“Presumir de que A Estrada ten 13 persoas menos no paro que Lalín é ridículo e absurdo”, afirmou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, en resposta a unha publicación do alcalde do noso concello nas redes sociais, onde pon en valor os datos do paro de ambos os dous concellos. “É ridículo, porque á hora de comparar o paro hai que facelo con porcentaxes que teñan en conta a poboación activa, non con valores absolutos como fai o alcalde, así, se collemos os datos que reflicte o dixital Expansión temos que no mes de novembro de 2018 A Estrada tiña un paro do 13,07%, mentres que Lalín tiña 12,80%”, explicou o concelleiro nacionalista. “E isto son datos do paro, porque se houbese datos da enquisa de poboación activa por concellos (EPA), con toda seguridade os datos serían aínda peores”, engadiu.
En novembro de 2018 a tasa de paro da Estrada era de 13,07%, mentres que en Lalín era do 12,08%.
Xosé Magariños: “O alcalde presume da miseria, porque descoñece A Estrada real”
“O alcalde parabenízase da miseria”, indicou Magariños, “porque 13 persoas menos que Lalín non é un dato para botar foguetes, é para reflexionar de que está a facer mal o goberno municipal para que o paro no noso concello sexa tan alto”.
“O alcalde antes de poñerse a escribir en Facebook debería dar unha volta pola rúa para ver os comercios que hai pechados ou polo polígono de Toedo para ver que alí non colle unha empresa máis ou polas empresas do sector da madeira e do moble que nin ampliar instalacións e por suposto tampouco poder ir para a Cidade do Moble, porque o alcalde non é que de esixirlle a Feixóo cartos para o polígono sectorial”, afirmou Magariños.
“Autocrítica e algo de humildade é o que lle fai falta a este goberno municipal”, indicou o concelleiro do BNG, “está fóra da realidade, non fala coa xente, porque se coñecese A Estrada real, se falase cos veciños e veciñas, falaríalle dunha estrada moi distinta que non causa a envexa que di o alcalde, senón todo o contrario”.
O VI Festival Panic
comezará o 18 de xaneiro e
estenderá as súas actividades ata o vindeiro 8 de febreiro, segundo anunciou
hoxe o concelleiro de Cultura, Juan Constenla. O festival, organizado polo
departamento de Cultura do Concello, conta coa colaboración do servizo de
Prevención de Trastornos Adictivos da Concellería de Sanidade, da produtora
audiovisual Trípode e dos Minicines Central.
O festival de
terror arrancará o venres 18 de xaneiro coa procesión da Santa Compaña oficiada
por Fran Campos, que iniciará o seu percorrido ás 19:30 horas dende a Praza do
Campo da Feira e rematará na Praza do Concello cun concerto e baile a cargo da
banda Broken Peach. Os asistentes poderán maquillarse na Praza do Campo da
Feira antes da hora de saída e tomar chocolate de balde.
Nesa mesma xornada
e pola noite, a partir da medianoite comezará o maratón de cine de terror, no
que se proxectará unha película de estrea; Glass, e outras tres películas de
terror de diferentes subxéneros: Zombeavers, Los extraños. Cacería nocturna e
Planet terror. Un maratón que se estenderá ata as 6:30 da madrugada.
Os seguintes venres
ata o 8 de febreiro proxectaranse de balde ata completar aforo nos Minicines Central
películas de terror, sempre na sesión de medianoite. Os filmes elixidos serán Mamá y papá (25 de xaneiro), Las
noches de Halloween 2018 (1 de febreiro) e Revenge (8 de febreiro).
O 25 de xaneiro ás
21 horas terá lugar un contacontos de medo a cargo de Lois Pérez, para o que
contarán con prioridade as persoas afectadas pola cancelación en novembro.
Lémbrase que é preciso retirar invitacións no departamento de Cultura do
Concello para acceder ao espectáculo.
