A Estrada bailará ao ritmo dos oitenta o 16 de maio

A Estrada bailará ao ritmo dos anos oitenta na Zona dos Viños o 16 de maio, data na que se celebrará unha festa temática ambientada nesa época e que contará coa actuación en concerto de Teo Cardalda, Golpes Bajos e Cómplices, ademais de 25 músicos estradenses que interpretarán o repertorio musical máis característico daqueles anos.

A festa comezará a partir das 21:30 horas coas coreografías de Sondodance e o Grupo Funky Vibes de Absolute, informou hoxe o concelleiro de Cultura do Concello da Estrada, Juan Constenla, quen animou á veciñanza a acudir á festa caracterizada coas roupas e estética propias da década debido a que a persoa mellor caracterizada gañará un bono para asistir ao festival Portamérica en Caldas de Reis.

A Zona dos Viños lucirá acorde coa temática da festa, con adornos e materiais que tratarán de transportar no tempo aos asistentes. Ademais do ornato instalarase no exterior unha zona con postos de discos e complementos da época e un servizo de perruquería temática a disposición do público, nun evento que suporá o inicio de actividades de cara á Festa do Salmón.

A organización da festa correrá a cargo das tabernas e locais da zona, tales como O candil de Silvia, o Pub M80, o Pub Tarará, o 20 Berzas, a Taberna Navegación e a Music Tasca Enredo, local fronte o que se instalará o escenario.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Fin de semana adicado ao XXX aniversario do García Barros no cine e no teatro

Esta fin de semana insírense na axenda cultural da Estrada dous eventos en conmemoración do XXX aniversario do Premio de Novela Manuel García Barros coa proxección mañá venres, ás 20:00 horas, nos Minicines Central do documental acerca do premio literario e o domingo 5 de maio, ás 19:30 horas, a estrea no Teatro Principal da obra sobre Os contiños da terra de Santi Cortegoso.

Espérase que a obra de teatro se vaia a representar en tódalas parroquias durante os vindeiros meses a fin de dar a coñecer a actividade de García Barros por todo o concello, explicou hoxe o concelleiro de Cultura, Juan Constenla.

Trátase dunha peza teatral na que interveñen artistas da Estrada coma Fran Campos, Chelo do Rejo e Juan Ruibal, que será o encargado de dotar de música en directo á obra para darlle ritmo e guiar a historia.

O director afirmou que a medida que preparaba a obra ía coñecendo máis en profundidade a vida que levaban os galegos de principios do século XX; unha forma de vida que se está perdendo, fuxida cara as cidades pero que aínda se pode ver nas persoas maiores e que García Barros plasma na súa obra.

A peza recolle esa reivindicación clara para que non se perda ese legado a través de tres contiños (A Ceridonio non se engana, O tío Zanfona e A carón da pedra) e unha historia contemporánea que serve como fío condutor para a dramaturxia.

As invitacións para os dous eventos, tanto para o documental do venres como as da obra de teatro do domingo, pódense recoller no Departamento de Cultura do Concello da Estrada e na zapatería A Esquina.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Teremos unha Alameda lustrosa nunha vila onde os edificios caen a cachos

O candidato á alcaldía do BNG, Xosé Magariños, critica “as presas do PP por ter a foto da Alameda aparentemente rematada, mais xa sabemos todos e todas que as obras continuarán posteriormente”. “Algo parecido xa aconteceu hai catro anos”, afirmou Magariños, “cando inauguraron o Novo Mercado, cuxas obras continuaron semanas despois da inauguración oficial”. 

O candidato do BNG explicou que “as presas non son boas, xa pasou co Novo Mercado que é unha auténtica chapuza no que entra auga en canto caen catro gotas e coa Alameda pasará outro tanto, as obras continuarán despois da foto do 16 de maio”.

Xosé Magariños tamén criticou que o PP aposte polos rolos de herba, “o lóxico e o máis económico sería sementar a herba, pero claro, as presas que ten López é incompatíbel coa velocidade coa que medra a herba”. “Por outra parte”, indicou Magariños, “non hai máis que ver o actual estado da Alameda para ver que no verán serán contadas as zonas de sombra na nova Alameda, despois de que este proxecto depredador arrasara as árbores máis antigas e de maior porte que daban bo abrigo nas tardes de sol”.

