GALERÍA FOTOGRAFÍCA DO SAN MARTIÑO EN A ESTRADA 2018:¡BÚSCATE!
GALERÍA FOTOGRAFÍCA DO SAN MARTIÑO EN A ESTRADA 2018:¡BÚSCATE!
O Concello da Estrada, en colaboración coa Escola Estrada de Fútbol Base (EEFB) e os Minicines Central apostan pola proxección de Mi mundial; unha película de corte educativo acerca das aspiracións que albergan os máis novos á hora de converterse nunha estrela no mundo do fútbol.
O filme pretende ser unha radiografía da aspiración de Tito, o seu protagonista, á hora de converterse nun profesional. Unha oportunidade para que a familia poida saír da pobreza, con tódolos cambios que esa pretensión esixe, o que ocasiona que rapidamente deixe de ver un deporte que o apaixonaba como un xogo para enfrontarse a el baixo outro prisma.
A proxección da película está programada para o venres 16 ás 17:00 e ás 19:00 horas, o sábado 17 ás 19:00, o domingo 18 ás 17:00 e o luns 19 e xoves 22, ambos ás 18:30 horas. Tódolos pases terán un prezo de 4 euros.
O filme fai fincapé na idea de que a educación e os estudos son moi importantes para os nenos, segundo explicou Luis Ribadulla, propietario da sala de cine, que afirmou que a metraxe se acerca moito á realidade e resulta ideal para ver en familia.
Con motivo da programación do musical Naviland, el lugar donde viven los Reyes Magos no Teatro Principal da Estrada o vindeiro día 2 de decembro, os CEIP e as Escolas infantís da vila, en colaboración coas concellerías de Educación e de Cultura do Concello da Estrada, a asociación Cáritas Parroquial e a produtora Sketch Eventos, pon en marcha unha campaña solidaria de recollida de xoguetes co título Sorrisos por un xoguete para os nenos estradenses máis desfavorecidos.
Este musical, é unha superprodución baseada na historia dos Reis Magos, cunha escenografía de gran formato e a adaptación de coñecidas panxoliñas. Unha obra que incide nos valores de compartir con aqueles que menos teñen, no respecto aos maiores e na necesidade de vivir as festas navideñas en familia, prescindindo de actitudes consumistas.
A dita campaña consistirá no sorteo de 50 convites (5 por centro) para asistir a este espectáculo navideño entre todos aqueles nenos que doen un xoguete, en bo estado de uso, á asociación Cáritas Parroquial A Estrada. Os xoguetes serán depositados nos respectivos centros educativos da Estrada e entregados nun acto público, que terá lugar o 29 deste mes, a dita entidade.
Atópase aberta a inscrición para a terceira proba para o circuíto “Corre A Estrada Corre”, que será o VII Cross Río Liñares, o cal se celebrará o vindeiro 2 de decembro a partir das 11:00 horas da mañá á beira da praia fluvial.
A proba, que se celebrará dentro do recinto da Sociedade Deportiva Río Ulla, contará con tres percorridos: o circuíto A, de 400 metros; o B, de 500 e o C, de 1600. Todos os circuítos estarán pechados e balizados e contarán con indicacións e sinalización.
Todos os percorridos se realizarán en superficies de herba e terra nunha distancia aproximada de 5.000 metros na carreira absoluta. As persoas interesadas en participar poden inscribirse a través da páxina web www.emesports.es, onde tamén encontrarán información respectiva á proba. Poden acceder a máis información na páxina web do Concello, nos números de teléfono 886153589 e 986570030 e no enderezo electrónico deportes@aestrada.es.
Xosé Magariños: “Non aceptamos lección de quen pensa no rural en funcións dos quilómetros de asfalto que bota e no número de votos que lle reporta”
“O hábito non fai o monxe, e por moita peregrinación que faga o alcalde a Requián, traballar polo rural non é poñerse as zapatillas para ir comer o polbo a esta romaría popular”, explicou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, respondendo así ás declaracións do alcalde da Estrada.
O concelleiro nacionalista indicou que “só desde a mala fe se pode afirmar que o BNG non fai propostas para mellorar o rural, fixémolo sempre, aí están as hemerotecas para refutar as declaracións do alcalde”. “Outra cousa é”, engadiu Magariños, “que o PP rexeitounas todas e as que aprobou meteunas nun caixón, como fai con todo”. “Uns exemplos”, explicou o concelleiro do BNG, “levamos a pleno a posta en marcha do matadoiro, completamente abandonado e saqueado, mais o PP votou en contra; pedimos en reiteradas ocasións melloraras na recollida do lixo do rural, no goberno municipal nada fixeron porque aí están os problemas que padecen diariamente os veciños e veciñas; pedimos mellorar na sinalización dos lugares e parroquias, e só hai silencio e pasotismo por parte do PP; pedimos mellorar os cadros eléctricos da luz pública, e o único que saben facer desde o goberno é remendos e chapuzas; denunciamos verquidos nos nosos ríos, e o goberno municipal non só non fixo nada, senón que é un dos culpábeis das verteduras, e o que é peor, o Sr. López fixo cero saneamentos no rural nos sete anos que leva gobernando”, explicou o concelleiro do BNG.
