O Ceip OFoxo dedícalle un recuncho ó crítico literario Armando Requeixo, foi recibido a entrada no Colexio , plantou un carballo no xardín da poesía e visitou e falou na biblioteca Xosé Neira Vilas.
O Ceip OFoxo dedícalle un recuncho ó crítico literario Armando Requeixo
Coloquio sobre a convivencia familiar en Riobo o Xoves 04/04/19

Asociación de mulleres Torre da Barreira de Riobó en colaboración con Acrofam organizan Coloquio sobre a convivencia familiar o vindeiro Xoves 04/04/19 no Local Social de Riobó
Talía Teatro porá o venres o foco sobre a falta de comunicación das parellas

Talía Teatro porá este venres, 29 de marzo, o foco sobre a falta de comunicación que existe entre algunhas parellas na súa obra, A primeira vez, que se estreará no Teatro Principal da Estrada ás 21:00 horas. Trátase dun drama disfrazado de comedia que irá dando as claves aos espectadores ao longo da actuación para chegar a entender a súa lóxica.
Esta obra chega á carteleira estradense da man como director de Artur Trillo; un profesional vencellado á Escola de Artes Escénicas da localidade, onde traballou como docente durante tres anos, aclarou o concelleiro de Cultura, Juan Constenla, quen explicou que esta serie de representacións son posibles gracias ao convenio existente entre o Concello e a Xunta de Galicia, e que coa colaboración de AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) contribúe a dotar á vila dunha programación cultural estable e de calidade.
Constenla expuxo a súa convicción de que esta estrea fará que tanto público xeral como profesionais do sector poñan os ollos neste espectáculo que terá lugar na Estrada, xa que esta é a primeira estrea da compañía na vila despois de oito anos, e invitou á veciñanza, á que lembrou que as entradas xa se atopan á venda no Departamento de Cultura do Concello, a acudir o venres ao teatro.

Talía Teatro é unha das compañías máis activas do país, gañadora de diversos premios e cuxa última estrea, Vida de cans, apenas foi o mes pasado, sinalou o director de AGADIC, Jacobo Sutil, que afirmou que é un orgullo para a Xunta de Galicia apoiar na súa vindeira estrea na Estrada a unha compañía que toca todos os rexistros interpretativos. Tamén agradeceu ao Concello o seu compromiso coa cultura e o teatro antes de ceder a palabra ao director da obra, Artur Trillo.
Este afirmou que é un pracer volver a un lugar no que estivo traballando e do que garda un grato recordo e moitas amizades. Agradeceu as facilidades que lles da o Concello da Estrada á hora de ocupar e acondicionar as instalacións do teatro, onde levan traballando dende o luns pola mañá de cara á función do venres. Asegurou que se trata dunha obra complexa, na que a parte dramática ten máis peso que a cómica, durante o transcurso da cal iranse dando as claves para entender a súa lóxica.
Pola súa parte, a actriz María Ordóñez inquiriu que o público ten que acudir ao teatro para descubrir que pasa con esas dúas persoas e esa preparación para un primeiro encontro íntimo que segundo a visión da protagonista, ten que ser perfecto, de maneira ritual, tal como ocorre no cine romántico. O elenco da obra, tanto director como actores esperan que o público acuda de forma masiva a ver esta obra coa que se senten plenamente satisfeitos.
Susana Camba considera unha broma pesada que Constenla e Pastor se erixan agora en defesores da Variante
A candidata do BNG ao Congreso destaca que fronte ao pasotismo das forzas políticas estatais, está o expediente impoluto do BNG na defensa dos intereses dos veciños e veciñas da Estrada