A Estrada cae a cachos

O candidato o BNG á alcaldía tamén criticou o pasotismo do grupo de goberno “coa evidente inestabilidade de moitos edificios da vila, un deles acordoado á altura da Praza da Farola, con evidente risco para os veciños e veciñas da Estrada”.

Xosé Magariños explicou que “pedimos en reiteradas ocasións que se fixeron un informe exhaustivo dos edificios da Estrada, especialmente daqueles que tiñan un evidente deterioro e aínda hoxe non se fixo nada”. “Iso si”, explicou o actual concelleiro nacionalista, “teremos unha Alameda que luza moi lustrosa o día 16 de maio, pero preto dela hai edificios que se caen a cachos”.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Movemento Veciñal Estradense -Móvete- comprométese cos veciños de Codeseda e Arca para solucionar problemas de seguridade nas aldeas.

Nestes últimos días Móvete recibiu queixas de veciños das aldeas de A Grela en Codeseda, e de Xustín en Arca, en materias que poderían afectar á súa seguridade e integridade física. Na primeira delas, como é sabido, celébrase a famosa romaria da Virxe da Grela, e no terreo que rodea a Capela-Santuario da Nosa Señora de Guadalupe, existe un desnivel vertical que chega a alcanzar unha considerable altura, e que non conta cun obstáculo físico axeitado para evitar que un asistente á festa, ou mesmo un veciño do lugar poidan cair accidentalmente e producirse graves lesións.

Deste xeito Móvete recolle a proposta veciñal de implantar un balado de madeira, que ademais de evitar este tipo de accidentes, esteticamente confluiría moi ben co entorno de pedra, herba e arborado que circunvala a Capela. Tamén se aproveitaría a dita obra para instalar, co mesmo material, unha cancela na zona noroeste do citado terreo de xeito que se poida abrir e pechar á vontade evitando o acceso de animais ao mesmo.

Por outra banda tamén na Grela existe unha zona a cuxas vivendas non pode acceder unha ambulancia debido a que as rúas son moi estreitas. Reviste especial gravidade o problema posto que este é o fogar dunhas persoas de avanzada idade que poderían precisar o referido vehículo sanitario. Así os veciños propoñen como solución terminar de construir e despois asfaltar unha pista de concentración parcelaria inacabada, que chega ao lugar polo seu límite Leste, vía que si tería o ancho suficiente para permitir o acceso de ambulancias e outros vehículos similares a referida zona, proposta que Móvete fai súa. Finalmente no lugar de Xustín na parroquia de Arca, construiuse no seu día un pozo de abastecemento de xeito que o mesmo poida ser usado polo persoal adicado á extinción de incendios. Sen embargo, a pesar das contínuas queixas da veciñanza do lugar, o dito pozo atopase nun estado de abandono e de total falta de mantemento por parte do Concello de modo que non sería posible o seu uso. Deste xeito si se producise un incendio, tanto forestal (lembremos que Xustín é unha aldea que conta cunha moi considerable superficie de monte) como nalgunha edificación, poderian producirse uns danos que cun axeitado mantemento do pozo de abastecemento serían mais doados de evitar, polo que Móvete comprométese asumir esta xusta reivindicación

Publicado en Portada | Deja un comentario

Oito locais participan en maio no Rodeiro de Tapas

Rodeiro de Tapas volve ás terras de Camba os días 10, 11, 12, 17, 18 e 19 de maio, nesta ocasión coa participación de oito locais. Os bocados poderanse probar nos establecementos: Restaurante Latiza, Bar Desito, Pub Quirós, Casa Sánchez, Gallaecia, Cabalos do Faro, Bruxas e Coruxas e Casa Achacán.

O xefe de cociña do Hotel Talaso Atlántico, o estradense Javier Fins, é o asesor desta edición da cita gastronómica. As tapas, elaboradas con produtos típicos de Rodeiro, manteñen o prezo de 1,50 euros. Haberá un sorteo de premios para os establecementos hostaleiros participantes e tamén para os clientes.