O 8 de febreiro
celebraranse as galas finais dos concursos de curtas, galardoado cun premio de
300 euros en metálico, e de fotografía, galardoado cun premio en metálico de
150 euros para a categoría de máis de 18 anos e un bono de compra de ACOE por
valor de 150 euros para a categoría de menos de 18 anos. A gala de entrega de
premios celebrarase nos Minicines Central e as bases pódense atopar na web www.panic.aestrada.com.
Como novidade, esta
edición inclúese o 7 de febreiro ás 22:00 a actividade Noite das bestas. Unha
actividade cinematográfica dirixida especialmente para os amantes do terror.
Unha actividade de diálogo na que se exhibirán escenas de películas prohibidas
nalgúns lugares e que acostuman a causar aprensión no público xeral, segundo
aclarou o coorganizador do festival, Pedro Pérez. Non é preciso inscribirse
previamente para a actividade, é suficiente con aparecer o día e hora sinalado
na Praza do Concello, establecido como punto de encontro.
Aínda con data sen
confirmar se atopa o obradoiro de microrrelatos de terror, que será impartido
por Neves Soutelo no mes de xaneiro.
Na visita á escola infantil da Galiña azul do
concello da Estrada programada para hoxe, tanto o alcalde, José López Campos,
coma o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo, amosaron a súa
preocupación á hora de favorecer a conciliación familiar e as taxas de
natalidade, e a importancia de adoptar medidas eficientes orientadas cara a
consecución dese obxectivo como recurso ante o despoboamento da comunidade.
Nuñez Feijóo acudiu á visita da escola coa
conselleira de Política Social, Fabiola García, e percorreron as instalacións
do centro acompañados polo rexedor local e a concelleira de Educación, Amalia
Goldar, mentres observaban as actividades e métodos de ensinanza que forman
parte das rutinas dos nenos.
Unha vez rematada a inspección das instalacións,
López comezou a súa intervención agradecendo a visita presidencial a unha obra
largo tempo esperada polos estradenses, rapidamente fixou a mira sobre o
problema que o envellecemento e o despoboamento supón, xa non só para as
localidades do interior de Galicia, senón para toda a comunidade, e concretar
que esta situación non pode ter solución se non é a través da implicación
conxunta de todas as administracións públicas a través da adopción de medidas
que permitan paliar os síntomas.
Por ese motivo, non había un escenario mellor onde
tratar esa cuestión que na nova escola infantil da Galiña azul, posta en marcha
para o comezo do presente curso e que permitiu que a localidade pasase de ter
problemas de déficit de prazas a unha situación na que a Estrada ostenta unha
das maiores taxas de cobertura de escolas infantís da comunidade.
A posta en marcha e a aposta por proxectos coma
este é un orgullo para a Estrada, que xa conta con dúas escolas infantís, e que
xunto con iniciativas coma o centro de día, que se porá en funcionamento
proximamente, supoñen a crave para paliar os problemas demográficos, apuntou o
alcalde.
Deseguido tomou a palabra o presidente da Xunta,
para felicitar a todos os implicados na construción do centro, do que afirmou
que ten gran importancia arquitectónica e estética, pero tamén simbólica, en
referencia á elección dos materiais que conforman un edificio maioritariamente
construído en madeira nunha localidade que é un referente e sinónimo do moble,
da ebanistería e da carpintaría de primeiro nivel coma o é A Estrada.
E seguindo co discurso do alcalde lembrou que é
unha obriga emprender políticas de conciliación e aportar ferramentas para
rebaixar un impacto demográfico que xa hai en toda España e na maior parte de
Europa, matizou. Unha desas ferramentas é a creación de centros coma este, que
aportan unha capacidade de 74 prazas para que os proxenitores teñan opcións de
conciliación e que case ven a dobrar a cantidade de alumnos que se poden
matricular na Estrada, situando a cifra en 208 prazas.
Tamén sinalou a importancia da creación de máis
espazos como o que esta localidade está levando a cabo na zona da Baiuca, onde
o centro de saúde se unirá proximamente ao que xa ocupa a escola, creando unha
zona dirixida aos cidadáns, á ensinanza e o benestar, concretou Feijóo, quen
tamén fixo un chamamento ás empresas privadas, ás que pediu que non vexan ás
traballadoras embarazadas como un problema, senón como un motivo de celebración
e que asuman a conciliación como un compromiso social e económico que precisa
de apoio xa que, sen nenos e nenas, o porvir de calquera sociedade estaría
comprometido, sentenciou.
