A unión de músicos veteranos da Estrada reunirá o mércores a 24 intérpretes

A unión de músicos veteranos da Estrada organizou un concerto que terá lugar este mércores, 1 de maio, ás 13:00 horas no Teatro Principal e no que se darán cita 24 intérpretes divididos en diferentes agrupacións. O evento comezará cun pequeno pasarrúas dende a praza do Concello ata o teatro a partir das 12:45 horas, segundo informou hoxe o concelleiro de Cultura, Juan Constenla.

Nunha localidade onde a que a actividade das bandas municipais e culturais pode catalogarse de centenaria, esta etapa supón unha posibilidade para volver xuntar a tódolos músicos que algunha vez formaron parte dalgunha agrupación, sinalou o concelleiro.

Esta será unha oportunidade de reencontro para todas as persoas que desempeñaran algunha actividade musical no pasado, cuxo propósito é o de facilitar a reunión e deixar atrás vellas rivalidades que existían entre os distintos colectivos, aseguraron as compoñentes de Nova Ribeira, Lourdes Dono e Carmen González (primeira muller que formou parte da banda de música do Concello), antes de confesar que esperan que para unha próxima edición do concerto se sumen máis bandas, agrupacións e músicos.

Tamén sinalaron as diferenzas existentes entre a forma de aprender música na actualidade, mediante ensinanzas regradas, a diferenza da súa propia experiencia, onde unhas persoas procuraban a axuda de outras nun proceso maioritariamente autodidacta no que o interese pola música xuntaba ás persoas que se reunían para tocar despois de saír de traballar.

Agradeceron a implicación de Simón Couceiro na organización e dirección do concerto, así como o apoio do Concello á hora de ceder as instalacións do teatro como lugar de ensaio dende o Nadal. Lembraron para rematar que para acudir ao concerto, por cuestións de aforo, é preciso retirar invitacións no Café Boliche, na Hamburguesaría Florida ou no Departamento de Cultura do Concello.

As actuacións terán unha duración aproximada dunha hora na que se interpretarán cancións populares, rock e alboradas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O PSDEG DA ESTRADA ULTIMA UN PLAN ESTRATÉXICO DO DEPORTE NO QUE SERÁN CLAVE AS APORTACIÓNS DOS VECIÑOS

López Bueno: “Cabe calquera mellora que aporten os estradenses, pois son eles os que saben o que botan en falta no ámbito deportivo e o que está a facer mal o PP, que non é pouco” As claves: mellorar as instalacións deportivas municipais -descoidadas e esquecidas polo PP -, apostar polo deporte como forma de vida e promover a igualdade dende a idade escolar

O PSdeG ultima a elaboración dun Plan Estratéxico do Deporte adaptado ás necesidades reais da Estrada, para o que contará coa opinión dos clubes deportivos do Concello e, por suposto, de todos os veciños e veciñas que desexen facer as súas aportacións. “Trátase dun proxecto moi avanzado, no que cabe calquera mellora que aporten os estradenses, pois son eles os que realmente saben o que botan en falta no ámbito deportivo do concello e o que está a facer mal o PP, que non é pouco” sinala López Bueno. O alcaldable socialista recalca que “actualmente só se aborda o deporte pensando no deporte federado, e nós queremos ir máis alá. Apostamos por crear unha Fundación Deportiva do Concello da Estrada coa que mellorar a xestión dos servizos, a coordinación dos diferentes axentes deportivos, e favorecer a contratación de persoal. ______________________________________________________________________ PSOE de A Estrada Prolongación da R/ Castelao 16, baixo 986 57 19 91 ______________________________________________________________________ Agrupación Socialista da Estrada Entre as claves do Plan Estratéxico que proporán os socialistas nos vindeiros días, unha vez escoitados a todos os veciños que o desexen, atópanse: manter, mellorar e ampliar as instalacións deportivas de titularidade municipal -actualmente descoidadas e esquecidas polo Partido Popular-, apostar polo deporte como forma de vida polos seus beneficios na saúde, e promover a igualdade no deporte dende a idade escolar, a través de programas municipais. Todo aquel que desexe facer chegar as súas propostas terá ó equipo do PSdeG da Estrada á súa enteira disposición, contactando mediante o enderezo electrónico: psdgpsoe.aestrada@gmail.com .

Publicado en Portada | Deja un comentario

EXPLOSIÓN PARA OS SENTIDOS ESTE SÁBADO NA ESTRADA NA PRIMEIRA “RUTA DAS MACEIRAS EN FLOR” DA DEPUTACIÓN

Carmela Silva participou na ruta matinal que percorreu as plantacións de Callobre e as das sidrerías Ribela e Torres de Moreda onde enxalzou o traballo de produtores e produtoras

“Temos que potenciar un turismo ligado aos valores naturais. Este rural é o que garante un país auténtico, diferente, pero tamén un modo de vida e unha forma de facer futuro”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asistiu este sábado á ruta matinal da segunda edición das “Rutas das Maceiras en Flor” xunto ás 25 persoas que conseguiron as cotizadísimas prazas gratuítas que ofertou este ano a institución provincial, que permiten contemplar o espectáculo das maceiras en plena floración e dar a coñecer o traballo de produción das sidras e doutros produtos que proveñen da mazá.  Foi a primeira das tres rutas polas maceiras do concello a Estrada, con 75 prazas que voaron ás poucas horas de anunciarse, que terán esta tarde unha segunda actividade e rematarán o próximo sábado cunha última visita.