“Isto son feitos”, indicou Magariños, “así que non aceptamos leccións de quen só pensa no rural en función dos quilómetros de asfaltados que coloca, porque ese é o menor dos problemas que ten o rural estradense”. “Botar asfalto faino calquera goberno”, explicou Magariños, “poñer o rural a producir é outra cousa, e é precisamente no que está a traballar o BNG, producir como único xeito de superar o abandono e despoboamento, palpábel en cada recuncho do noso extenso rural”.
—
As obras da Alameda comezarán a partir do luns, tal como acordou o alcalde da Estrada, José López Campos, cos representantes da empresa Copcisa, adxudicataria da obra, trala reunión mantida hoxe, na que se precisou, ademais da data de comezo, a planificación da mesma e acordaron a presentación dun plan de seguridade e saúde este venres.
Comezarán o luns por instalar as casetas de obra e analizar as fases da actuación, xa que se tratará de compatibilizar o maior número de usos posibles da actual infraestrutura de cara ao Nadal, que será a acción máis dificultosa de levar a cabo, segundo afirmou López, que explicou que o máis sinxelo sería proceder ao valado perimetral de toda a praza para deixarlles liberdade de traballo aos operarios, pero que é un suposto que non se poden permitir dende o Concello tendo en conta a proximidade das festas e os días festivos que as acompañan.
Outra dificultade é que, pola disposición do terreo, a intervención ten que comezar dende a Praza do Concello cara atrás, cara a rúa Castelao, respectando a rasante natural da pendente, para conseguir un espazo amplo e diáfano, sen necesidade de incluír escaleiras. O movemento de terras ten que ser acorde á disposición do terreo. Sen embargo, vaise a evitar tocar a praza e parte da zona de xogos ata entrado xaneiro, aclarou.
É incompatible executar obras e dispor de todo o espazo, polo que gran parte da zona de xogos quedará incluída dentro do valado que se instalará o luns, quedando fóra del soamente a área destinada aos máis pequenos. A obra comezará coa demolición e movemento de terras, pero pouco a pouco irá ganando terreo. Non se irán liberando zonas sobre as que se vaia traballando, senón que a obra se estenderá progresivamente ata abarcar toda a superficie, debido a que o último paso, que é o pavimentado, se acometerá ao final da actuación.
A obra contará con 6 meses de prazo de execución que empezarán a contar a partir do inicio da mesma; un tempo no que o prioritario é a seguridade e a propia execución da obra, xa que canto máis se obstaculice complementando o uso do espazo, máis se dilatará o período de traballo.
Un dos artistas máis importantes do circuíto independente español acaba de confirmar a súa actuación no Teatro Principal da Estrada o vindeiro 1 de febreiro ás 22.00 h.
Trátase de Ángel Stanich, artista santanderino que comezou a súa carreira en 2014 co disco “Camino ácido” co que atopou o recoñecemento unánime da crítica especializada e dos siareiros do rock alternativo en España.
As súas continuas aparicións en Radio 3 e o recoñecemento de revistas como Rolling Stones ou Mondosonoro comezoulle a propiciar a súa participación en festivais como Sonorama, Madcool ou Noroeste. Malia este rotundo éxito, Ángel Stanich mantén un perfil enigmático e bohemio na súa carreira. Un ermitán que foxe dos medios de comunicación e do balbordo mediático para tecer composicións cheas de desamor, malditismo e melancolía.
No mes de novembro do 2017 publicou o seu segundo CD “Antigua y barbuda”, disco que aínda está a presentar por toda a xeografía española. A actuación no Teatro Principal da Estrada contará coa banda ao completo e as entradas poderán mercarse a partir do vindeiro luns 19 de novembro.
A venda poderase realizar no departamento de Cultura do Concello da Estrada de 9.00 a 14.00 h ou no Café Bar Boliche da Estrada. Tamén poderán adquirirse na web www.ticketea.com.
A presenza de Ángel Stanich sumarase á listaxe de artistas icónicos que actuaron xa no Teatro Principal da Estrada, coma Iván Ferreiro, Xoel López, La Habitación Roja ou Rubén Pozo, entre outros.