HOMENAXE A ALFONSO VARELA DURÁN

Este vindeiro venres día 23, o Seminario de Estudos Locais, o Centro de Iniciativas e Turismo da Estrada e a Asociación de Fillos e Amigos da Estrada organizan unha homenaxe ao doutor Alfonso Varela Durán, finado hai apenas un ano na vila que o veu nacer no ano 1925.

Á súa condición de médico, Alfonso Varela sumou un labor humanístico e un infatigable traballo cultural que frutificou na fundación da asociación Fillos e Amigos da Estrada, caracterizada por poñer en valor o legado vital e profesional de distintos persoeiros estradenses.

A xornada comezará ás 20. 00 h da tarde cunha intervención de Ramiro Varela Cives, presidente de Fillos e Amigos da Estrada, na que fará unha breve semblanza de Alfonso Varela na súa condición de médico.

A continuación tomará a palabra Luis Reimóndez Fernández, presidente do Centro de Iniciativas e Turismo da Estrada, cun relatorio titulado “Alfonso Varela Durán e a amizade”.

A seguinte intervención correrá a cargo da directora do Seminario de Estudos Locais, María Jesusa Fernández Bascuas coa disertación “Alfonso Varela Durán e o estradensismo”.

Por último, e antes de que o alcalde da Estrada, José López clausure esta xornada cultural, Alfonso Varela Román, fillo do homenaxeado, situará a figura do seu pai no contexto familiar.

O acto, cunha duración aproximada de 75 min, desenvolverase no Museo da Madeira da Estrada (MOME), e a entrada será de balde ata completar o aforo da sala.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Augas de Galicia danos a razón: os sistemas de depuración do concello non funcionan ben

Xosé Magariños: “Levamos anos denunciando o mal funcionamento das depuradoras, alegrámonos que por fin Augas de Galicia dea un tirón de orellas ao goberno municipal”

“Hai anos que desde o BNG vimos denunciando o deficiente funcionamento das depuradoras do noso concello”, afirmou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “e alegrámonos de que por fin Augas de Galicia tire das orellas ao goberno municipal por verter auga contaminada os nosos ríos, e isto é un perigo para medio ambiente e para a saúde das persoas”.

O concelleiro nacionalista recordou que “xa antes do verán levamos ao rexistro do concello auga contaminada que se vertía aos ríos e regatos directamente dos distintos sistema que teoricamente depuraban as augas residuais”. “Iso sen mencionar”, engadiu Magariños, “as veces que denunciamos publicamente o mal funcionamento da EDAR ou dos sumidoiros, convertidos nun auténtico pozo negro de contaminación insalubre”.

Para o concelleiro do BNG, “este tirón de orellas é o recoñecemento público de que o BNG tiña razón cando alerta da situación dos sistema de depuración, e agardamos que o alcalde tome deste toque de atención e acometa con urxencia as melloras necesarias para que o sistema de depuración do concello funcione correctamente”.

“Por outra parte”, indicou o concelleiro nacionalista, “insistimos unha vez máis de que é prioritario que o goberno municipal acometa con urxencia o saneamento integral de todo o rural”. “É unha necesidade e un clamor dos veciños e veciñas que viven no rural”, afirmou Xosé Magariños, “isto si é unha prioridade, non gastar tres millóns na ampliación dunha nova Alameda”. “Os gobernos teñen que atender as prioridades das persoas, e o saneamento do rural é o primeiro”, explicou o concelleiro do BNG.

 
— 

BNG da Estrada
Publicado en Portada | Deja un comentario

Concello e Acrofam firman convenio para a educación emocional por quinto ano

O Concello da Estrada e Acrofam firman un convenio de colaboración mediante o cal se traballará a educación emocional nos centros educativos da localidade que decidan adherirse, segundo explicou hoxe o tenente de alcalde, Juan Constenla.

Os centros de primaria que participarán nas actividades desenvolvidas durante o presente curso son o de Figueiroa, o Cabada Vázquez e o Plurilingüe de Oca, xunto cos institutos de secundaria Número 1 e o Manuel García Barros, mentres que o colexio N. S. Lourdes participará nas dúas modalidades.

A directora de Acrofam, Kim Llobet, e diversos representantes da asociación e dos diferentes centros educativos fixeron un balance acerca das actividades implantadas durante os últimos catro anos, dos que todos se mostraron satisfeitos, xa que afirman que tiveron unha gran aceptación por parte do alumnado, que se involucrou plenamente nos procesos adoptados.