Haberá locais que só servirán as súas propostas pola noite, pero, en xeral, os horarios serán de 13.00 a 15.00 horas e de 19.00 a 23.00 horas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Movemento Veciñal Estradense – Móvete- comprométese co comercio de proximidade e anuncia un Plan para fomentar os negocios locais, potenciar o texido económico local e á súa vez o emprego.

  • Conscientes das situación do pequeno comercio, Movete lanza unha serie de propostas concretas nas que traballará dende o goberno municipal, tralos comicios electorais do 26 de maio.
  • Móvete fomentará o aluguer dos baixos comerciais do Novo Mercado co obxectivo de garantir a vida do Mercado Municipal. Hai que ter en conta a situación actual e mellorar as condicións dos alugueres.
  • Móvete presenta un par de vídeos que dan conta da situación do  comercio local e que reflexan que a gran Estrada que nos quere vender López non existe.

Tras diversas reunións mantidas coa asociación de comerciantes en diferentes momentos desta lexislatura para avaliar a situación do sector, Movemento Veciñal presenta unha serie de iniciativas para actuar fronte as principais problemáticas que teñen os negocios locais, entre as que se atopan os altos prezos dos alugueres no centro do casco urbano.

Para fomentar o comercio local urxe “adoptar medidas que faciliten e incentiven os alugeres de baixos comerciais”, “avanzar dunha vez por todas na humanización da vila e peonalización de algunha das principais rúas comerciais dos casco urbano”, “incrementar as axudas para os negocios”, “mellorar os aspecto dos baixos comerciais que están valeiros”, “impulsar campañas de promoción do comercio local, cuio obxectivo sexa fomentar o pequeño comercio e fidelizar aos clientes cos establecementos do noso municipio”

Mar Blanco da conta que nos últimos anos o número de comercios que tiveron que baixar a reixa supera os cuarenta e dende o goberno de López non se adoptou ningunha medida para frear e revertir esta situación, por iso, tomamos a iniciativa e a partir dos vindeiros comicios traballaremos da man do sector para revertir a grave situación que atravesa e actuar en conxunto na recuperación e desenvolvento dos negocios locais.

Mar Blanco Casais resalta que o pequeno comercio é clave na economía estradense ao ser un sector que xera un porcentaxe de ocupación importante no concello. Son moitos os cambios vividos no sector nas últimas décadas e por iso precisa un apoio continuo para adaptalo aos novos tempos e que siga xerando emprego e riqueza.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O domingo celebrarase o VII festival galego de teatro escolar da Estrada no Teatro Principal

Este domingo, 8 de maio, ás 11:00 horas celebrarase o VII festival galego de teatro escolar da Estrada no Teatro Principal da localidade. A actuación na que participarán alumnos do IES Losada Diéguez e de centros da contorna dará paso, como xa é habitual, ao roteiro teatral, poético e musical na parroquia de Sabucedo, segundo informou hoxe o concelleiro de Cultura, Juan Constenla. O Festival, co título de Vogando nos contos, estará composto por varios grupos de teatro de diferentes centros, entre os que se contan a aula de teatro do IES Antonio Fraguas Fraguas de Santiago, a aula de teatro do CPI de Touro, a Escola Municipal de Teatro de Laxe e o Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, ademais da Aula de Teatro do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez da Estrada, a través da súa compañía, Avelaíñas Teatro. Antes desta actuación na vila, estes conxuntos actuaron no Teatro Principal de Ourense, en Touro, Santiago e Palas de Rei, e actuarán tamén en Laxe proximamente. Coma tódolos anos, ao rematar o ciclo de representacións, os alumnos e profesores farán unha viaxe, que nesta ocasión os levará ata Italia, onde teñen previstas varias actuacións máis, segundo explicaron os coordinadores de Avelaíñas Teatro, Xosé Eixo e Afonso García. Os alumnos visitarán Pisa e Bolonia e actuarán en centros educativos das cidades. Esta viaxe terá lugar do 11 ao 19 de maio e arredor de 85 rapaces dos cinco grupos viaxarán xuntos, indicaron os coordinadores, que lembraron para rematar que a entrada á actuación é gratuíta e o público poderá acceder ao teatro ata completar o aforo.

Publicado en Portada | Deja un comentario