiza este sábado, ás 10.30 horas, en colaboración co Concello da Estrada

Os traballos impulsados pola Xunta de Galicia no castro de Barburde ou Trasmonte, no concello da Estrada, acaban de sacar á luz restos dunha muralla de época castrexa. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha visita na que estivo acompañado polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, e na que puido coñecer o avance desta actuación.

Así, tal e como explicou o responsable autonómico de Patrimonio Cultural, a estrutura localizada, aínda en proceso de estudo, correspóndese cunha fortificación defensiva na que se inclúe tanto a construción exterior como un segundo elemento circular que, segundo os primeiros indicios, podería corresponderse á época castrexa. “Trátase dun importante achado que nos axuda a ampliar o coñecemento sobre o patrimonio máis sobranceiro da nosa Comunidade e que se complementa coa localización de material composto por cerámica da Idade de Ferro”, apuntou López Campos.

Neste senso, o conselleiro de Cultura precisou que a actuación levada a cabo na Estrada cunha achega de 17.700€ encádrase no Plan de actuacións arqueolóxicas, a folla de ruta posta en marcha polo Goberno galego cun investimento de 1,5M€ para, en solitario ou en colaboración con institucións académicas e concellos, garantir a conservación dos xacementos ao tempo que se favorece o achegamento a historia por parte da cidadanía.

No caso concreto de Barbude, os traballos están centrados na limpeza dos perfís de acceso á zona máis alta do castro, así como na realización de dúas sondaxes arqueolóxicas para avaliar unha das parcelas e no camiño de acceso. Ademais, o proxecto complétase coa elaboración de materiais divulgativos entre os que se inclúe un vídeo e unha reportaxe de fotografía área.

Ademais, co fin de que a cidadanía poida coñecer os resultados desta actuación, o sábado, en colaboración co Concello da Estrada, organizarase unha visita guiada ás 10,30 horas. Trátase dunha actividade de balde e os interesados poderán reservar praza a través do Concello, ben presencialmente ou ben no número de teléfono 986 573 601.

Publicado en Portada | Deja un comentario

As tres Negreira de Galicia celebran un acto de irmandade na Estrada

As tres Negreira de Galicia celebran un acto de irmandade na Estrada. Os concellos da Estrada, Negreira e Santa Comba están unidos por este topónimo.
O acto celebrouse na parroquia estradense de San Miguel de Barcala, da que forma parte o lugar de A Negreira.
@concellodenegreira_oficial @santa_comba_info
Publicado en Portada | Deja un comentario

Imaxes da visita guiada polas escavacións arqueolóxicas do Castro de Barbude, concorrida a pesares de que o tempo non acompañou.

Imaxes da visita guiada polas escavacións arqueolóxicas do Castro de Barbude, concorrida a pesares de que o tempo non acompañou.

 

Publicado en Portada | Deja un comentario

A CIRCULACIÓN QUEDA RESTABLECIDA NAS RÚAS SAN PAIO E 56DENDE ESTA TARDE, CON TRÁNSITO RODADO ATA O 12 DE XANEIRO

 Tal e como se anunciou dende o comezo das obras, este céntrico enclave
quedará aberto para non entorpecer a campaña comercial de Nadal nin
a celebración de eventos clave no transcurso destas festas.
 As celebracións suporán tamén un paro temporal nos traballos polo
período vacacional dos operarios.
 A reforma retomarase o luns 12 de xaneiro e, segundo avance, irá
ocasionando novos cambios na circulación, dos que se informará
puntualmente.

Tal e como anunciou dende o minuto un o goberno
local, as obras na Praza de Galicia e a súa contorna despexarán dende hoxe mesmo esta
céntrica zona do casco urbano para a celebración das festas de Nadal. Deste xeito, a Rúa 56 e
a Rúa San Paio quedarán esta tarde abertas novamente ao tráfico, cos sentidos circulatorios
habituais en ámbalas dúas vías.
Dende o inicio do traballos, o pasado mes de outubro, o goberno que encabeza Gonzalo
Louzao sempre puxo o acento no desexo de deixar para despois das festas a actuación na
Praza de Galicia propiamente dita, ao obxecto de non entorpecer a principal campaña
comercial do ano e de garantir que as obras non supoñan un atranco para o
desenvolvemento de eventos tan significativos para o conxunto da cidadanía como as
tradicionais cabalgatas de Papá Noel (24 de decembro) e Reis (5 de xaneiro), para as que
o paso por esta praza resulta estratéxico.
Sen querer entrar en ningún momento nas informacións e valoracións erradas e
tendenciosas que se verteron nos últimos días, o executivo limitouse hoxe a realizar o
anuncio de reapertura da circulación, logo de cumprirse o prazo aproximado de dúas
semanas de peche anunciado para a Rúa 56, a última en veren interrompida o tránsito
rodado.
Dende esta tarde, a nova situación manterase durante todas as festas, momento no que
as obras quedarán tamén momentaneamente paradas polo descanso vacacional dos
operarios. A previsión é que os traballos se retomen o 12 de xaneiro. A partires desa
data, o avance na execución irá motivando cambios circulatorios dos que se irá
informando puntualmente.
Dende a Xefatura da Policía Local da Estrada confirmouse esta mañá que o
restablecemento do tráfico nas Rúas 56 e San Paio acomodarase ao sentido circulatorio
habitual nestas rúas, podendo subir pola Rúa 56 cara a Praza de Galicia e tamén acceder
á Rúa San Paio para continuar cara Figueiroa. Tamén se poderá circular cara a Rúa do
Cruceiro dende a Praza de Galicia.
De igual xeito, dende a Avenida Benito Vigo volverá ser posible enlazar coa Praza de
Galicia a través da Rúa Pérez Viondi, continuando cara San Paio ou Rúa Peregrina.
Continúa o corte en Marqués de la Vega de Armijo
A que continuará cortada é a Rúa Marqués de la Vega de Armijo, permitíndose o acceso
aos garaxes desta vía dende a Praza da Inmaculada (e sentido contrario ao permitido
habitualmente).
Evidentemente, polo primeiro tramo da Rúa Don Nicolás non se poderá circular, unha
cuestión que se manterá no tempo, tendo en conta que esta vía pasará a ser peonil.
Na confluencia entre as rúas 56 e San Paio quedará unha zona de acopio do material de
obra, xusto no illote no que antes estaba instalada a escultura dedicada á Rapa das
Bestas.
Transporte público
Por outra banda, a apertura ao tráfico desta zona tamén comporta novos cambios para o
transporte público dende esta mesma tarde. Deste xeito, a parada de taxis volverá ao
seu lugar habitual na Praza de Galicia (a carón do Hostal A Bombilla) e o servizo de
autobús volverá subir pola Rúa 56 para a parada de viaxeiros na praza que os
estradenses bautizan oficiosamente como A Farola.

Publicado en Portada | Deja un comentario