No Lagar de Ribela, a presidenta provincial lembrou que “temos que apostar por potenciar un turismo ligado aos nosos valores naturais, e a produción de mazá e a elaboración de sidra natural son unha mostra clara destas produtoras e produtores que co cooperativismo logran poñer os nosos produtos en moitas partes do mundo. É case un milagre, dixo Carmela Silva, de xente especial e admirable que é capaz de manter o seus soños moitas veces con poucos ou nulos apoios, algo do que temos que tomar conciencia”. A presidenta provincial fixo un chamamento á cidadanía da provincia para que sexa consciente dos moitos valores que temos e de que teñen que ser reivindicativos e reivindicativas para que nos esixan ás administración que poñamos medios para manter esta marabilla“

Silva incidiu en que temos que poñer en valor o noso rural co turismo de interior. “Ten enormes potencialidades polas que hai que apostar. Este rural é o que garante un país auténtico, diferente, pero tamén un modo de vida e unha forma de pensar o futuro. Cada vez máis a xente é consciente da necesidade de manter a natureza, da alimentación ecolóxica e da importancia de salvagardala nos da posibilidades de futuro“. Aínda así, a presidenta da Deputación volveu a insistir en que para iso “ten que haber proxectos económicos que garantan que a xente poida vivir con recursos suficientes. Hai que apostar por dotalos de servizos, de equipamentos e dotacións, para que a xente non teña que ser heroes ou heroínas para quedarse no rural”.

As 25 persoas participantes desta primeira ruta, como o farán as 25 desta tarde e as persoas que participen o sábado 4 de maio, visitaron as sidrerías Ribela, a de Torres de Moreda e a de A Peroja, amais da plantación de Callobre. Tamén puideron contemplar a sobreira máis antiga de Galicia do Pazo das Valiñas.

Este é o segundo ano consecutivo que dende a Deputación de Pontevedra se poñen en marcha as “Rutas das Maceiras en Flor”, enmarcadas no Plan Estratéxico de Turismo e na campaña provincial “Fame de Experiencias, co obxectivo de potenciar o turismo no interior da provincia, desestacionalizar a demanda e dar ás persoas participantes a oportunidade de desfrutar dun espectáculo floral único coas maceiras en flor, amais de coñecer polo miúdo o traballo de sidrerías e poñer en valor a dedicación e esforzo dos produtores e das produtoras da zona.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Librerías da Estrada instalaranse na Praza da Constitución o 3 e 4 de maio pola Feira das Letras

As librerías estradenses Marxe, Durán, Faro e Pintaletras instalarán postos de venda na Praza da Constitución os días 3 e 4 de maio con motivo da celebración da Feira das Letras da Estrada. Os dous días estarán ademais cheos de actividades na rúa, indicou hoxe o concelleiro de Cultura, Juan Constenla.

A apertura dos postos dos libreiros está previsto para as 12:00 horas do mediodía do venres 3 de maio e todos os libros mercados durante a feira gozarán dun 10% de desconto e obsequiarase cun litro de leite da Estrada aos 300 primeiros clientes. A actuación das escolas de Tequexetéldere inaugurará o venres o inicio das actividades ás 17:00 horas. Unha vez finalizada comezará un obradoiro de imáns e postais do mundo da lectura dirixido aos máis pequenos da vila, e ás 18:00 horas comezará a narración oral de Bandullo azul: Filipa cos contos.

Unha hora máis tarde comezará unha representación con marionetas de fío baixo o título de Circo galaico que correrá da mán de Títeres Alakran e pechará a primeira xornada a presentación do documental sobre o XXX aniversario do Premio de Novela Manuel García Barros nos Minicines Central ás 20:00 horas.

O sábado 4 ás 12:30 terá lugar na Casa das Letras un encontro de tradución en lingua galega e á mesma hora, na Praza do Concello, onde se realizarán todas as actividades, dará comezo a representación musical narrada Rilo & Penadique: O pozo das señoras.

Xa pola tarde, ás 17:00 horas está programada a narración oral con maxia de Fran Rei O conto de Barriga Verde e ás 17:30 abrirase un espazo multixogo para os cativos. Este día a partir das 18:00 horas impartirase un novo obradoiro de chaveiros e marcapáxinas do mundo da lectura e á mesma hora iniciarase, a cargo do Club de Lectura Lendo cos 5 sentidos, a lectura do conto O Dragón Antón e o Sapo Rosendo, á que seguirá a sinatura de exemplares por parte da autora. Pechará a feira a actuación musical O Capitán Garfo: cociñando con música.