A continuación expuxo que administración
autonómica investirá 36 millóns de euros na tarxeta social benvida a fin de
fomentar a natalidade, pola que os proxenitores poderán optar a unha axuda
económica ata que os seus fillos cumpran os 3 anos, así como iniciativas coma o
“bono coidado”, para cando un fillo ou coidador cae enfermo, que o ano pasado
solicitaron 400 familias e que este ano quintuplicará o seu investimento.
Para rematar lembrou que cada ano morren entre
31.000 e 32.000 galegos e se rexistran arredor de 20.000 nacementos, pero que a
adopción de medidas para fomentar a natalidade e de conciliación poden resolver
o problema, polo que quixo enviar unha mensaxe de optimismo e compromiso, pero
lembrando que só con compromiso pode haber optimismo.
Os veciños da Estrada poderán solicitar as
bonificacións do IBI ata o 31 de marzo, sempre que a parcela afectada estea
dedicada a actividades agrícolas, gandeiras ou forestais, segundo informou hoxe
o alcalde, José López Campos.
Esta bonificación fiscal local ten carácter
rogado, polo que han de ser os propios veciños os que acudan ao Concello para
pedila. A tramitación efectuarase na oficina do rural e cada solicitude terá
que ser estudada e aprobada en Pleno para a súa concesión.
A medida bonificará cunha rebaixa do 95 por cento
ás parcelas dedicadas unicamente a actividades agrícolas, gandeiras e forestais
e do 50 por cento cando se coexistan outros usos, coma o residencial.
Para acceder a estas axudas é preciso certificar
que se están desempeñando actividades agrarias na parcela, que o suxeito pasivo
carece de débedas e que a persoa solicitante está ao corrente de pago coa
facenda pública.
Actualmente existen na localidade arredor de 400
persoas que poderían solicitar este tipo de bonificacións.
O alcalde da Estrada, José López Campos, reuniuse
hoxe cos medios de comunicación para facer balance deste último ano de
lexislatura. De como os proxectos comezados fai anos chegaron a unha fase de
materialización en 2018.
Comezou agradecendo aos medios autonómicos os
esforzos que fan ao manter delegacións en cada municipio, conscientes da
importancia que ten para a veciñanza o conxunto de noticias municipais e locais
pertencentes a cada rexión, así como a resolución dos contratempos que xorden a
diario.
Esta cobertura informativa detallada é a que
permite aos cidadáns ter conta da evolución dos proxectos iniciados polas
administracións locais, que non son cousas de meses, matizou López, senón que
se dilatan durante anos de moito traballo ata que emerxe o resultado final.
Un exemplo desta planificación a medio e longo
prazo é a habilitación da zona da Baiuca como espazo de servizos públicos, onde
recentemente comezaron as obras de construción do que será o novo centro de
saúde, e tamén o novo curso escolar da escola infantil da Galiña Azul. Unha
andadura que comezou hai 7 anos coa recuperación dos terreos do campo de fútbol
onde agora se levantan ambas estruturas, e que nun futuro podería albergar unha
residencia para os nosos maiores,
aventurou o rexedor local.
Só a cesión dos terreos ao Sergas para levantar o
centro de saúde supuxo oito meses de traballo, aclarou, pero dende que se
recuperou o terreo ata que estea acabado, para finais de 2019, haberán pasado
oito anos, polo que transformar un pobo non é doado.
Ademais, non todo xira en torno ás grandes obras.
Todos os días hai que solucionar problemas que xorden no día a día da veciñanza
e aos que hai que dar solución sen desatender ningún dos proxectos.
Tampouco se poden esquecer os servizos municipais,
como o de recollida do lixo, no que se investiron máis de 800.000 euros entre a
adquisición de camións, contedores e as estruturas que fixan estes instaladas
no rural. Aínda que quedan pendentes a renovación do servizo de recollida
selectiva e a do punto limpo.