“Ten que ser unha broma pesada que Ana Pastor e Constenla se erixan agora en defensores da Variante”, afirmou Susana Camba, candidata do BNG ao Congreso. “Temos que lembrar que en 2015 a daquela Ministra de Fomento veu á Estrada a anunciar, en plena campaña electoral das municipais, a licitación inmediata da Variante”, engadiu. “Catro anos despois seguimos xa non cos anuncios, senón con declaracións de intencións dun partido que ten nula credibilidade para prometer nada”, afirmou.
A candidata do BNG que figura no número 3 da candidatura ao Congreso, Susana Camba, explicou que “Ana Pastor non ten leximitidade para prometer nada, logo mentirnos a todos os veciños e veciñas en 2015”, que “veñan agora Constenla e Ana Pastor a prometer que se vai defender os intereses da Estrada, cando até agora estiveron cos brazos cruzados é unha tomadura de pelo aos veciños e veciñas do noso concello”. “Xa non cola”, engadiu.
“Como tampouco cola que veña agora o PP o alcalde a dicir que o PP da Estrada é un referente, cando até agora baixaron a cabeza e calaron”, explicou ,”en todo caso, o PP da Estrada é referente da submisión e defensores da discriminación o noso concello e a Galiza”.
“E fronte ao pasotismo de todas as forzas políticas estatais, sexa PP, PSOE ou Podemos-En Marea, que nada fixeron pola variante nos últimos anos”, explicou Susana Camba, “está o expediente do BNG, a nosa traxectoria política en Madrid, sempre defendendo os intereses dos veciños e veciñas, tendo na Variante o noso principal obxectivo, como demostran as sucesivas emendas que presentamos aos orzamentos do Estado”.
“Pola nosa parte”, engadiu a candidata do BNG, “seguiremos pulando por esta infraestrutura que consideramos vital para o noso desenvolvemento social e económico.” “Iso é algo que ten moi claro os veciños e veciñas da Estrada”, afirmou.
—
O ORZAMENTO MÁIS ALTO DA HISTORIA DO CONCELLO DA ESTRADA NO REFERENTE A INGRESOS POR RECADACIÓN DE IMPOSTOS COA PARTIDA DE INVERSIÓN REAL MÁIS RAQUÍTICA DA HISTORIA ESTRADENSE
O goberno municipal, encabezado polo alcalde do PP José López Campos, ven de presentar a semana pasada un documento de orzamentos 2019 que non da resposta a ningunha das necesidades da Estrada. O orzamento acada unha cifra total de ingresos máis alta que nunca por vía de impostos, contempla máis gasto corrente improdutivo que nunca (lonxe de conter este tipo de gasto increméntao en 250.000 € con respecto ao 2018) e destina a inversión real menos que nunca.

O candidato socialista Luís López Bueno e a portavoz do grupo socialista no Concello Belén Louzao, realizaron unha valoración do documento de orzamentos 2019 presentado polo grupo de goberno. “Trátase do orzamento máis elevado pola vía dos ingresos que nunca tivo a Estrada (13,2 millóns de euros), sen embargo é o orzamento que ten a partida máis raquítica da historia estradense con respecto ao capítulo de inversións reais que se van a facer con diñeiro municipal (182.201 €)”, comentou o candidato López Bueno.
Os socialistas acusan ao alcalde José López de actuar contra os intereses da Estrada ao non corresponderse a progresión ascendente en materia de impostos directos cobrados aos cidadáns coa progresión do que realmente se vai a empregar para devolverlles en forma de inversións. “Os estradenses pagan só en impostos directos (maioritariamente no IBI) un 61 % máis que antes de que José López fose alcalde, estamos falando dun incremento de 1.583.000 € en dúas lexislaturas, mentres a partida de inversión directa baixou de 1,7 millóns a 182.000 euros con fondos propios e 240.000 € a cargo dun préstamo bancario. Tanto é así que a partida máis grande que recolle o orzamento 2019 para inversións son 20.600 euros para pavimentación en vías rurais e urbanas e 219.400 € para pagarlle á Xunta pola obra da gardería Galiña Azul, e para iso vanse pagar a cargo de endebedamento bancario”.
No capítulo de gastos correntes en 2019, lonxe de conter gasto improdutivo o goberno de José López incrementa 250.000 euros. José López vendeulle aos estradenses 250.000 € de aforro anual en materia aforro enerxético polo cambio de luminarias no casco urbano e a previsión de gasto por este concepto non se recorta nin un só euro con respecto ao ano anterior. En políticas de asentamento de poboación ou loita contra o despoboamento (e a perda de poboación na Estrada) non se consigna nin un só euro. A desenvolver solo industrial público ou actuacións de mellora nos polígonos industriais actuais non se fai previsión algunha. O apoio as políticas activas de agricultura e gandeira sigue contemplando 5.000 € para o que chama Feira da Becerra e que na última lexislatura se converteu nun xantar co alcalde e a Conselleira nun restaurante da vila. O apoio ao comercio -sector que denuncia que está a pasar por unha difícil situación que levou a pechar a moitos deles- limitase, como única novidade no 2019 a un incremento de 10.000 nas luces de Nadal (dende que José López é alcalde esta partida pasou de 17.000 a 40.000 €).
“Un ano máis podemos dicir que o gasto supérfluo en paparotas, propaganda e festexos varios volta subir, mentres non se prevén novos servizos que se prestan no rural, non se da resposta ás prioridades locais e non se recollen as obras anuncias polo alcalde”.
Sprin antes das eleccións municipais de maio
Despois da lexislatura completa en branco, o goberno municipal está a facer nos últimos meses un sprin antes das eleccións para tentar enganar novamente á cidadanía estradense. A estratexia do PP de deixar sen executar orzamentos e proxectos os anos anteriores para facer todo antes das municipais está en marcha na Estrada outra vez. “Os orzamentos municipais amosan unha vez máis que a José López non lle importan os veciños e veciñas, esto constátase en que os orzamentos non recollen nin unha soa das obras que vai prometendo facer no 2019. É máis, este documento de orzamentos amosa o que os socialistas vimos denunciando nas dúas últimas lexislaturas José López vende fume: prometeu unha nova traída en Codeseda, en Tabeirós e Nigoi e o orzamento municipal 2019 non destina nin un só euro ao efecto; prometeu facer saneamentos, obras de ampliación na depuradora municipal, desenvolver solo industrial, pistas de atletismo,….e o resultado en todos os casos é cero euros consignados para elo nos orzamentos”.
Mar de Compostela elabora unha guía turística da Estrada e comarca para as casas rurais