Xa fóra da programación, o domingo 5 de maio ás 19:30 horas estrearase no Teatro Principal o espectáculo Contiños da Terra, en conmemoración do XXX aniversario do Premio de Novela Manuel García Barros.

Publicado en Portada | Deja un comentario

García Barros e Os contiños da terra, no Teleclub de Callobre

Mañá sábado, no Teleclub de Callobre ás 21.00 h, a Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada, da man da Asociación Isaac Ken Keirades de Callobre, porá en escena Os contiños da terra, unha adaptación feita polo dramaturgo Santiago Cortegoso a partir do libro de Manuel García Barros.

A peza está interpretada polos actores Chelo do Rejo, Francisco Campos e Gonzalo Valcárcel, musicada polo acordeonista Juan Ruibal e dirixida por Santiago Cortegoso, gañador, entre outros, dos premios María Casares e Álvaro Cunqueiro e finalista dos Premios Max nos anos 2017 e 2019..

É unha iniciativa que conmemora o XXX aniversario de novela Manuel García Barros e coa que a Escola de Artes Escénicas pretende difundir a memoria e a obra do autor estradense por toda a xeografía galega.

En palabras do autor e director da obra, Santi Cortegoso, a peza emprega a liña argumental dos contos «A carón da pedra», «A Ciridonio non se engana» e «O tío Zanfona» e serve para poñer en valor á narración oral como elemento básico de relación social».

Carlos Loureiro, prologuista da peza na que se basea o espectáculo, tamén afirma en relación á obra que serve para evidenciar que unha sociedade que mira cara adiante terá sempre que empregar o retrovisor, senón será unha sociedade capada…«

Esta primeira emblemática función en Callobre, lugar no que viviu e finou o escritor estradense, terá continuidade o vindeiro día 5 de maio ás 19.30 h no que terá lugar a estrea no Teatro Principal da Estrada.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O SAF da Estrada superará en maio as 4.000 horas de servizo ao mes

O Servizo de Asistencia no Fogar da Estrada superará en maio as 4.000 horas de axuda ao mes, segundo informou hoxe o alcalde da localidade, José López Campos. Actualmente estanse prestando arredor de 3.500 horas de servizo que se ampliarán a 4.060 horas ao mes, o que se permitirá dar de alta a arredor dunha decena de novos usuarios.

Coa nova licitación, que se atopa en prazo de exposición pública ata o 8 de maio, pasarase dun investimento de 600.000 a 800.000 euros anuais e a previsión é a de licitar un novo contrato por valor de 3.200.000 euros que permita cubrir un período de 4 anos prestando ese novo número de horas, explicou López.

Sen embargo, este aumento na calidade do servizo ten un contrapunto. O Concello contará con moitas horas máis de asistencia, pero cun custo moi superior ao inicial nun servizo que non é da súa competencia, senón que é unha transferencia por parte da Xunta de Galicia. O Servizo de Asistencia no Fogar divide a carga económica entre a Xunta, o Concello e o usuario, pero a Xunta aporta a mesma cantidade de diñeiro a pesar do encarecemento do servizo, polo que aumenta a carga sobre o Concello. “Estaría ben que esa transferencia de competencias estivese acompañada do financiamento para levalas a cabo”, expuxo o alcalde.

Actualmente hai 72 persoas catalogadas de dependentes na localidade e outras 44 ás que se lle presta o servizo en libre concorrencia, sumando un total de 116 persoas ás que se lle brinda este servizo. Non todos teñen o mesmo grao de dependencia, polo que, dependendo deste, cada persoa en particular ten dereitos a uns ou outros servizos, dependendo do que estipulen os técnicos de servizos sociais.

As persoas poden optar a un máximo de 70 horas semanais de asistencia no grao máis alto de dependencia, polo que todos os mércores se modifican as listas de espera a causa das revisións do grao de dependencia e das novas inscricións á lista. No caso de producirse unha vaga dase de alta ás persoas cun maior grao de dependencia.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O PP enche o Teatro Principal da Estrada no mitin das xerais

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, participou na noite deste mércores no mitin que a formación ofreceu na Estrada dentro da campaña das eleccións xerais. No acto, que encheu o Teatro Principal da Estrada, o partido apelou á importancia de non dividir o voto o próximo domingo 28 de abril.

O líder popular quixo acompañar na vila estradense ós candidatos ó Congreso pola formación, Ana Pastor e Juan Constenla, e tamén ó rexedor e alcaldable para as municipais, José López Campos. Acudiron tamén entre outros, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o secretaxio xeral de Política Lingüística, Valentín García; e a candidata ó Senado Pilar Rojo,  …

Publicado en Portada | Deja un comentario