Fixando a continuación a mirada no nivel de
infraestruturas coas que conta a vila, López explicou que hoxe son os outros os
que miran cara a Estrada con envexa, a un municipio que se converteu na capital
galega de xestión das emerxencias, onde se radican a Academia Galega de
Seguridade e o centro AXEGA, centralizando os servizos nun complexo que reúne a
cerca de 400 traballadores; con instalacións deportivas de primeiro nivel onde
se practican arredor de corenta disciplinas.
A continuación, e en termos económicos, esclareceu
que o Concello pechará o ano con remanentes por valor de arredor do millón de
euros. Un resultado máis que óptimo, segundo afirmou, se se ten en conta que o
departamento de Intervención está pechando a contabilidade con todas as
facturas pagadas e ao día e que se están executando as actuacións previstas e,
con elas, os fondos concedidos.
Cómpre citar tamén que este goberno estivo
manexando anos atrás presupostos cifrados en arredor dos doce millóns de euros,
pero que este ano superaron os 22 millóns a base de conseguir acordos de
cooperación con outros organismos. Unha suba nos orzamentos que se inverten no
concello e que repercute directamente na calidade de vida dos veciños.
López situou en 2013 o punto de inflexión no que
na Estrada comezou a crer en si mesma e a partir do cal se ven dando unha
transformación enfocada a mellorar a calidade de vida dos seus cidadáns. O paso
dunha etapa con máis de 2.300 persoas desempregadas, con máis de 500 parados
respecto a outros municipios de poboación e tamaño similar, a pasar a ter
arredor de 1.500 actualmente.
A política non se reduce a aparecer cada catro
anos para pedir o voto, é unha batalla do día a día, proseguiu López, que
afirmou sentirse satisfeito e reconfortado por este ano, que supón un resumo e
materialización de proxectos de anos pasados.
A Estrada ten agora un horizonte marcado para os
próximos dez ou quince anos para os que deixamos proxectos sólidos e unha vila
en mellor estado do que a encontramos, sinalou, cunha estrutura solvente e
proxectos de futuro como o do centro de día; un proxecto posto en marcha por
este equipo de goberno, o primeiro que se preocupou polo benestar das persoas
maiores e de que as familias podan desfrutar dun respiro familiar.
Outra cuestión que require de atención no futuro
inmediato é a construción dunha autovía que nos conecte con Santiago, non xa
orientada a un aforro de tempos, senón cara a vertebrar unha infraestrutura estratéxica,
coma o supón a chegada do AVE para Galicia e situar A Estrada no marco
xeográfico a nivel competitivo.
Hai tamén ameazas coma o envellecemento
poboacional, que hai que tratar de paliar e combater a base de políticas que
favorezan que á xente lle resulte atractiva a idea de mudarse ao rural e tamén
dotando o territorio das infraestruturas e servizos que favorezan esa premisa.
Para rematar, o alcalde insistiu en que é preciso
seguir na liña de desenvolvemento trazada, seguir traballando con intensidade e
sen perder de vista o que xa se leva feito e seguir a folla de ruta marcada
prestando atención ás necesidades da poboación dunha vila que non deixa de
transformarse.
O Teatro Principal da Estrada contará mañá, 29 de
decembro, con dous pases do espectáculo Screen Man. Un deles terá lugar ás
12:00 e outro ás 13:30 horas. A representación ten unha duración aproximada de
media hora e o aforo estará limitado a 60 persoas por pase.
Utilizamos cookies propias y de terceros para garantizar el funcionamiento de la web, medir su uso y mejorar nuestros servicios. Puede aceptar todas las cookies, rechazar las no necesarias o configurar sus preferencias. Política de cookies
Configurar cookies
Necesarias para que la web funcione correctamente. No se pueden desactivar desde este panel.
Ayudan a medir el uso del sitio y mejorar sus contenidos.
Permiten publicidad, medición de campañas o personalización de anuncios.
Guardan preferencias o permiten contenido externo no necesario.