A Asociación de Turismo Rural Mar de Compostela elaborou, en colaboración co Concello da Estrada, unha guía turística da localidade e a comarca para a súa distribución nas dezaoito casas rurais vinculadas a ela. A presentación da guía estará aberta ao público e terá lugar este xoves, 28 de marzo, ás 19:30 horas no MOME, segundo informou hoxe o concelleiro de Turismo, Óscar Rancaño.
O concelleiro sinalou que estas guías servirán como unha axuda efectiva para que os visitantes que se acheguen á Estrada teñan un referente dos diversos atractivos da zona que poden visitar. Os lugares recollidos son principalmente enclaves naturais, que non requiren de reserva previa ou dependen de horarios de apertura, como fervenzas, mosteiros e muíños, explicou a presidenta de Mar de Compostela, Ana Villamayor, que aclarou que tamén se inclúen festas como a Rapa das Bestas ou enclaves coma o Pazo de Oca.

A tirada inicial comprende 5.000 exemplares que se distribuirán nas dezaoito casas rurais vinculadas á asociación (dezaseis da Estrada e dúas de Forcarei), pero cabe a posibilidade de aumentar a tirada, incluíndo algunha modificación e distribuíla tamén en oficinas de turismo e concellos limítrofes, indicou Villamayor.
O volume está dividido en dúas zonas con sendas rutas circulares que comparten un nexo común arredor da N-640, segundo explicou a tesoureira da asociación, Susana Cancela. A primeira ruta sae da Estrada cara as Brañas de Xestoso, Silleda, a Fervenza da Toxa, o mosteiro de Carboeiro, San Miguel de Castro, o Pazo de Oca, o areal de Berres e de volta cara o casco urbano; mentres que a segunda percorre Codeseda, Sabucedo, as Neveiras de Fixó, Aciveiro, as Brañas de Xestoso e Callobre.
Ambas son rutas pensadas para facer nun día en coche e recollen enclaves principalmente da Estrada, pero tamén de Silleda, Vedra e Forcarei. Tamén se inclúen rutas de sendeirismo, pero os dous percorridos principais están pensados para o automóbil nunha guía que é a primeira que reúne tantos puntos de interese, finalizou Cancela.






























