Este enfoque da educación emocional implantado por Acrofam trata nas aulas temas como o descubrimento das emocións a través da arte, a autoaceptación e a educación afectivo-sexual dende o punto de vista dos nenos que, a través de diferentes actividades, trasladan as súas dúbidas e inquietudes sobre determinados temas ao persoal docente.

Ademais levan a cabo talleres de debate, que melloran a expresión oral dos rapaces, fortalecen as súas habilidades comunicativas e lles confire un punto de vista máis crítico á hora de afrontar determinadas posturas, e instalaron tamén un modelo de mediación, polo cal, os alumnos resolven os seus conflitos (susceptibles de resolverse mediante este método) de xeito pacífico e de forma consensuada.

Para rematar, a directora do colexio N. S. Lourdes, Dolores Otero, subliñou que a finalidade común que perseguen todas estas iniciativas e actividades postas en marcha dende Acrofam é que os nenos crezan máis felices e cunha educación e formación que lles sexa útil de cara á vida.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Concello e Augas de Galicia reuniranse mañá para elaborar un plan de control de vertidos

O Concello da Estrada e Augas de Galicia reuniranse mañá para elaborar un plan de control de vertidos e acabar cos problemas xerados polas depuradoras instaladas no rural, segundo informou hoxe o alcalde da Estrada, José López Campos.

Na reunión trataranse de cerrar as actuacións máis inmediatas e necesarias que levar a cabo nas depuradoras instaladas no rural e no EDAR a curto e medio prazo, despois da mellora levada a cabo o presente ano neste último.

Os traballos de mantemento nas depuradoras consisten no cambio de filtros para que non se obstrúan as reixas e o filtrado se produza correctamente, pero unha proposta axeitada sería a de ampliar o sistema de decantación ou a capacidade das tolvas, sinalou López.

Outra medida interesante, aínda que queda fóra do que se tratará mañá, podería ser a de elaborar un plan de saneamento integral para todo o territorio da Estrada, buscando zonas de depuración grandes e cun sistema de recollida máis eficiente, en lugar do sistema de microdepuradoras, pero esa sería unha medida a longo prazo, finalizou o alcalde

Publicado en Portada | Deja un comentario

A conexión coa AP-53 no Alto da Rocha é unha selva abandonada pola Xunta

O concelleiro do BNG insta ao alcalde a que levante o teléfono para urxir á Xunta o desbroce inmediato desta estrada

“A Xunta do PP non só abandona o noso concello nos Orzamentos, tamén nas infraestruturas que son da súa titularidade”, denuncia o concelleiro do BNG, Xosé Magariños logo de que veciños e veciñas que utilizan a diario a PO-505 entre o Alto da Rocha e entrada da AP-53, e que tamén dá servizo á parroquia de Orazo, puxeran en coñecemento do BNG o mal estado desta estrada.

Xosé Magariños explicou que “a estrada PO-505 é unha selva, está practicamente tomada polos toxos e todo tipo de especies arbustivas”. “Hai moitos meses que esa estrada non ve unha desbrozadora da Xunta nin en pintura”, afirma o concelleiro do BNG, “tal é a altura que teñen os arbustos que tapan por completo case todas os sinais de tráfico, por moi grandes que estas sexan”. “É como meterse nun túnel”, indicou Magariños.

“Cústanos crer que non lle chegaran ao alcalde queixas o estado lamentábel desta estrada”, afirmou Magariños, “unha estrada da Xunta non pode estar nestas condicións, e menos cando é a entrada dunha autoestrada, a parte de dar servizo aos veciños e veciñas de Orazo”. “Por iso”, engadiu o concelleiro nacionalista, “desde o BNG instamos ao alcalde a levantar o teléfono e chamar á Xunta para que pasen unha desbrozadora antes de que remate o mes, porque isto é unha vergonza, non se poden ter as estradas neste estado polo perigo que conleva para os condutores, non se ven nin os sinais de tráfico”.

“Por outra parte”, explicou Magariños, “insistimos unha vez máis na necesidade de cambiar o acceso á PO-505 no Alto da Rocha”. “Tal e como está é infranqueábel para os camións pesados que queiran acceder á autoestrada Santiago-Ourense”, afirmou o concelleiro do BNG.



