Traballar polo rural non é ir ás romarías como fai o alcalde, é poñelo a producir e dar mellores servizos

Xosé Magariños: “Non aceptamos lección de quen pensa no rural en funcións dos quilómetros de asfalto que bota e no número de votos que lle reporta”

 

 “O hábito non fai o  monxe, e por moita peregrinación que faga o alcalde a Requián, traballar polo rural non é poñerse as zapatillas para ir comer o polbo a esta romaría popular”, explicou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, respondendo así ás declaracións do alcalde da Estrada.

O concelleiro nacionalista indicou que “só desde a mala fe se pode afirmar que o BNG non fai propostas para mellorar o rural, fixémolo sempre, aí están as hemerotecas para refutar as declaracións do alcalde”. “Outra cousa é”, engadiu Magariños, “que o PP rexeitounas todas e as que aprobou meteunas nun caixón, como fai con todo”. “Uns exemplos”, explicou o concelleiro do BNG, “levamos a pleno a posta en marcha do matadoiro, completamente abandonado e saqueado, mais o PP votou en contra; pedimos en reiteradas ocasións melloraras na recollida do lixo do rural, no goberno municipal nada fixeron porque aí están os problemas que padecen diariamente os veciños e veciñas; pedimos mellorar na sinalización dos lugares e parroquias, e só hai silencio e pasotismo por parte do PP; pedimos mellorar os cadros eléctricos da luz pública, e o único que saben facer desde o goberno é remendos e chapuzas; denunciamos verquidos nos nosos ríos, e o goberno municipal non só non fixo nada, senón que é un dos culpábeis das verteduras, e o que é peor, o Sr. López fixo cero saneamentos no rural nos sete anos que leva gobernando”, explicou o concelleiro do BNG.

“Isto son feitos”, indicou Magariños, “así que non aceptamos leccións de quen só pensa no rural en función dos quilómetros de asfaltados que coloca, porque ese é o menor dos problemas que ten o rural estradense”. “Botar asfalto faino calquera goberno”, explicou Magariños, “poñer o rural a producir é outra cousa, e é precisamente no que está a traballar o BNG, producir como único xeito de superar o abandono e despoboamento, palpábel en cada recuncho do noso extenso rural”.

— 

BNG da Estrada
Publicado en Portada | Deja un comentario

As obras da Alameda comezarán a partir do luns

As obras da Alameda comezarán a partir do luns, tal como acordou o alcalde da Estrada, José López Campos, cos representantes da empresa Copcisa, adxudicataria da obra, trala reunión mantida hoxe, na que se precisou, ademais da data de comezo, a planificación da mesma e acordaron a presentación dun plan de seguridade e saúde este venres.

Comezarán o luns por instalar as casetas de obra e analizar as fases da actuación, xa que se tratará de compatibilizar o maior número de usos posibles da actual infraestrutura de cara ao Nadal, que será a acción máis dificultosa de levar a cabo, segundo afirmou López, que explicou que o máis sinxelo sería proceder ao valado perimetral de toda a praza para deixarlles liberdade de traballo aos operarios, pero que é un suposto que non se poden permitir dende o Concello tendo en conta a proximidade das festas e os días festivos que as acompañan.

Outra dificultade é que, pola disposición do terreo, a intervención ten que comezar dende a Praza do Concello cara atrás, cara a rúa Castelao, respectando a rasante natural da pendente, para conseguir un espazo amplo e diáfano, sen necesidade de incluír escaleiras. O movemento de terras ten que ser acorde á disposición do terreo. Sen embargo, vaise a evitar tocar a praza e parte da zona de xogos ata entrado xaneiro, aclarou.

É incompatible executar obras e dispor de todo o espazo, polo que gran parte da zona de xogos quedará incluída dentro do valado que se instalará o luns, quedando fóra del soamente a área destinada aos máis pequenos. A obra comezará coa demolición e movemento de terras, pero pouco a pouco irá ganando terreo. Non se irán liberando zonas sobre as que se vaia traballando, senón que a obra se estenderá progresivamente ata abarcar toda a superficie, debido a que o último paso, que é o pavimentado, se acometerá ao final da actuación.

A obra contará con 6 meses de prazo de execución que empezarán a contar a partir do inicio da mesma; un tempo no que o prioritario é a seguridade e a propia execución da obra, xa que canto máis se obstaculice complementando o uso do espazo, máis se dilatará o período de traballo.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Ángel Stanich actuará no Teatro Principal da Estrada

Un dos artistas máis importantes do circuíto independente español acaba de confirmar a súa actuación no Teatro Principal da Estrada o vindeiro 1 de febreiro ás 22.00 h.

Trátase de Ángel Stanich, artista santanderino que comezou a súa carreira en 2014 co disco “Camino ácido”  co que atopou o recoñecemento unánime da crítica especializada e dos siareiros do rock alternativo en España.

As súas continuas aparicións en Radio 3 e o recoñecemento de revistas como Rolling Stones ou Mondosonoro comezoulle a propiciar a súa participación en festivais como Sonorama, Madcool ou Noroeste. Malia este rotundo éxito, Ángel Stanich mantén un perfil enigmático e bohemio na súa carreira. Un ermitán que foxe dos medios de comunicación e do balbordo mediático para tecer composicións cheas de desamor, malditismo e melancolía.

No mes de novembro do 2017 publicou o seu segundo CD “Antigua y barbuda”, disco que aínda está a presentar por toda a xeografía española. A actuación no Teatro Principal da Estrada contará coa  banda ao completo e as entradas poderán mercarse a partir do vindeiro luns 19 de novembro.