— 

BNG da Estrada
Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada di non á violencia contra a muller

O Centro de Información á Muller (CIM) do Concello da Estrada organizará durante a semana diversas actividades en materia de igualdade, que culminará cunha concentración diante do Consistorio de cara a conmemorar o Día internacional contra a violencia cara as mulleres, que se celebrará o vindeiro 25 de novembro ás 13:00 horas.

Nesta concentración do día 25 lerase un manifesto institucional,acordado no pleno por tódalas forzas políticas, co fin de amosala repulsa cara as agresións machistas, segundo explicou hoxe a directora do CIM, Margarita de la Calle, que fixo fincapé no cambio de horario, xa que en anos anteriores se facía preto do solpor.

Sen embargo, as actividades comezarán mañá mesmo, coa previsión da instalación dunha escaleira que represente o círculo da violencia de xénero. Un proxecto levado a cabo coa colaboración do alumnado dos institutos da localidade, que incluirá frases típicas de control e ameaza, propias de relacións tóxicas, pero tamén frases en positivo, que representarán unha subida e baixada dos niveis de violencia.

O mércores 22, ás 18:00 horas, terá lugar unha charla na Sala Abanca que tratará de transmitir a importancia de educar sen caer nos estereotipos de xénero, baixo o título Máis aló do azul e do rosa.

As iniciativas buscan a participación da xente máis nova, porque a través desa participación é como eles integran a información, aclarou de la Calle, que sinalou que a semana complementarase con charlas e actividades destinadas ao alumnado de primeiro, segundo e terceiro da ESO.

Os grupos de primeiro acudirán o vindeiro luns, 26 de novembro, a unha charla informativa acerca do bo trato que se impartirá ás 12:30 horas nas instalacións do AGASP, mentres que os grupos de segundo e terceiro terán unha cita no Teatro Principal, o mesmo día e á mesma hora, onde asistirán á posta en escena da obra A Cincenta que non quería comer perdices; unha reinterpretación do conto que advirte ás mulleres para que non toleren agresións machistas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada bate récord con 896 inscritos na proba de campo a través

A Estrada acollerá este xoves o campionato zonal de campo a través que organiza a Agrupación
Deportiva Escolar da Estrada e que nesta edición baterá récord de participación ao contar, ata o
momento, con 896 inscritos, segundo informou hoxe no Concello o xefe do Servizo de Deportes da
Xunta, Daniel Benavides.
A proba, que se desenvolverá nas inmediacións da praia fluvial o xoves a partir das 9:45 horas da
mañá, confluirán alumnos dos centros educativos de Cuntis, Moraña e A Estrada. CPI Aurelio
Martínez Rey por parte de Cuntis, Santa Lucía por parte de Moraña e os IES Número un e Manuel
García Barros e colexios Pérez Viondi, de Figueiroa, Cabada Vázquez, de Oca e Nosa Señora de
Lourdes, por parte da Estrada.
As categorías abranguen dende os cativos da categoría benxamín, correspondente aos nenos de
segundo e terceiro de primaria ata os cadetes, de segundo e terceiro da ESO, incluíndo ás categorías
intermedias. Como novidade este ano implementaranse as carreiras de benxamíns por aulas e as
aulas que se proclame, como primeiras clasificadas do seu grupo, coa suma de puntos grupal das
categorías masculina e feminina representarán á zona no campionato provincial.
Benavides explicou que este compoñente para converter un deporte individual, coma o cross, nunha
actividade grupal constitúe un factor motivador para os rapaces, para algúns dos cales este será o
seu primeiro contacto cunha proba deportiva a nivel competitivo e, de seguro será unha experiencia
enriquecedora, subliñou.
Esta mesma proba zonal celebrarase o venres en Silleda, onde participarán tamén arredor de 800
escolares da localidade, de Lalín, Vila de Cruces, Agolada, Rodeiro e Dozón e competirán co
mesmo obxectivo de clasificarse para o campionato provincial no que se darán cita os clasificados
das 12 zonas que conforman a provincia, rematou.
Pola súa parte, o alcalde da Estrada, José López Campos, encargouse de pechar o acto ensalzando
os valores deportivos e recalcando a necesidade á hora de favorecer aos eventos desta natureza por
parte das administracións.

Publicado en Portada | Deja un comentario