A venda poderase realizar no departamento de Cultura do Concello da Estrada de 9.00 a 14.00 h ou no Café Bar Boliche da Estrada. Tamén poderán adquirirse na web www.ticketea.com.

A presenza de Ángel Stanich sumarase á listaxe de artistas icónicos que actuaron xa no Teatro Principal da Estrada, coma Iván Ferreiro, Xoel López, La Habitación Roja ou Rubén Pozo, entre outros.

Publicado en Portada | Deja un comentario

O BNG insta ao alcalde a moverse para mellorar o trazado da estrada Baloira-Pontecesures

Xosé Magariños denuncia que a Xunta está a colocar vallas que non teñen a debida protección para motoristas e insta a eliminar os eucaliptos das marxes que poñen intransitábel a estrada nos días de temporal

 

 A Xunta de Galiza, titular da estrada PO-2014 entre Baloira e Pontecesures, está a instalar vallas quitamedos ao longo de todo o traxecto. O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, considera que “este xeito de traballar é unha chapuza por dous motivos”. “En primeiro lugar”, engade, “non ten sentido colocar vallas quitamedos sen antes eliminar os enormes eucaliptos que hai nas marxes desta estrada, especialmente no Alto do Chedón”. 

“Estas árbores”, explica o concelleiro do BNG, “son un perigo pola cantidade de pólas que tiran á estrada durante os temporais, un feito que xa temos denunciado hai xa máis dun ano, e mesmo a Xunta de Galiza estudou en 2014 eliminar estas árbores, mais a día de hoxe aí seguen 4 anos despois, causando problemas as veciñas e veciños de Santa Mariña que teñen que utilizar a diario esa estrada”.

“Ademais”, engade Magariños, “todas as vallas que colocou a Xunta de Galiza -e foron moitos quilómetros- non teñen a debida protección paras motoristas”. “A día de hoxe todas as estradas deberían contemplar a estas proteccións para evitar graves lesións ás persoas que utilicen este tipo de vehículos, especialmente nunha estrada chea de curvas como é a PO-214 que une Baloira e Pontecesures”, explicou o concelleiro nacionalista.

“Por outra parte”, indicou Xosé Magariños, “tendo en conta que esta estrada é a única comunicación que ten A Estrada coa autovía da Barbanza, sería oportuno que o goberno municipal do PP fixera as xestións oportunas, non só para que a Xunta coloque unhas vallas menos agresivas cos motoristas e para que eliminen os eucaliptos, senón que é hora de que termos unhas comunicacións á altura das nosas necesidades”. “Por iso pedimos”, explicou o concelleiro do BNG, “que o alcalde se mova para mellorar o trazado, empezando polo perigoso cruce de Baloira, a capa de rodadura, colocar arcéns, … en definitiva termos unha PO-214 do século XXI e non unha corredoira pola que pasan a diario centos de vehículos e camións”.



— 

BNG da Estrada
Publicado en Portada | Deja un comentario

Esgotadas as invitacións para ver a Leilía no Teatro Principal

As invitacións para a actuación de Leilía, que terá lugar este sábado, 17 de novembro ás 21:00 horas no Teatro Principal,  atópanse xa esgotadas. Sen embargo, dende o Departamento de Cultura do Concello da Estrada lémbrase que aínda se dispón de entradas para o espectáculo cómico de Pepe Viyuela do vindeiro 15 de decembro e arredor de 130 invitacións para a actuación de Roi Casal, o vindeiro 1 de decembro; ambas ás 21:00 horas.

Publicado en Portada | Deja un comentario

Prodúcese un cambio no cartel de Lume na lareira

O festival folk Lume na lareira experimenta un cambio de última hora tras a caída do cartel do cantautor Manolo Pintos, que será substituído por Manolo Iglesias, integrante de Fuxan os ventos, que presentará a última peza que gravou xunto con Juanjo Mariño ao acordeón, Julio González, Carlos Peso e José Iglesias como encargados de pórlle voz á actuación e este último tamén á guitarra. 

Publicado en Portada | Deja un comentario

A Estrada pon en marcha o seu cuarto Programa Integrado de Emprego

O Concello da Estrada pon en marcha o cuarto Programa Integrado de Emprego “A Estrada Activa IV”, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e que se vai xestionar dende a Fundación Cultural A Estrada, co obxectivo acadar a mellora da empregabilidade e a inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego da localidade.

Esta edición do PIE conta con prazas para 100 participantes pertencentes aos colectivos de persoas desempregadas con discapacidade, en risco de exclusión social, menores de 30 ou maiores de 45 anos, perceptoras de prestacións, mulleres e persoas desempregadas de longa duración.

Para poder participar neste programa é requisito imprescindible estar inscrito como demandante de emprego no Servizo Galego de Colocación, onde se realizará unha selección previa dos participantes. As persoas interesadas en obter máis información sobre este programa, poden solicitala a través do teléfono 986 57 09 97 ou directamente no Servizo de Emprego e Desenvolvemento Local da Fundación Cultural de A Estrada, sito na planta baixa do número 94 da Avenida Benito Vigo.

“A Estrada Activa IV” contempla un obxectivo de inserción do 35 por cento durante os doce meses do seu período de funcionamento, dende novembro de 2018 ata finais de outubro de 2019, tal como aconteceu nas edicións precedentes, nas que se acadaron cotas de inserción superiores a esa porcentaxe.

Os participantes do Plan Integrado verán fornecidas as súas aptitudes mediante formación en novas tecnoloxías e idiomas, formación específica para o emprego, fomento da capacidade emprendedora ou prácticas profesionais non laborais en empresas, entre outras accións.

Publicado en Portada | Deja un comentario